Un artigo de GCiencia vén de gañar o XXII Premio Xornalístico Albarelo, un galardón que outorga o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC). O traballo gañador, premiado con 3.000 euros, foi Laboratorios Orzán: pioneiros da farmacia en Galicia, publicado o 25 de decembro de 2021 en GCiencia coa firma de Eduardo Rolland. Tamén se entregaron dous accésits, premiados con 1.000 euros, aos tamén xornalistas Lois Balado e Alberto Cornejo. Finalmente, entregouse unha mención especial sen dotación económica a Deborah García Bello polo seu labor de divulgación sanitaria durante toda a pandemia.
Máis polo miúdo, o Premio Xornalístico Albarelo ten por obxectivo fomentar a elaboración e difusión de traballos xornalísticos relacionados coa saúde e, en especial, co mundo da farmacia. Dende a súa creación, hai 22 anos, xa se premiou a 81 informadores, infografistas, cámaras e ilustradores, na súa gran maioría de medios de ámbito galego. No que respecta á edición deste ano, moitos dos temas presentados analizaban cuestións relacionadas coa pandemia, a investigación en vacinas ou os produtos sanitarios. Pero tamén se valoraron publicacións ou emisións centradas noutras temáticas de saúde e medicamentos.
Premios de GCiencia
En 2017, outra reportaxe de GCiencia, A ataxia SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte, de Manuel Rey, foi elixida gañadora do Premio Galicia de Xornalismo Científico, que concede a Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. O xurado destacou a calidade deste traballo xornalístico, que analiza as características desta doenza de orixe xenética propia da Costa da Morte.
Dende a súa fundación, en 2013, GCiencia sumou premios como o de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia, o Prismas, o Rosalía de Castro de Lingua, o Mil Primaveras e o Premio da Crítica de Galicia, na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas. Tamén foi finalista do galardón do público da feira Culturgal en 2016.