Contra o tópico do visionario adiantado ao seu tempo, a realidade é que Jules Verne non foi un autor de grandes anticipacións, senón que reflectiu os inventos que xa estaban a aparecer no seu tempo. O submarino xa fora inventado cando o escritor nantés describiu o Nautilus ao capitán Nemo. En 1620 xa existía un trebello de propulsión humana deseñado por Cornelius Drebbel. E, desde un século antes de escribir ‘20.000 leguas baixo dos mares’, probáronse no mundo toda sorte de prototipos. Houbo algúns máis funcionais, capaces de ser armas de combate na Guerra de Independencia Americana. E outros que nunca foron botados. En Francia, destacou o ‘Nautilus’, do estadounidense Robert Fulton, que foi probado no Sena en 1800. Pero non hai dúbida de que o que máis animou ao escritor coa súa novela foi o “Plongeur”, que se presentou na Exposición Universal de París de 1867, dous anos antes de que Verne comezase a publicar a súa novela. Por desgraza, cando foi botado á auga, non funcionou. Ao ‘Plongeur’ falláronlle as contas da Gravidade Universal e do principio de Arquímedes. E afundiu: a súa inmersión foi impecable, pero non volveu emerxer.
Pero o ‘Plongeur‘ animou a Verne a mergullarse nunha nova trama novelesca. O escritor francés era un ávido lector de xornais e revistas. Neles atopaba a inspiración para os seus proxectos. Non esquezamos que era un produto do seu tempo: a segunda metade do século XIX, coa fascinación pola idea de progreso. E unha acumulación de adiantos técnicos, xa no tránsito do vapor cara á electricidade.
O que é menos sabido é que Verne tamén atopou inspiración na ría de Vigo. E que non é casual que lle dedicase un importante capítulo de ‘20.000 leguas baixo dos mares’, onde se narra como o capitán Nemo rescata en Rande os tesouros da batalla naval de de 1702.
Porque outra nova que animou a Verne foi unha formidable estafa relacionada con Galicia. Mentres escribía a súa novela, destapábase unha gran fraude cometida por un inglés chamado David Langland. Tras obter da Coroa de España unha licenza para mergullarse na enseada de San Simón, primeiro é traspasada a un financeiro francés, Simon Sicard, por unha forte suma de cartos. Pero, posteriormente, crea unha sociedade anónima que afirma que aínda posúe os dereitos. Immediatamente, comeza a vender en Londres participacións fraudulentas, prometendo unha expedición con inxentes beneficios. Tamén di poder demostrar “matematicamente” que hai millóns e millóns de libras mergullados na ría de Vigo.
A estafa termina nos tribunais, con España, Francia e Inglaterra implicadas. Hai pequenos bancos preto da quebra, por investir nas participacións fraudulentas. E é noticia en todos os diarios europeos, o que esperta a curiosidade de Verne sobre a batalla de Rande, que terminará por incluír no capítulo titulado “A baía de Vigo”.
Pero hai outro asunto decisivo. É importante apuntar que, na inspiración de Verne, nunca estivo o libro “Les galions de Vigo”, editado por Hipólito Magen en París en 1873. Porque esta obra apareceu tres anos despois que “20.000 leguas baixo dos mares”, que rematou de publicarse en 1870. Si, en cambio, puideron influír no autor as propias campañas de Magen, moi seguidas na prensa da época, nas que ensaiou unha campá somerxible obra do enxeñeiro Bazin. Estas inmersións comezaron o 20 de febreiro de 1870 e Verne non rematou a súa obra ata o mes de xuño. Ao ser un dos seus últimos capítulos, é posible que se documentase coas noticias daquela expedición, na que se ensaiaron a luz eléctrica baixo a auga e as escafandras semiautónomas inventadas por Benoit Rouquayrol e Auguste Denayrouze. Hai en ambos os dous adiantos técnicos moitos paralelismos coa novela, pois os menciona no capítulo XVI, titulado “Un paseo pola chaira”. Tamén aparecen nunha cacería submarina na illa de Crespo.
Ademais, hai outro invento que estreou Magen en Vigo que aparece apuntado na novela de Verne: a lámpada Ruhmkorff. Tratábase dunha revolucionaria lámpada eléctrica. Heinrich Daniel Ruhmkorff, nacido en Hannover en 1803 e falecido en París en 1877, foi un enxeñeiro alemán famoso polo seu adiantos en electricidade; o principal, unha bobina de indución que sería un fito tecnolóxico do século XIX. Sería usada máis tarde como xerador eléctrico físicos como Heinrich Rudolf Hertz, para os seus experimentos con ondas, ou inventores como Guglielmo Marconi, nas súas emisións de radio.
Ademais, das creacións de Ruhmkorff xurdiu esta lámpada, capaz de iluminar baixo o mar, e que foi estreada por Hipólito Magen en Vigo, sendo noticia nos diarios europeos, moi atentos á campaña de rescate dos galeóns. Así que podemos afirmar que Jules Verne atopou en Vigo novas inspiradoras para escribir ‘20.000 leguas de viaxe submarina’. Achou argumentos en todo o que se publicaba sobre os futuros traballos do rescate do presunto tesouro de Rande, incluíndo as novas tecnoloxías que estreaba Magen e que logo el incorporou ao Nautilus de Nemo. Todo iso era noticia nos diarios de media Europa.