Mércores 24 Abril 2024

Laboratorio Orzán: pioneiros da farmacia en Galicia

Fai un século nacía na Coruña unha industria farmacéutica que lanzou un analxésico, un complexo vitamínico ou un dentífrico con selo galego

Galicia tamén soubo innovar no sector farmacéutico. Antes de que se agrupasen os grandes laboratorios mundiais en xigantes como  Roche,  Merck,  Jansen ou  AstraZeneca, houbo medicamentos deseñados e fabricados en Galicia, por unha pequena industria farmacéutica, ás veces nada desde as propias boticas, entre o que destacou o coruñés Laboratorio Orzán, que lanzou desde unha popular pasta  dentífrica a un analxésico ou un complexo  vitamínico con selo galego. Fíxoo ademais con potentes campañas publicitarias que repasamos nesta reportaxe, rescatadas das hemerotecas da súa época.

Foi o farmacéutico Ismael Vidal Ogen quen tivo a idea de crear uns laboratorios propios na Coruña. Asociado co político e economista Arturo  Taracido, fundaron a súa empresa con nome de praia, que atopamos nos diarios con vistosos anuncios desde os anos 20 do século pasado.

Publicidade

A Cafenina, o analxésico do Laboratorio Orzán.

Un dos seus primeiros lanzamentos foron as pastillas de  perclorato de sosa, que se anuncian nas súas caixas metálicas como ‘químicamente puro’ e indicado para a “desinfección e hixiene da boca”. Este composto químico é un potente  blanqueador, que de feito tamén se usa en deterxentes para a roupa.

Máis adiante, lanzaron a Crema Orzán, sen dúbida o seu produto estrela. “Conserva fresca, sa e  perfumada a boca.  Desinfecta. Inmuniza. Non raia o esmalte. Deixa un branco  purísimo e brillante. Con ela o fumador borra a forte mancha da nicotina cunha rapidez admirable”, reza o anuncio que atopamos nun diario coruñés en 1921, onde se publicita o seu prezo de venda a 1,50 pesetas o tubo grande.

“A crema  dentífrica Orzán é grata ao padal como ningunha e fixa na boca por moito tempo o seu aroma suave e  finísimo”, asegura outro reclamo.

Outros produtos desenvolvidos pola compañía do farmacéutico Ismael Vidal serán o  Gonival, indicado para tratar a  gonorrea. E tamén comercializan o  purgante ‘Colagol’, o  antirreumático ‘Linisum’ e o complexo vitamínico que bautizan como ‘Cobaltrón’.

Publicidade da crema Orzán nos anos 20 do pasado século.

Coa Guerra Civil, o Laboratorio Orzán pasa a estar baixo sospeita polas autoridades, porque se procesa ao seu xerente, Arturo Taracido, baixo as acusacións de ser  masón e socialista. No proceso, que estudou a investigadora Pilar Mera, da Universidade Complutense de Madrid, é curioso anotar como algunhas testemuñas da época acusan literalmente ao laboratorio de ser “un foco de esquerdistas afectos á fronte popular”.  Taracido, que fora concelleiro na Coruña, pasará un tempo no cárcere e sufrirá duramente como represaliado.

Pero este abrupto e triste episodio non oculta a importancia que tivo un laboratorio que tamén deseñou un analxésico propio, o primeiro do que temos noticia en Galicia. Tratouse da Cafenina, a aspirina galega, baseada nunha fórmula de ácido  acetilsalicílico e  cafeína similar á que Bayer comercializaría como a famosa Cafiaspirina.

Perborato de sosa Orzán.

Ademais de Orzán, na Coruña, en Galicia houbo outros farmacéuticos emprendedores que crearon os seus propios laboratorios e comercializaron os seus propios medicamentos. En Ourense, ou Laboratorio Vidal lanza “Perusabinos“, indicado para tratamentos da pel. Mentres que o laboratorio Bescansa, fundado en 1917 por Ricardo Bescansa Castilla, será unha das industrias máis activas na produción propia de remedios, con exemplos como a crema  dérmica  Acnosán, o  antiácido  Oxagás e o xarope  reconstituyente  Riché. Tamén lanza o famoso laxante Bescansa, mentres que en Vilagarcía de Arousa funda unha empresa química que busca aproveitar compostos beneficiosos procedentes das algas.

Dende os anos 20 do século pasado, por toda a xeografía galega hai boticas que se reconverten en laboratorios e producen os seus propios fármacos. De Ponteareas, sae o Biogenal, contra a anemia; mentres que en Verín o Laboratorio Amoeiro fabrica o “Liver-Kal”, para que os nenos medren fortes e sans.

De toda aquela industria farmacéutica galega o maior éxito sería sen embargo para Zeltia, no Porriño, fundada a partir do Instituto Bioquímico Miguel Servet de Vigo, creado por dous científicos formados na Universidade de Santiago: o médico Ramón Obella Vidal e o farmacéutico Francisco Rubira, xunto aos que traballaron o intelectual galeguista Alexandre Bóveda e o químico Fernando Calvet.

Os científicos galegos lanzan o Pan Ergot, fabricado a partir do cornecho e indicado para curar as xaquecas e o glaucoma. Pero a Guerra Civil truncaría o seu éxito. Reconducindo esta iniciativa, os irmáns Fernández López (fundadores tamén de Pescanova, Frigsa ou Cementos do Noroeste, entre outras moitas industrias) foron os impulsores da farmacéutica Zeltia, que nace en 1939. Estes industriais aproveitan os subprodutos dos seus matadoiros industriais para elaborar compostos tonificantes e vitamínicos. E combínao coa explotación do caruncho. Así nace Zeltia, coa súa base no Porriño, que fabricará tamén substancias como a efedrina, a insulina, vacinas, vitaminas e pesticidas ou funxicidas.

Zeltia conseguirá que a súa marca ZZ se converta no líder entre os pesticidas agrícolas en España. E en 1945, os Fernández López participarán na creación da empresa Antibióticos, S.A. ou artellarán acordos estables con multinacionais como Cooper e Robertson. Zeltia rematará inmersa en Pharmamar, que continúa nos nosos días.

Porque houbo unha época na que Galicia deseñou e fabricou os seus propios medicamentos. Fixérono farmacéuticos emprendedores como os que crearon o coruñés Laboratorio Orzán, cos seus vistosos anuncios na prensa de hai un século.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro