Un equipo galego aposta por residuos de alfábega para mellorar a conservación de alimentos

O traballo ten como obxectivo crear antioxidantes naturais que atrasen a oxidación lipídica de peixes e mariscos

Un proxecto multidisciplinar busca aproveitar residuos vexetais para mellorar a conservación de alimentos. A Universidade de Vigo (UVigo), en colaboración con diferentes empresas da industria, traballa na revalorización destes elementos da agricultura vertical, concretamente da alfábega (Ocimum basilicum), para a obtención de antioxidantes naturais de alto valor capaces de inhibir a oxidación lipídica de peixes e mariscos conxelados como o lagostino.

O proxecto presentouse esta semana nun seminario virtual no que participaron representantes das entidades socias desta iniciativa, como Gabriel Santos, xestor de Proxectos Nacionais de Feuga; Samuel López Novoa, xefe de I+D de Néboda Farms; Sonia Losada Barreiro, profesora da UVigo no Departamento de Química Física e investigadora do grupo AgroBioTech for Health; e Chini Porro, responsable de I+D do Grupo Nueva Pescanova.

Publicidade

Segundo explicaron os seus impulsores, o principal obxectivo de Agri-Resval —nome do grupo operativo do proxecto— é desenvolver procesos innovadores para obter extractos naturais ricos en antioxidantes a partir de residuos agrícolas, como os da alfábega cultivada en sistemas verticais. Estes antioxidantes serán aplicados a produtos conxelados da pesca e do marisqueo galegos coa fin de inhibir a oxidación lipídica, prolongando a súa vida útil e mantendo as súas propiedades organolépticas.

Unha resposta á maior demanda de produtos ricos en Omega3

O proxecto conta cun orzamento de 140.000 euros e ao longo dos meses de traballo que teñen por diante —ata outubro de 2026— avaliaranse métodos de extracción sostible, a eficiencia dos antioxidantes naturais en comparación cos sintéticos e o seu impacto no sector.

Publicidade

Como explica a profesora Losada, o proxecto xorde “nun contexto de crecente demanda de produtos ricos en ácidos graxos poliinsaturados como os Omega3”. Trátase dunha tendencia que “é previsible que siga aumentando a medida que as e os consumidores teñen unha maior consciencia sobre os beneficios do consumo deste tipo de produtos”.

A investigadora explicou que estes ácidos poliinsaturados “son nutrientes esenciais que o noso organismo non é quen de producir e débense obter a partir da dieta”, estando presentes, sobre todo, en peixes e mariscos. Pero o procesamento e conservación destes alimentos “supón un dos grandes retos da industria alimentaria, xa que estes ácidos poliinsaturados son moi susceptibles a sufrir procesos de oxidación lipídica, cuxo resultado é a aparición de malos cheiros ou sabores desagradables e a conseguinte perda de calidade nutritiva e da propiedades organolépticas do alimento”.

Estratexias efectivas para atrasar a oxidación

Isto, consecuentemente, xera rexeitamento por parte das e dos consumidores, aumento do desperdicio de alimentos e unha carga ambiental moi alta e importantes perdas económicas para o sector. Por isto, destacaba Losada, “é de vital importancia para a industria atopar estratexias efectivas para atrasar estas reaccións de oxidación lipídica”. Unha das principais é o emprego de baixas temperaturas, pero aínda así compre engadir antioxidantes para frear esta reacción.

Comunmente a industria optaba por antioxidantes sintéticos, pero nos últimos anos, engadía a docente da UVigo, “estase investigando para buscar formulacións naturais procedentes das plantas”, unha estratexia que ademais contribúe a buscar unha segunda utilidade aos residuos e descartes agrícolas.  

Ademais de xerar antioxidantes naturais capaces de inhibir a oxidación lipídica do peixe e do marisco, neste caso o lagostino, o proxecto busca permitir aproveitar os descartes do cultivo de alfábega. As previsións son que esta iniciativa lles permitirá reducir “1,2 toneladas anuais de restos da parte aérea da planta e 0,9 toneladas das raíces”, como salientaba Novoa.

Distintas fases pilotadas polos diferentes socios

O proxecto comprende diferentes fases e cada unha delas estará pilotada por un dos socios. Na primeira parte, a que se está a comezar a desenvolver agora, Néboda Farms encargarase da valoración para obter, cultivando baixo as condicións máis idóneas previamente estudadas, os residuos vexetais de interese con diferentes perfís químicos.

Unha vez se conte con eses residuos, pasarase á unha segunda etapa, coordinada polo grupo AgroBiotech for Health da Universidade de Vigo, que realizará toda a investigación e desenvolvemento experimental relativos á preparación dos residuos para a súa extracción e a todas as técnicas e condicións de extracción que se empregarán para obter unha gama de extractos con diferentes composicións e concentracións.

Pescanova terá o rol de cliente final neste proxecto, sendo o encargado de aplicar os antioxidantes sobre o lagostino na súa planta de produción e realizar o seguimento do estado do produto a diferentes tempos. Así, a empresa achegará os datos reais acerca da eficacia dos produtos desenvolvidos nas fases previas do proxecto. Durante o transcurso do proxecto, Feuga encargarase de organizar todas as actividades de difusión e transferencia. 

Resultados esperados

Froito da colaboración de todos os socios durante o próximo ano e medio, o obxectivo é deseñar, por primeira vez un sistema innovador de valorización dos residuos do sector agroalimentario e de mellora da preservación de produtos da pesca, incrementando a competitividade destes dous sectores clave para Galicia. Os resultados agardados contribuirían a promover a aplicación de tecnoloxías innovadoras e respectuosas co medio ambiente; xerar produtos de alto valor engadido a partir de residuos (descartes e refugallos) mediante a produción de antioxidantes naturais, reducindo os efectos secundarios das opcións sintéticas; e aumentar a competitividade e a calidade alimentaria de produtos clave para unha nutrición saudable e sostible.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:08

De CO2 a metanol: o equipo galego que busca alternativas aos combustibles fósiles

O grupo do CiNBIO liderado por Miguel Correa desenvolveu un catalizador que utiliza luz solar para transformar dióxido de carbono nun composto pouco contaminante

Un equipo da UVigo desenvolve un sistema “único no mundo” para cultivar e repoboar centola

A investigación busca obter exemplares de talla comercial para consumo e equilibrar os bancos naturais da ría viguesa

Un estudo revela contaminación por nitratos na Cova do Rei Cintolo

Un equipo da UVigo e da UDC cre que a orixe da polución nas augas do lago pode estar nos xurros que se empregan para abonar prados

Un estudo da UVigo constata os beneficios de exercicios hipopresivos durante o posparto

As investigadoras realizaron un ensaio clínico para tratar os problemas nos músculos abdominais debidos ao crecemento do feto e os cambios hormonais