Domingo 28 Abril 2024

Unha investigadora da USC deseña envoltorios alimentarios biodegradables con ortiga, sándalo e algas

O composto principal é o quitosano, procedente dos residuos de crustáceos e mariscos, ao que lle engaden extractos naturais con capacidade antioxidante

Un equipo da Universidade de Santiago (USC) desenvolve novos materiais sostibles e biodegradables para uso alimentario a base de quitosano. Estes compostos preséntanse como alternativas respectuosas co medio ambiente aos actuais separadores dos liscos de queixo ou dos envoltorios plásticos das porcións de manteiga. A creación e caracterización destas películas, tal e como se denominan estes materiais aptos para industria alimentaria, centra a tese de doutoramento desenvolvida pola graduada en Nutrición Humana e Dietética María Flórez Mora. A súa investigación vén de presentarse na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, en Lugo.

Alén da creación destes novo tipo de envoltorios alimentarios, a autora desta investigación, presentada en formato de compendio de publicacións e que deu pé a cinco artigos recollidos en revistas de impacto internacional, enriqueceu tamén os compostos obtidos con diversos extractos naturais que os converten en envases activos con capacidade antioxidante. Na súa tese de doutoramento, a asturiana María Flórez Mora, afonda asemade nas posibilidades da economía circular, dado que propón solucións para aproveitar os residuos de crustáceos e mariscos, que son os que conteñen o quitosano, para elaborar produtos sostibles e aptos para a industria alimentaria.

Publicidade

Daquela, nun primeiro momento, Flórez Mora estudou o proceso de extracción de compostos activos da folla das ortigas, para logo avaliar técnicas, disolventes e tempos de extracción, a fin de optimizar a capacidade antioxidante do extracto desta planta e tamén para contrastar que o extracto acuoso das follas de ortiga constitúe un importante antioxidante natural. A partir destes resultados preliminares e logo da aplicación de modelos matemáticos, a nova doutora determinou que as condicións idóneas para a obtención do extracto de ortiga con maior capacidade antioxidante requiren de tratamento por ultrasón e uso de auga como disolvente durante un período de 3 horas.

O seguinte proceso recollido na investigación consiste na adición do extracto acuoso de ortiga en disolucións de quitosano, a fin de crear unha película activa, da que ademais caracterizou parámetros relativos ao seu nivel de solubilidade, humidade de equilibrio, permeabilidade ao vapor de auga, propiedades espectrais, antioxidantes e microestrutura. O extracto de ortiga mostrou un efecto significativo nas propiedades analizadas, obtendo unha película con gran capacidade antioxidante, cuxo uso se testou como separador activo de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días. A partir das análises de capacidade antioxidante e de oxidación lipídica realizados no alimento, determinouse que a película permitiu reducir un 56% a oxidación lipídica do queixo.

María Flórez, segunda pola esquerda, cos directores e membros do tribunal da súa tese de doutoramento.

Outro dos experimentos realizados e recollidos por Flórez Mora na súa tese responde á obtención dun extracto acuoso da alga kelp de azucre, do que tamén se analizaría a súa capacidade antioxidante, para logo engadir, en diversas concentracións, como ingrediente activo á película de quitosano. A súa posterior aplicación como separador de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días de almacenamento deparou unha diminución da oxidación lipídica do queixo nun 52,8%, ademais de manter a capacidade antioxidante das películas ao longo do estudo.

A adición aceite esencial de sándalo Santalum album en diversas concentracións á matriz de quitosano centrou o último ensaio compilado na tese de Flórez Mora, que tamén recolle a caracterización da película xerada. Este novo material aplicouse logo como envasado de manteiga para analizar a capacidade de retardar a oxidación lipídica. Despois de tres meses de almacenamento, observouse unha diminución do 36% na oxidación das graxas da manteiga. Ademais, as películas ao ser realizadas con ácido málico son termo-selables e totalmente solubles en auga, polo que se retiran facilmente do alimento sen xerar residuos sólidos.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

Un tren de borrascas traerá abundante chuvia e descenso térmico a Galicia na ponte de maio

A vindeira semana estará marcada pola alta probabilidade de precipitacións en todo o territorio, con temperaturas que non superarán os 15 graos