Un estudo da USC mellora o potencial dos antioxidantes nos residuos agrarios

A investigación desenvolvida polo investigador Abel Muñiz Mouro no Cretus céntrase no estudo da polimerización enzimática

Os antioxidantes naturais, coma a rutina e a esculina, atraeron nos últimos anos o interese de investigadores, consumidores e das industrias alimentaria, farmacéutica, cosmética e nutracéutica, debido ás súas excelentes propiedades bioactivas. Neste ámbito, o investigador Abel Muñiz Mouro, do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxía Ambiental (Cretus), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), realizou un estudo que tratou de atopar a forma de aumentar o uso potencial de certos antioxidantes naturais, en aplicacións alimentarias, farmacéuticas ou nutracéuticas. Este foi desenvolvido no seo do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) do Departamento de Enxeñaría Química e foi dirixida polas investigadoras Gemma María Eibes González e Beatriz Gullón Estévez.

O traballo Enzymatic technology for the production of high added value oligomers from natural antioxidants, tese de doutoramento de Muñiz Mouro, céntrase no estudo da polimerización enzimática de antioxidantes naturais para a procura da mellora das propiedades destes compostos e incrementar, así, os seus usos. “Xogan un papel fundamental na prevención de enfermidades coma o cancro, diabetes ou osteoporose, entre outras”, explica o investigador. Estes antioxidantes pódense recuperar de residuos xerados na industria agroalimentaria, por exemplo, procesado de espárragos, tomate, mazá ou trigo sarraceno; e na industria agroforestal: follas de eucalipto ou follas de ourizo de castiñeiro de Indias, entre outros. “Isto permite aplicar o enfoque da economía circular a través dunha estratexia de biorrefinería, revalorarizando así ditos residuos”, engade o científico do CRETUS.

Publicidade

Con todo, o seu potencial vese limitado por propiedades como unha baixa solubilidade acuosa, entre outras. “Co obxectivo de mellorar estas propiedades, a oligomerización enzimática catalizada por lacasas e peroxidasas, demostrou ser un proceso que conduce a produtos cunhas características fisicoquímicas melloradas e, nalgúns casos, tamén con propiedades bioactivas cun maior pontencial“, relata Muñiz Mouro.

Rendibilidade económica e ambiental

Na busca de mellorar a rendibilidade económica e ambiental do proceso, requírese optimizar as condicións nas cales se desenvolven estas reaccións e considerar a reutilización do enzima, xa que este biocatalizador representa un dos principais custos asociados a dito proceso. Para solucionar esta parte, Abel Muñiz Mouro levou a cabo este traballo no cal, empregando únicamente compostos biocompatibles, desenvolveu procesos que permitiron, tanto a modificación enzimática de esculina e rutina, obtendo produtos con mellores propiedades bioactivas e solubilidade acuosa, como tamén a reutilización de lacasa como biocatalizador na síntese de oligorutina.

Publicidade

Ademais, para acadar a reutilización do enzima que repercute positivamente na rendibilidade económica dos procesos de oligomerización, o investigador explorou o uso de dúas tecnoloxías diferentes: as membranas de ultrafiltración e os sistemas acuosos bifásicos. A pesar das súas diferenzas, ambos dispositivos permitiron unha boa taxa de reutilización do enzima e os rendementos de produción de oligorutina. Con todo, foi o uso de membranas de ultrafiltración as escollidas como mellor método para aplicar nos procesos estudados por Muñiz Mouro.

Finalmente, o científico explorou o uso doutro enzima, recentemente descuberto: a peroxixenasa inespecífica. Este foi estudado como biocatalizador para a modificación de antioxidantes naturais. “Os resultados obtidos, aínda preliminares, son moi prometedores e auguran un bo futuro nesta liña de investigación”, asegura Muñiz Mouro.

Estudo de proxección internacional

A tese doutoral de Muñiz Mouro desenvolveuse no marco de dous proxectos nacionais: INTECOL e BioFlav-OH . Ademais, o investigador contou cunha bolsa de axuda á etapa predoutoral da Xunta de Galicia. Durante este traballo, puido realizar tres estadías de investigación no estranxeiro, participou na publicación de sete artigos en revistas científicas e desenvolveu diversas comunicacións en congresos, tanto nacionais como internacionais.

O tribunal avaliador, que acordou por unanimidade conceder a cualificación de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento, estivo presidido por Francisco José Plou Gasca, do CSIS —Instituto de Catálise e Petroleoquímica, acompañado de Márcia Carvalho Neves do CICECO— Universidade de Aveiro e Lucília María Alves Ribeiro Domingues, da Universidade do Minho.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto