Un equipo galego buscará tratamentos para a osteoartrite a través da nanotecnoloxía

O proxecto, coordinado dende o IDIS, espera desenvolver en tres anos novas terapias que restauren a función articular e non só alivien os síntomas

Novos tratamentos para a osteoartrite a través da nanotecnoloxía. Esa é a premisa da que parte o proxecto de investigación OASIs, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e baixo a coordinación de María de la Fuente. O seu obxectivo é poder obter resultados en tres anos para que os millóns de doentes desta patoloxía poida dispoñer da primeira terapia realmente eficaz e restauradora e non só de tratamento dos síntomas. O traballo tamén conta coa participación de expertos internacionais e traballa en sinerxía co grupo de María Mayán, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).

A osteoartrite é a forma máis común de artrite e unha das principais causas de dor e discapacidade en todo o mundo. Os tratamentos actuais limítanse ao alivio sintomático, polo tanto hai unha necesidade urxente de desenvolver novas terapias que teñan como obxectivo restaurar a función articular, o que beneficiará a millóns de persoas en todo o mundo.

Publicidade

Cal é o obxectivo?

As principais limitacións para acadar esta terapia relaciónanse coa complexidade dos mecanismos patoxénicos subxacentes e os endotipos moleculares para os diferentes fenotipos clínicos, e coa necesidade de estratexias de administración eficientes.

O tratamento da osteoartrite que busca o proxecto OASIs podería lograrse mediante a atención personalizada, acompañada do desenvolvemento de terapias dirixidas que poidan administrarse con éxito á articulación afectada mediante o uso de nanotecnoloxía.

Publicidade

OASIs ten como obxectivo desenvolver nanofármacos innovadores baseados na asociación de péptidos que se dirixen á senescencia e a inflamación en nanoemulsións que se poden administrar de maneira segura á articulación sinovial a través dunha inxección intraarticular, e proporcionar unha modificación sostida e duradeira dos síntomas e a estrutura, para mellorar a saúde.

OASIs ten como obxectivo desenvolver nanofármacos innovadores baseados na asociación de péptidos

Os péptidos de interferencia que se dirixen ás células senescentes poden modular a rexeneración tisular e a resposta á lesión. Demostrouse que os péptidos antiinflamatorios dos velenos biolóxicos reducen a inflamación e a dor. “Nesta proposta desenvolveremos novas terapias combinadas dirixidas mediante a carga destes péptidos en nanoemulsións lipídicas biocompatibles e biodegradables, seguras por deseño e versátiles”, subliña María de la Fuente.

As combinacións avaliaranse in vitro, ex vivo e in vivo. A optimización dos parámetros críticos de formulación, o seguimento de imaxes e os estudos farmacocinéticos permitirán a selección das composicións máis prometedoras para a avaliación preclínica. Os resultados obtidos nesta proposta axudaran a realizar avances de última xeración para poder levar con éxito a investigación básica á clínica. Por outra banda, a atención aos procesos regulatorios e de fabricación críticos, a explotación, a difusión e as actividades de xestión garantirán a traducibilidade dos nanofármacos candidatos.

Interese da spin-off DIVERSA

A spin-off DIVERSA xa manifestou o seu interese nesta terapia como posible licenciataria. Trátase dunha empresa especializada en achegar solucións para favorecer o acceso e desenvolvemento de novos medicamentos. Grazas á súa tecnoloxía patentada para a liberación de fármacos e biomoléculas, pode solucionar aqueles problemas que impiden o seu avance cara á clínica, sendo un dos principais a dificultade para acceder á súa diana, principalmente cando esta se atopa no interior da célula.

O seu modelo de negocio contempla tres verticais, por unha banda, e co fin de favorecer o acceso á tecnoloxía a toda a comunidade investigadora, vende kits moi fáciles de usar, a través de distribuídores internacionais. Por outra banda, ofrecen servizos a medida para empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas que contan con moléculas candidatas que necesitan formular. E por último, traballa nos seus propios desenvolvementos de nanomedicamentos, en tres áreas terapéuticas de interese, para resolver necesidades médicas non cubertas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous investigadores de Santiago, premiados polas súas achegas á investigación sanitaria

Os científicos do IDIS Anxo Fernández Ferreiro e Alana Aragón Herrera foron recoñecidos polos seus estudos nos eidos da farmacia e da cardioloxía

Galicia concentra o 4% dos casos mundiais dunha doenza ultrarrara que afecta os riles

Dent é unha enfermidade xenética e hereditaria que non ten cura nin tratamento específico e pode derivar en fallo renal

Científicas galegas participan no deseño dunha nova terapia contra o cancro de páncreas

O equipo de María de la Fuente creou nanopartículas para chegar ao tumor e impedir que se forme metástase

Un equipo de Santiago abre o acceso a unha plataforma punteira para detectar biomarcadores

O sistema, pioneiro en Galicia e no noroeste peninsular, está dispoñible na páxina web do Instituto de Investigación Sanitaria compostelán