Un estudo da USC cuestiona unha técnica que avala Europa para analizar a contaminación costeira

O procedemento, coñecido como biomonitorización, emprega algas pardas para medir as concentracións de elementos tóxicos na auga

A contaminación por elementos potencialmente tóxicos en augas costeiras é un grave problema que require un control estrito para evitar danos sobre os ecosistemas mariños e sobre a poboación. Non obstante, as baixas concentracións de contaminantes nas augas e a alta variabilidade dificultan a análise para avaliar o seu estado de contaminación. É por isto que nos últimos 80 anos se fixeron centos de traballos empregando as concentracións nas algas e así obter unha visión integrada da contaminación no seu medio, unha técnica coñecida como biomonitorización e que tivo o aval da Unión Europea na directiva Marco da Auga.

Mais a pesar de recentes avances recomendando o uso de transplantes da alga Fucus vesiculosus para esta fin, a aplicación da biomonitorización viuse limitada por algunhas carencias como a falta de estandarización do protocolo, que afecta a comparabilidade entre estudos; a ausencia de traballos investigando a relación entre as concentracións das algas e as do medio e o descoñecemento dos mecanismos de carga, que afecta a interpretación dos resultados.

Publicidade

Limitacións na técnica

Precisamente para encher estes ocos de coñecemento, o biólogo Antón Vázquez Arias traballou na súa tese de doutoramento na que pon de manifesto as limitacións de empregar algas pardas para medir a contaminación ambiental en augas costeiras debido ao complexo proceso polo que estes organismos captan metais pesados. Este achado revela a dificultade á hora de empregar estes organismos como biomonitores. A tese, que forma parte da liña de investigación de biomonitorización do centro singular CRETUS, foi dirixida polo profesor Jesús Aboal, do Departamento de Bioloxía Funcional da USC.

Para a súa investigación, Vázquez Arias levou a cabo cinco experimentos. Dous primeiros centrados en probar transplantes tratados de distintos xeitos e na relación das súas concentracións de elementos contaminantes coas do medio. Este implicou a exposición de algas non contaminadas en diversos puntos da costa galega para analizar a súa captación de contaminantes e comparala coas concentracións da auga.

Publicidade

Os tres últimos trataron de esclarecer os mecanismos polos que as algas captan estes contaminantes e para iso recolléronse algas de sitios con distintos niveis de contaminacións que se analizaron con técnicas punteiras para o mapeado da distribución de elementos a escala nanométrica.

Mellorar a técnica para unha maior eficacia

Os resultados puxeron de manifesto que as concentracións de elementos contaminantes nas algas non reflicten as concentracións na auga que as rodea, xa que teñen mecanismos de captación complexos onde interveñen diversos factores fisiolóxicos e ambientais. O estudo das distribucións elementais nas células das algas revelaron que distintos elementos teñen localizacións e procesos de carga diferentes. Ademais, viuse que as algas controlan de maneira precisa a captación destes contaminantes, evitando absorber aqueles que non teñen funcións metabólicas e secuestrando os que lles son precisos en orgánulos especializados.

O investigador Antón Vázquez manexando o equipo para a recollida de mostras. Foto: Cretus

Estes resultados poñen en cuestión traballos previos de biomonitorización con algas, urxindo a investigar de maneira máis profunda a relación entre os contaminantes ambientais e os das algas para poder empregar técnicas como a biomonitorización de maneira efectiva e eficaz.

Tese cum laude

O traballo desta tese levouse a cabo no marco dun proxecto de xeración de coñecemento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e Antón Vázquez contou con apoio da mesma institución a través do programa de Formación de Profesorado Universitario.

A tese, que acadou a cualificación de sobresaliente cum laude, foi avaliada por un tribunal formado por Marina Aboal Sanjurjo, Pilar Díaz Tapia e Rita García Seoane. Dos cinco traballos incluídos, tres deles xa foran publicados en revistas de prestixio na área, como son Journal of Hazardous Materials e Science of the Total Environment.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos