O contrabando é un dos factores que máis ameazan a conservación da anguía.

Primeira condena por contrabando de anguía, nunha situación crítica en Galicia

Multas de máis dun 1,5 millóns de euros e seis anos de prisión polo tráfico ilegal da especie con destino ao mercado asiático

O contrabando da anguía (Anguilla anguilla) está medrando de forma exponencial en Europa nos últimos anos. O seu grande marxe de beneficios (captúranse os meixóns, as crías do animal, e fanse medrar en catividade, multiplicando o seu peso e a rendibilidade) debido á gran demanda desde Asia, onde é un manxar, fixo entrar neste negocio ilegal a decenas de persoas en Galicia e outras partes da Península. Unha práctica que compromete a supervivencia da especie, catalogada como ameazada pola Unión Europea.

Un xulgado de Madrid condenou hai uns días, por primeira vez en España, a unha das redes de contrabando de anguía que operou en España nos últimos anos. Nunha sentenza que publica El País, dítanse multas de máis dun millón e medio de euros e máis de seis anos de prisión en total para cinco acusados e tres das súas empresas por delitos de contrabando de especies ameazadas en grao de tentativa e falsidade en documento público.

Crías de anguía, tamén coñecidas como angulas ou meixóns. Fonte: Epipelagic - CC BY-SA 3.0.
Crías de anguía, tamén coñecidas como meixóns. Fonte: Epipelagic – CC BY-SA 3.0.

Incautacións de anguía en Galicia

Segundo a sentenza, entre 2011 e 2012, esta rede intentou sacar de España 724 quilos de anguía, cun custo de 580.000 euros. Foi a chamada Operación Suculenta, que tamén se desenvolveu en Galicia. Neste dispositivo foran arrestadas tres persoas en Salceda de Caselas. Os implicados mercaban as anguías a pescadores galegos e portugueses, pero tamén noutras zonas como o delta do Ebro. Así, o Seprona tamén ten realizado recentemente incautacións no primeiro elo da cadea deste contrabando, como a que aconteceu en Carballo en 2018.

Posteriormente, enviábanse os cargamentos de anguía a China, declarando os envíos como especies sen protección, como o muxe, que colocaban nas primeiras caixas para sortear as inspeccións.

Estas prácticas, segundo advirten científicos coñecedores da anguía como Fernando Cobo, profesor de Zooloxía na USC, sumadas a outros impactos humanos no hábitat, como a construción de encoros, están levando á especie a unha situación “calamitosa“. A influencia das capturas ilegais na conservación das anguías é evidente. Tan grave que, a finais de 2009, a Unión Europea prohibiu a súa exportación. “E recentemente incluíuse a Anguilla anguilla no anexo II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES), polo que se considera que o control do tráfico ilegal é un factor crucial na conservación da especie”, explicaba Cobo en abril de 2018. Tamén en 2009, en Galicia prohibiuse a súa pesca recreativa, mais parece que o furtivismo persiste.

A situación da anguía en Galicia

Como parte do seu ciclo vital, despois da desova no famoso mar dos Argazos, as anguías remontan os ríos para medrar en auga doce. Porén, encoros como o de Frieira, o primeiro que aparece desde a desembocadura do Miño, obstaculiza o desenvolvemento da especie na principal bacía galega. Alén disto, a contaminación dos esteiros ou a extracción de sedimentos dificultan en maior medida a situación.

Os datos amosan unha redución de máis dun 90% nas bacías dos ríos galegos

Tempo atrás a situación era ben distinta. “Os rexistros anteriores á construción dos encoros no Miño e os datos das pesqueiras no Ulla, Eume, Anllóns, Grande, etc. falan dunha antiga abundancia, mesmo en comparacións con outros ríos europeos”, lembra Fernando Cobo. O profesor da USC expón que na tempada de pesca 1980-1981 se declararon 50 toneladas de capturas oficiais de angulas (cría das anguías, tamén coñecidas como meixóns) fronte ao valor medio de só 3 toneladas entre 2000 e 2012. Unha redución do 94%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.