A Cemma confirma a supervivencia de catro arroaces rescatados en 2016 e 2017

A fotoidentificación realizada co proxecto Turgasur constata que os animais que vararon na illa da Toxa sobreviven tempo despois

Hai algo máis de tres anos, en abril de 2016, a Unidade Móbil da Rede de Varamentos de Galicia, executada pola Cemma, acudiu a unha zona intermareal próxima á illa da Toxa, na ría de Arousa, para atender a dous arroaces (Tursiops truncatus) que se encontraban nunha situación comprometida. Os dous exemplares, unha femia adulta nomeada como Eunice, e unha cría, Toxeiro, foron liberados nunha zona próxima de augas máis profundas. Un ano despois, no mesmo lugar, apareceu outra familia, composta por Beyonse e Beijin, nai e cachorro, que do mesmo xeito foron rescatados e liberados ante o risco de varamento.

E segundo puido constatar nas últimas semanas a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, os catro arroaces conseguiron sobrevivir a este rescate, xa que foron identificadas recentemente no marco do proxecto Turgasur, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad. A iniciativa está servindo para ampliar, catalogar e revisar o arquivo fotográfico dos arroaces fotografados en Galicia pola Cemma nos últimos 20 anos. Son, en total, máis de 70.000 fotografías e máis de 580 aletas dorsais (a seña de identidade destes mamíferos) que se están analizando para mellorar o coñecemento do hábitat da especie. Só nos últimos seis, meses, grazas ás saídas de traballo, conseguiron tomarse máis de 13.000 novas imaxes.

Publicidade

Os arroaces Eunice, Toxeiro, Beyonse e Beijin

Despois de seren rescatados en 2016 e 2017, as revisións de Turgasur acabaron constatando a supervivencia destas familias. Quince días despois do rescate, Eunice e Toxeiro foron identificados noutra mostraxe na ría de Arousa. E o pasado 16 de maio, cando a Unidade Móbil da Cemma estaba buscando nas inmediacións do porto do Xufre unha pequena balea que se achegara á zona, deron con Eunice. “Esta vez xa non estaba en compañía do seu cachorro Toxeiro, que xa se debeu de ter emancipado dela. Estaba acompañada do arroaz Ioio, o que puidera indicar o inicio dun novo ciclo reprodutivo para ela”, explica a Cemma.

Por outra banda, Beyonse segue tamén nadando por augas galegas. Trátase dun exemplar que xa fora rexistrada no 2004 na ría de Pontevedra. Despois do varamento de 2017 xunto ao seu cachorro Beijin, foron observados na ría de Vigo en marzo de 2018. E en abril deste ano, Beyonse apareceu de novo na zona da Rede Natura de San Simón. Xa non estaba acompañada por Beijin. “Consideramos que, posiblemente, ten iniciado un novo ciclo reprodutor, polo que estaremos moi atentos durante as próximas mostraxes para tratar de comprobar se tivo unha nova cría este ano“, explican desde a Cemma.

Publicidade

A Cemma recolle en seis meses 13.256 fotografías de arroaces

Expón a Cemma que “a pesares de que aínda queda moito traballo por realizar, a revisión deste enorme arquivo fotográfico, e a incorporación dos datos obtidos nas mostraxes TurGaSur, así como os procedentes doutras entidades e persoas que están a colaborar co proxecto, permitiu obter información de grande interese referida ás recapturas fotográficas de individuos que tiñan sido rexistrados con anterioridade”, como é o caso dos rescatados na toxa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa

Case a metade dos cetáceos de augas profundas inxiren macrolixo no noroeste ibérico

A CEMMA participa nun estudo que documenta que aproximadamente o 30% dos exemplares acaba falecendo a causa de lesións dixestivas

A tropicalización do mar muda o ecosistema: Galicia rexistra xa 50 especies exóticas dende 1945

O investigador Rafael Bañón apunta a que o quecemento favorece a chegada de peixes pouco habituais como o peixe porco ou a rémora azul

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024