A Coruña consolida o seu prestixio gastronómico na feira Salón Gourmets

A Deputación valora a súa participación no evento celebrado en Madrid cun balance "moi positivo" e a sensación de deixar a restauración coruñesa na mira internacional

O recinto feiral de IFEMA, en Madrid, pasou estes días coroado polo mar, a terra e o talento galego. Entre os corredores do 39º Salón Gourmets, a feira de referencia internacional para a alimentación e as bebidas de luxo, soaron as cociñas galegas ata converterse nunha parada obrigatoria do evento. A Deputación da Coruña encarou este xoves o seu último día de estancia dende o orgullo de quen sabe que realizou un traballo ben feito: a gastronomía coruñesa deixou unha fonda pegada no panorama gastronómico, tanto dentro como fóra dos límites nacionais.

A presión estaba no aire: o luns e o martes transcorreran con grandes resultados e expectativas crecentes para os días finais. Baixo o lema A paisaxe que sabe, reuníronse propostas gastronómicas e divulgativas que amosaron a calidade da produción e a preparación agroalimentaria coruñesa. Degustacións de café e catas de viño precederon a dous showcookings de Noelia Rodríguez, do restaurante Casa Peto (Outes) e, no segundo día, ás creacións de Adrián Felípez, con pratos como guiso de mexillón encebolado, xema e broa de Carballo, e repolo estofado, sopa de berberechos e codium. As encargadas de pechar as dúas xornadas foron as degustacións de Gallegas de Nata, A Conserveira e Chichalovers.

Publicidade

Unha estratexia máis alá do padal

Xosé Regueira, vicepresidente provincial e deputado de Turismo e Promoción Económica, fai unha valoración “moi positiva” desta segunda intervención coruñesa no reputado espazo gastronómico. Resulta claro que a Deputación pode retirarse coa cabeza alta sabendo que acadou os seus obxectivos: crear unha comunidade en torno á marca A paisaxe que sabe; afianzar a sostibilidade turística —un reto ineludible, debido ás visitas que a gastronomía galega podería mobilizar tralo éxito do paso coruñés polo espazo gastronómico— e resaltar a calidade dos produtos de quilómetro cero.

En definitiva, a sostibilidade, a incidencia na localidade e a apreciación pola restauración da provincia resultaron puntos que despertaron un moi alto interese. Regueira explica con orgullo que xa reciben solicitudes de colaboración de empresas interesadas en abrir novas vías de negocio. “Saben que a Deputación da Coruña conta cun posto propio neste tipo de eventos e xa nos veñen buscar para contactar cos produtores e produtoras que nos acompañan baixo a marca A paisaxe que sabe”, sostén.

Publicidade

Os últimos 20 anos son a estampa do éxito na gastronomía galega: calidade e técnica combínanse nunha mestura perfectamente equilibrada que colecciona recoñecementos deseguido. Regueira proclama con seguridade que “o talento, esforzo e formación de cociñeiros e cociñeiras” son o principal impulsor do sector e o aliciente principal o leva a un posto privilexiado no escaparate internacional.

Entre a horta tradicional e as estrellas Michelín

A xornada do mércores foi un fervedoiro de actividade profesional de categoría elevada. O aroma do café de especialidade de Cafés Aruba, acompañado de tiramisú de café, abriu o apetito dun público que puido viaxar polo Ulla da man do relatorio Ribeiras do Ulla coruñesas: crisol de castes de Luís Paadín, quen completou a experiencia cunha cata de viños.

O sol seguiu o seu curso sobre o recinto e chegou o mediodía con dous showcookings. Comida e espectáculo, ambos de alto nivel, uníronse nunha amálgama perfectamente executada por Juan Crujeiras, do restaurante Bido. O chef demostrou que a horta e o mar coruñés forman unha deliciosa harmonía con pratos como pescada, escabeche emulsionado, amorodos e pementos de Herbón encurtidos, así como repolo de Betanzos asado e fermentado con demiglace de hortalizas asadas e mazá.

Xosé Regueira (esquerda) e Juan Crujeiras (dereita) na 39.ª edición do Salón Gourmets. Imaxe: Deputación da Coruña
Xosé Regueira (esquerda) e Juan Crujeiras (dereita) na 39ª edición do Salón Gourmets. Imaxe: Deputación da Coruña

Pola tarde, o prestixio da estrela Michelin chegou da cociña do restaurante coruñés Árbore da Veira. A súa chef, Iria Espinosa, cautivou os asistentes con propostas tan complexas como porro asado con guiso meloso de mans de porco, gamba e salsa bearnesa, ademais de vieira con manteiga de miso, caviar de codium e cacahuete tostado.

Unha despedida doce

A gastronomía coruñesa propuxérase deixar unha impresión duradeira e, como non podía ser doutro xeito, iso implicaba rematar a xornada cunha nota do mesmo nivel que os manxares que a precederon. Por isto, o peche da xornada completouse con novas presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como coa proposta gastronómica de Chichalovers arredor do seu bocadillo de rixóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.

O adeus a unha edición esixente

A Deputación despediuse este xoves de IFEMA, pero fíxoo mantendo o ritmo ata o último minuto. Cafés Aruba ofreceu unha nova degustación de especialidade e Luís Paadín impartiu un segundo relatorio amenizado pola cata de viños, esta vez baixo o nome Viños con crianza da Coruña: o caso de María Manuela.

Os asistentes puideron disfrutar dunha cata de viños durante un relatorio. Imaxe: Deputación da Coruña
Os asistentes puideron disfrutar dunha cata de viños durante un relatorio. Imaxe: Deputación da Coruña

Como punto final volveron os showcookings de Juan Crujeiras e as elaboracións gastronómicas de Iria Espinosa, que pecharon a programación da Deputación neste foro profesional internacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubertas dúas especies de cogomelos inéditas en Galicia

Un estudo da Federación Galega de Micoloxía e impulsado pola Deputación da Coruña identifica os exemplares no Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo

Dona Urraca, a raíña indomable que dobregou os roles de xénero

Foi capaz de afrontar un reinado cheo de desafíos e con loitas abertas contra o seu fillo, a súa irmá en Portugal e o bispo Xelmírez en Compostela

GCiencia lanza un proxecto multimedia para recuperar a memoria das galegas medievais

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais

Practicar, viaxar e aprender: o camiño para ser un hostaleiro en Galicia

Galicia conta cun dos centros de formación máis importantes de Europa no sector e o seu grao ten máis dun 90% de inserción laboral