Penas do Castelo, un dos castros máis antigos de Galicia

As datacións sinalan un momento de transición da Idade do Bronce á de Ferro, cando se comezan a construír os primeiros castros no noroeste peninsular

A campaña arqueolóxica en Penas do Castelo segue revelando novos resultados sobre a nosa historia. Este xacemento, situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, foi escavado o pasado verán. Na intervención descubriuse unha monumental muralla con seis metros de ancho e ata catro de altura, e da que se descoñecía a súa orixe.

Durante a escavación, a edafóloga Cruz Ferro tomou unhas mostras de terra en puntos clave do momento de construción da muralla. Tras ser analizadas por Carbono-14 no laboratorio BETA de Miami, pódese afirmar que os resultados das datacións son do século VIII–IX antes da nosa era. Con esta datación, Penas do Castelo sitúase precisamente no que sería a transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro. Sería esta a época da construción dos primeiros castros no noroeste peninsular, é dicir, o momento no que as comunidades comezan a asentarse de forma sedentaria no territorio e a facer construcións permanentes en pedra.

Publicidade

O xacemento

A orixinalidade do xacemento vén dada por tratarse dun castro extremadamente temperán, polo que non resulta comparable cos castros máis “clásicos” de épocas posteriores. Precisamente este é un dos elementos máis interesantes do xacemento, xa que máis alá do local, gaña interese científico por tratarse dun período histórico no noroeste peninsular moi descoñecido a nivel de investigación.

Penas do Castelo pode contribuír a entender as dinámicas que provocan a sedentarización das comunidades e as tensións territoriais que isto xenera. Neste marco, a situación do xacemento non semella casual xa que se atopa nun territorio de coñecida riqueza mineral. Naquel momento, certos minerais como o ferro serían estratéxicos e o control da súa extracción e comercio, fundamental para as comunidades.

Publicidade

Entender a historia

Os novos resultados provocan novas incógnitas. Mentres nesta comunidade estaban dotados cunha muralla de pedra de seis metros de ancho, noutros lugares de Galicia aínda estaban construíndo con paus, palla e barro. Para o arqueólogo Benito Vilas, este feito pode ser indicio dunha comunidade moi organizada, seguramente con xerarquías e, sobre todo, excedente en tempo e man de obra que permita unha obra civil desta magnitude.

Por outra banda, está o coñecemento técnico que implica esta construción. Chama a atención que nesta época, na que se constrúen os primeiros muros en pedra, fagan unha muralla de seis metros de ancho e cunha técnica tan depurada. A pregunta que se fai o arqueólogo é, de onde vén ese coñecemento?

Novas oportunidades

As pesquisas, financiadas pola Xunta de Galicia e a colaboración de Concello, asociación veciñal e comunidade de montes, colocan a Salcedo no mapa arqueolóxico, xa que o xacemento pasa a formar parte da rede de recursos turísticos do Concello da Pobra do Brollón. Para a Consellería de Cultura, os resultados tamén son de sumo interese no marco da candidatura a Patrimonio da Humanidade, xa que nos poñen en contacto coas primeiras comunidades en asentarse de forma definitiva e permanente nestas ribeiras, coas consecuencias que isto ten para a paisaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos