Sábado 27 Abril 2024

Galicia, co maior número de centenarios de Europa: a clave está na Dieta Atlántica?

Un equipo galego suxire que o patrón alimentario máis habitual da comunidade pode promover o avellentamento saudable a través de mecanismos epixenéticos

Os grelos, a carne de tenreira e de porco, o bo marisco, as castañas asadas e o queixo con marmelo. Todos eles son alimentos xa identitarios da cultura galega. A lista podería ampliarse case ata o infinito con só botarlle un ollo aos centos de festas gastronómicas que se espallan pola nosa xeografía durante todo o ano. Porque os galegos, se de algo entenden, é do bo comer. Talvez o noso patrón de alimentación, que se encadra na coñecida como Dieta Atlántica, teña algo que ver coa gran cantidade de persoas centenarias que atesouramos. Agora, un estudo desenvolvido polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) conclúe que a Dieta Atlántica do Sur de Europa podería promover un avellentamento saudable mediante mecanismos epixenéticos.

“Galicia ten o maior número de centenarios respecto a Europa. Pode que esa cantidade se deba ao patrón de alimentación que seguían os nosos avós”, explica Ana Crujeiras, ua investigadora principal do estudo. De momento, tan só é unha hipótese posto que, segundo ela recoñece, aínda non hai traballos que o determinen. “Non obstante, si sabemos que os compoñentes da Dieta Atlántica, estudados de maneira individual, teñen propiedades para modular os mecanismos epixenéticos“, puntualiza. E todo iso parece redundar na maior posibilidade dun avellentamento o máis saudable posible. O que, sen dúbida, ten un efecto amplificador sobre a esperanza de vida.

Publicidade

“Os compoñentes da Dieta Atlántica, estudados de maneira individual, teñen propiedades para modular os mecanismos epixenéticos”

Crujeiras asegura que o seu grupo de investigación leva uns anos estudando o patrón de alimentación da Dieta Atlántica co obxectivo de dala a coñecer e poñela en valor. Un dos seus últimos esforzos é unha revisión que acaba de ser publicada na revista Advances in Nutrition. “O noso obxectivo foi recompilar todos os estudos que había evidenciando o efecto dos compoñentes do patrón de alimentación da Dieta Atlántica sobre mecanismos epixenéticos para promover a saúde“, recalca. De todas formas, reclama a necesidade de que se continúe traballando nesta liña de investigación, coa realización de estudos de intervención que finalmente permitan demostrar a hipótese proposta.

A importancia de comer en familia

Máis alá do tipo de alimentos que se adoitan consumir en Galicia —ou que, de seguro, comían os nosos avós—, hai outros aspectos clave dentro do patrón de alimentación que constitúe a Dieta Atlántica. Por exemplo, o efecto de comer en familia e as consecuencias beneficiosas que ten sobre o estado psicolóxico dos comensais. Incluso o bo costume de celebrar festas gastronómicas, tan típicas e frecuentes en Galicia. “Ese efecto tan positivo sobre a nosa psicoloxía tamén pode estar modulando os mecanismos epixenéticos e, polo tanto, condicionando o noso benestar”, apunta Crujeiras. Así mesmo, outro aspecto clave dentro do patrón de alimentación da Dieta Atlántica é o exercicio físico. “Inflúe moito o ambiente no que nos movemos. Por exemplo, que poidamos ir camiñando aos sitios”, indica a investigadora.

As festas gastronómicas e o exercicio físico asociados á Dieta Atlántica redundan nun maior benestar psicolóxico

Todos eses factores serían positivos a nivel individual, pero o patrón de Dieta Atlántica tamén beneficia o colectivo. “Reduce a pegada de carbono, e tamén a hídrica. E todo iso, que axuda a reducir a contaminación ambiental, tamén serve para regular os mecanismos epixenéticos”, continúa explicando a investigadora do IDIS. Polo tanto, as comidas familiares, o exercicio físico e o positivo impacto medioambiental da Dieta Atlántica —amais dos sobrados beneficios dos seus alimentos máis característicos— poden ser a clave dunha ampla nómina de centenarios galegos. Ou dito doutra maneira: “Na nosa revisión propoñemos que todos estes factores en conxunto poden modular os mecanismos epixenéticos que deriven nun avellentamento saudable”, apunta Crujeiras.

Diferenzas co patrón mediterráneo

Os beneficios da Dieta Atlántica semellan xa indubidables, aínda que non sexa un modelo tan coñecido como o mediterráneo. “Levan moitos anos traballando nela e fixeron un estudo de intervención do que sacaron beneficios. Ten efectos positivos sobre a saúde, é outra alternativa saudable”, matiza a investigadora galega. De todas formas, a súa defensa vai do lado da Dieta Atlántica, posto que é a máis arraigada e tradicional na nosa cultura. Entre as diferenzas que se poden sinalar entre unha e outra é que a Dieta Atlántica ten un consumo elevado de peixe, sobre todo azul. De igual maneira, consómese máis carne. “Ás veces vese como algo prexudicial, pero non sempre é así. Nós consumimos tenreira nova, que se alimenta a base de herba e leite, e isto achega unhas propiedades beneficiosas e notables a este alimento”, apunta Crujeiras.

Ana Crujeiras, autora principal do artigo. Foto: IDIS.
Ana Crujeiras, autora principal do artigo. Foto: IDIS.

De igual maneira, comer carne de porco é moi habitual en Galicia. “O tipo de porco que hai na nosa área ten unhas características específicas. As nosas granxas teñen un tipo de explotación extensiva, e a alimentación é a base de castañas como ocorre na raza autóctona, porco celta“, explica a investigadora, subliñando os beneficios do consumo deste tipo de carne polo seu contido en proteínas de alto valor biolóxico, vitaminas e minerais. De igual maneira, Crujeiras non se esquece de mencionar o marisco, un dos produtos —por non dicir o que máis— recoñecidos da nosa gastronomía. E hai outros alimentos habituais na nosa dieta, como os froitos secos, sobre todo castañas e noces, e os lácteos. “Especialmente o queixo, que é un produto estrela en Galicia”, recalca a investigadora do IDIS.

É probable que os nosos avós, e incluso os nosos pais, seguiran unha dieta semellante á que describe Crujeiras. Pero tamén é case innegable afirmar que se trata dun patrón alimentario do que nos estamos afastando. “Con case toda seguridade, xa case non se segue. Forma parte da nosa cultura e achega propiedades beneficiosas, por iso deberiamos volver a ela”, insiste Crujeiras, que asegura que están a levar a cabo máis estudos sobre este patrón de alimentación. Por outro lado, a Dieta Atlántica require dun tipo de cociña máis lento. Un tempo do que agora non dispoñemos. “Con este ritmo de vida non é fácil facer determinados pratos tradicionais da nosa cociña”, sinala. Talvez haxa que intentalo. Sobre todo se esa fose a receita para acadar os 100 anos.


Referencia: Epigenetic Effects of Healthy Foods and Lifestyle Habits From The Southern European Atlantic Diet Pattern: A Narrative Review (Publicado en Advances in Nutrition)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Coidar a saúde e o medio ambiente: dúas razóns para incluír pescado azul na nosa dieta

A nivel mundial, el consumo anual per cápita de peixe nos últimos 50 años case se duplicou, cun crecemento exponencial en países como China

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Como chegar aos 100 anos? Estes son os segredos da lonxevidade

Os centenarios tenden a ter niveis máis baixos de glicosa, creatinina e ácido úrico a partir dos 60