“Debemos inculcar confianza nas nenas para achegarse ás TIC: se nós puidemos, elas poden”

Edita de Lorenzo, doutora en Enxeñería de Telecomunicación, reclama rachar “barreiras sociais” no Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información

Edita de Lorenzo
Edita de Lorenzo, enxeñeira de Telecomunicación, doutora en Enxeñería de Telecomunicación e profesora da UVigo.

A brecha dixital de xénero no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) é un problema de desigualdade evidente na nosa sociedade. Nos últimos anos descendeu o número de mulleres que estudan carreiras de informática ou relacionadas coa tecnoloxía. Por iso, os países membro da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), organismo que pertence á ONU, decidiron adicar un día do ano a concienciar e visibilizar esta situación. Dende entón, o terceiro xoves de abril configurouse como o Día Internacional das Nenas nas TIC.

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas coloca as áreas de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM, polas súas siglas en inglés) como espazos que impulsan a construción de sociedades máis inclusivas e sostibles. Por este motivo, é necesaria a incorporación das nenas e mulleres nestes campos, que axudará a reducir a evidente brecha de xénero e contribuír á igualdade entre homes e mulleres. Nas STEM, as áreas especialmente dominadas por homes son as TIC e as enxeñerías, segundo expón un informe publicado en 2018 pola UNESCO, cunha matriculación de mulleres do 27% e do 28%, respectivamente, o que dificulta acadar a paridade de xénero nas STEM antes do ano 2100.

Esta situación fai cada ano máis necesaria unha celebración como a deste 28 de abril, no que se conmemora a presenza feminina no campo tecnolóxico mediante a realización de talleres, exposicións, charlas orientativas e demais actividades que involucran os nenos e nenas nesta realidade. Dende o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), organizarase unha xornada educativa, en modalidade en liña, que xa conta con 1.200 alumnos inscritos que asistirán dende distintos colexios de Galicia. Entre as enxeñeiras galegas que relatarán a súa experiencia atópase Edita de Lorenzo, enxeñeira de Telecomunicación e doutora en Exeñería de Telecomunicación pola Universidade de Vigo. Tamén é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UVigo e investigadora de atlanTTic.

—Por que é importante este día?

—Este día foi ideado para reivindicar o papel da muller e alentar as rapazas e as nenas a escoller as Tecnoloxías de Información e Comunicacións como unha opción para o seu futuro laboral. A razón de que exista este día vén da necesidade de facer unha especial consideración ás mulleres neste ámbito, dado que a súa presenza é moi minoritaria fronte á dos homes. Neste día é preciso visibilizar a presenza feminina nos postos de traballo tecnolóxicos, para que coñezan un pouco máis a fondo o que son as TIC, a súa importancia e aplicación na nosa sociedade, así como as distintas posibilidades que existen neste campo e que poden chegar a elixir para o seu futuro.

—No seu caso concreto, como naceu a túa idea de ser enxeñeira?

—Cando facía o bacharelato gustábanme moito as físicas e as mates porque eran materias que servían para solucionar problemas, situacións. Mirando titulacións fixeime que enxeñería levaba as dúas e que xusto o ano anterior puxeran en marcha unha nova carreira universitaria en Vigo, Telecomunicacións, e dixen: “Vou intentalo”. O certo é que tiña moitas reservas, porque a enxeñería tiña fama de ser moi difícil e eu non estaba convencida de se sería capaz de sacala, nin moito menos. Tranquilizábame dicindo para min: “Bueno, vou intentalo e se sae mal xa buscarei outra cousa”. Pero pola contra, da enxeñería falábase que ía ter moitas saídas, que abría máis posibilidades laborais que outras carreiras parecidas, e a idea de ser independente para min era algo fundamental. Despois de meterme comprobei que non se estaba mal, que había que esforzarse para sacar as materias pero sorprendentemente íame gustando cada vez máis. Ao rematar dinme conta de que o bo que dicían da carreira era certo, as telecomunicacións ofrecían unha cantidade enorme de posibilidades, máis agora que vivimos nunha sociedade dixital. Por exemplo, todos os temas médicos teñen que levar sistemas e aparatos relacionados coas telecomunicacións, toda a parte das comunicacións puras como é o caso de Internet, a telefonía, por suposto a televisión, os medios de comunicación… Foi moi interesante ver que formabas parte de algo que estaba presente en todos os ámbitos da sociedade, ver que podía especializarme en infinidade de cousas e moi variadas. Penso que é o que máis destacado desta profesión.

“Hai unha barreira social que impide á muller explorar as súas posibilidades e rachar roles de xénero”

—Por que hai poucas mulleres nas TIC?

—Temos un estereotipo moi arraigado na nosa sociedade, de que en determinado tipo de titulación e de saída profesional do campo tecnolóxico desempéñase unha labor intelectual que non é moi achegada para as mulleres. De esa idea a concluír que non pintan nada alí, solo hai un paso. Debemos transmitir dende a nosa experiencia como mulleres nas TIC a autoconfianza, dicirlles que se nós o fixemos, elas tamén poden acabar nestes traballos. Necesitan ter referentes, mulleres como nós que fixemos estes estudos, que moitas de nós estudaron en Galicia e actualmente están traballando e dirixindo proxectos polo mundo enteiro, mulleres cun recoñecemento amplo e que están desenvolvendo cada día distintas cousas, moi importantes e moi bonitas.

—Como cambiou a situación das mulleres nas TIC nestes últimos anos?

—A nivel empresarial, posiblemente imos aumentando, en canto ao número de mulleres traballando no sector. Poren, é certo que no ámbito universitario, no que estou eu, chegou un momento nos anos noventa que a presenza feminina nas titulacións das TIC chegou ao 30%, pero dende entón estamos indo cara abaixo, non se subiu desa cantidade. Actualmente estamos arredor do 20% de mulleres nestes postos e en informática é aínda máis baixo. Non se sabe moi ben o motivo polo que aconteceu este fenómeno, se o soubésemos poderíamos intentar cambialo… É certo que en comparación con algúns países de Europa, o número de mulleres en carreiras tecnolóxicas en España é máis alto.

“Sen mulleres nas tecnoloxías da información, a sociedade perde un valor fundamental

Hai algún estudo que indica que o nivel de vida do país e a posibilidade de conseguir emprego ten que ver con esta baixada de mulleres nas TIC. Cando é máis complicado atopar un posto de traballo desa titulación, as mulleres adoitan estudar outra carreira na que non teñan tanta vocación pero na que haxa saídas profesionais máis seguras. Tamén é certo que hai unha relación co propio nome. “Enxeñería” en galego e castelán ven de “enxeño” pero en inglés e nos países anglosaxóns e xermánicos, o térmo “engenieer” ven de “engine” que é motor, e soa máis a máquina, máis agresivo, máis “masculino”. Isto faino moito menos atractivo para as mozas, e cantas menos mulleres hai no sector, menos ganas teñen de estudar estas carreiras. En relación a este asunto do seu nome, en España fai bastantes anos, a titulación de informática cambiou e puxérona como enxeñería. Os estudos eran os mesmos, a dificultade era a mesma e as escolas e facultades na que se impartía eran as mesmas, pero de pronto baixou moitísimo a entrada de mulleres, polo único feito de cambiarlle o nome. Isto fíxome pensar que quizais teña máis importancia da que cremos.

—Falta información nas escolas sobre as TIC?

—Eu creo que falta romper esquemas e prexuízos sobre o que é unha profesión como esta. Hoxe en día as TIC teñen unhas posibilidades laborais moi amplas, xa que se pode traballar en moitos ámbitos e moi diferentes, e facer cousas moi necesarias e importantes para toda a poboación en xeral. Deberíamos favorecer que haxa mulleres nestes postos porque unha das cousas que están facendo que o mundo cambie moi aceleradamente son as novas tecnoloxías de información e comunicacións. Dentro desta realidade, se non están involucradas, participando activamente, as mulleres, non solo como usuarias, senón como deseñadoras, coordinadoras, planificadoras… Mulleres con responsabilidade; todo o que se vai producir vai ter claramente un sesgo, pola súa propia natureza, neste caso maioritariamente masculina. Desta forma, estamos perdendo como sociedade un valor moi importante.

—Como pensa que se podería reverter a situación de desigualdade?

—Hai cousas que se están facendo, actividades como traballar con nenos e nenas dende pequenos, porque hai estudos que indican que hai que facelo dende que son máis novos, cando aínda non teñen pechado na cabeza que cousas son consideradas de neno e cales de nena. Pretendese que nesas idades xoguen cos mesmos xoguetes para que elas entendan que poden ser quen de facelo, que non hai unha cousa que lles queda lonxe ou que non ten que ver con elas. A partir disto, estanse a facer cursos e programas nos que eles vexan que calquera posibilidade que se lles poña diante carece de xénero. Tamén está a gran influencia dos libros de texto e dos materiais escolares, que non deberían manter os estereotipos de que o enxeñeiro e o bombeiro son homes e a enfermeira é unha muller. Despois están os medios de comunicación, as películas, as series… que as veces consagran máis certos tópicos como o frikismo, relacionado con estes traballos.

“Os materiais escolares aínda manteñen estereotipos do home enxeñeiro e a muller enfermeira

Non sei por onde habería que comezar, quizais por todo un pouco, por non petrificar eses prexuízos. Que as nenas vexan que é unha cuestión de gustos, de vocación, que elixan para o seu futuro un ámbito no que se sintan cómodas e lles apaixone. Hai unhas barreiras sociais que lles impiden explorar todas esas posibilidades, aínda que cos nenos se intente cambiar a situación, os pais e as familias manteñen uns roles de xénero moi marcados. Aínda que as nenas de 8 anos dentro de 10 partisen dunha apertura de miras moito máis grande que nos noventa e oitenta, aínda que xa se dean os primeiros froitos que inducen ao cambio, imos tardar moito en que haxa igualdade.

—Que queres transmitirlle ás nenas dende a súa experiencia neste campo?

—Gustaríame poder transmitir a importancia que ten a inclusión das mulleres neste ámbito tanto ás nenas coma tamén aos nenos, para que eles non vexan raro que as súas irmás, primas ou amigas escollan unha enxeñería. O ideal sería que como familias, profesorado, sociedade… deixásemos que os nenos e nenas fagan o que realmente lles guste, darlles a capacidade de elixir libremente e proporcionarlles o coñecemento do que poden chegar a facer, sen estereotipos. Para min é importante transmitirlles as nenas que se é algo que de verdade queren, poden conseguilo. Nestas titulacións, nestas carreiras de enxeñería, pode axudar a que as cousas muden se determinadas ideas preconcibidas sobre as TIC, que hoxe se perciben como algo custoso, se achegue de forma máis sinxela. As facilidades que temos na sociedade nestes últimos anos ocorreron en gran medida grazas as telecomunicacións. Os aparellos de todo tipo que permiten que nos comuniquemos en calquera momento e en calquera lugar, o diagnóstico dun médico que pode chegar ao paciente por videochamada, de forma instantánea a distancia… É importante que un neno ou unha nena non vexan isto como un asunto alleo a eles pola súa aparente complexidade, é necesario que vexan que é posible. En xeral, necesitamos esa visión e comprensión das mulleres no mundo. Se a intelixencia artificial, os aparellos domésticos, as novas tecnoloxías, se configurasen só a través do punto de vista e o traballo masculino, quedaremos coxos porque fai falla unha representación feminina no campo das TIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.