A dobre ameaza das macrogranxas: unha segunda explotación agrava en Agolada o conflito dos nitratos

A publicación no DOG dun proxecto avícola para 80.000 galiñas eleva a 445.000 as previstas no concello e axita o fantasma da contaminación da Limia

Dous proxectos independentes propoñen construír cadansúa macrogranxa avícola no concello pontevedrés de Agolada —unha poboación que xa experimenta unha importante presión gandeira—, que, en conxunto, reunirían máis de 445.000 galiñas situadas en ambos casos a menos dun quilómetro das vivendas máis próximas. Estas iniciativas poñen sobre a mesa unha cuestión coa que Galicia, e en especial a zona da Limia, é moi familiar: a contaminación hídrica por explotacións gandeiras de grandes dimensións.

Múltiples colectivos expresaron o seu desacordo cos proxectos. Entre eles está a plataforma Stop Macrogranxas Agolada, que presentou unha alegación á construción da primeira macrogranxa. No documento recollen que “a Directiva 91/676/CEE indica, nos seus considerandos 5º e 6º que ‘a causa principal da contaminación orixinada por fontes difusas que afecta ás augas da Comunidade son os nitratos procedentes de fontes agrarias’. A continuación, engaden que un informe da Comisión Europea sinala que o 81 % da achega de nitróxeno agrícola aos sistemas acuáticos europeos está causado pola gandaría.

Publicidade

Dende a plataforma móstranse críticos tamén co impacto que estes proxectos teñen sobre a economía local: “Trae moi pouco emprego, porque consta de labores moi automatizados. Tamén vemos, coa experiencia dos Estados Unidos, que a gandaría industrial (e en especial as macrogranxas) non fixa poboación, porque ninguén quere vivir ao seu lado e as propiedades próximas perden valor”. A asociación tamén indica que estas construcións van ligadas a un aumento nos problemas de saúde (debido á contaminación das augas con nitratos e do aire con gases tóxicos), nos malos cheiros e no tráfico pesado.

Dúas macrogranxas con máis de 445.000 galiñas

Para comprender a preocupación da veciñanza é preciso coñecer a proposta para as dúas macrogranxas, así como as condicións de tratamento de refugallos das mesmas. A primeira delas é un proxecto de Proteínas y Cereales de Galicia SL e é a de maiores dimensións: propón albergar 365.496 galiñas poñedoras de ovos en catro naves. A segunda, que ten como titular Avícola Axiaz, prevé unha capacidade 4,5 veces menor, de 80.788 aves, tamén destinadas á produción de ovos. Esta última saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) este xoves nun anuncio polo que abre a información pública o seu estudo de impacto ambiental.

Publicidade

Proteínas y Cereales de Galicia SL declara que as edificacións da súa macroexplotación estarían situadas a un quilómetro do núcleo de Agolada e a 500 metros do Couso. A esa mesma distancia está a vivenda máis próxima. Pola súa banda, Avícola Axiaz ten previsto situar a súa construción a 575 metros da vivenda máis próxima e do núcleo de Axiaz.

A situación e magnitude do proxecto de 365.000 galiñas xa promoveu críticas e alegacións. A chegada dunha segunda macrogranxa só aumentou a preocupación da veciñanza pola súa saúde e pola integridade da contorna. “Aínda que esta proposta de 80.000 galiñas sexa menor, segue sumando. Cada vez os efectos na saúde e sobre as augas serán máis graves“, declara con rotundidade a plataforma Stop Macrogranxas Agolada.

O impacto para a saúde dos veciños

A proximidade coas vivendas é unha cuestión especialmente relevante para a veciñanza debido aos efectos nocivos que producen a emisión de gases e refugallos das grandes explotacións. “O impacto na saúde está documentado en diversas investigacións: rexístranse máis problemas respiratorios e irritación nas mucosas de animais e persoas. Isto débese a que unha das emisións máis prevalentes deste tipo de granxas é o amoníaco“, explica a plataforma. O Estudo de Impacto Ambiental elaborado sobre a macrogranxa recoñece que emitiría 146 toneladas de amoníaco ao ano, un gas irritante de cheiro forte e acre.

Segundo Stop Macrogranxas Agolada, o proxecto non indica medidas especiais para paliar os efectos deste gas sobre a poboación: “Empregarán un sistema de ventilación que expulsará os gases ao exterior. Si que hai propostas como a de renovar a cama dos animais máis a miúdo para que non se acumule o esterco, pero con esas concentracións de amoníaco iso non será suficiente”.

Dende a plataforma informan que unha revisión da literatura científica sobre avicultura achou unha relación entre persoas que traballan ou viven preto dunha explotación avícola intensiva e a presenza da bacteria E. Coli resistente aos antibióticos. Dende a asociación declaran que se ben é certo que as persoas máis afectadas serán as máis próximas, debe terse en conta que o rango real de impacto destas macrogranxas vai máis alá de Agolada: “Estímase que emitirá 200.000 quilogramos de esterco ao día. Incluso a maiores distancias, con esa cantidade poden producirse filtracións e levar a problemas de contaminación por nitratos“.

A presión gandeira do Deza

Esta situación chega a un territorio ameazado xa por unha elevada (e crecente) presión gandeira. Un informe elaborado en xullo deste ano pola Comisión Europea sinala que a carga gandeira media de Galicia é de 2,3 UGM (Unidades de Gando Maior) por hectárea, tan só superada en España por Cataluña, con 3 UGM por hectárea.

“A macrogranxa de 365.000 galiñas incrementaría as unidades gandeiras totais un 31 % en Agolada, que pasaría de 4,78 UGM por hectárea a 6,28. A media no Deza é de 5,56 UGM por hectárea; supera xa a da Limia, que é de 4,37″, apuntan dende a plataforma Stop Macrogranxas Agolada. Estes datos son previos á construción da macrogranxa. Trala súa posta en marcha, a presión gandeira aumentaría na zona e, en consecuencia, incrementaríase a contaminación por nitratos. “Ecoloxistas en Acción levou un estudo a este respecto no 2024. Tomaron 80 mostras, das cales só o 19 % estaban libres de sospeita de contaminación por nitratos“, indica a organización.

A auga, en perigo

Unha das grandes preocupacións de levar a cabo estes proxectos é o impacto que os refugallos —en especial as feces— das macrogranxas poden ter sobre os encoros, sobre todo despois dun verán de pronunciada seca no territorio galego. Nun comunicado, Greenpeace afirmou que o encoro de Portodemouros, por debaixo de Agolada, “está seguindo a mesma traxectoria acelerada de colapso ecolóxico que o encoro das Conchas“. A asociación ecoloxista pon o foco no impacto negativo que esta explotación tería sobre un acuífero que dá de beber a varios concellos, entre eles a poboación de Agolada.

A promotora do proxecto de 365.000 galiñas sinalara que contratarían un xestor de residuos externo para desfacerse dos refugallos producidos. Porén, como sinalan dende a plataforma Stop Macrogranxas Agolada, iso supón un parche sobre a ferida, non unha solución: “Só se traslada o problema; os residuos non desaparecen, simplemente os moven, e non hai onde poñelos. Ademais, non evita as posibles escorrentías, lixiviacións, desbordamentos da esterqueira nin as deposicións do amoníaco atmosférico en forma seca e húmida”.

Aluden a situación na que se atopa xa Portodemouros, onde son cada vez máis frecuentes as restricións de baño. “A zona de baño de Brocos estivo limitada por cianobacterias en 2024, 2025 e 2026. Esa praia e as dúas das Conchas foron as únicas que se pecharon en Galicia por ese motivo”, resalta a asociación.

Engaden que a contaminación non é o único problema que enfrontarán as reservas hídricas; as macrogranxas requiren abundantes cantidades de auga. “O consumo da granxa sería de 65.845 metros cúbicos anuais”, declaran dende a plataforma. Na alegación que elaboraron recollen que en base ao consumo doméstico medio en Galicia, que estimaron en torno a 128 litros por persoa e día segundo datos da Xunta, “esa cantidade equivale a un incremento da poboación de 1.409 persoas, máis do 60% da poboación de Agolada, que o propio Estudo do Impacto Ambiental cifra en 2.282 habitantes”.

Estes datos reavivan a preocupación nun territorio que non é alleo aos efectos dos nitratos e o impacto medioambiental e sobre a saúde que teñen as macrogranxas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia