O aproveitamento de recursos, a busca de sustentabilidade e a valorización de produtos de proximidade protagonizaron a xornada O futuro da Industria Alimentaria na rexión Atlántica, na que a innovación alimentaria marcou relatorios e mesas redondas de empresas, investigadores e centros tecnolóxicos. O evento, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), marcou o peche do proxecto Hub4Food, que deu comezo en 2024 co obxectivo de axudar un grupo de pequenas e medianas empresas de Francia, Irlanda, Portugal e España a levar as súas iniciativas á práctica.
A xornada arrancou ás 9:30 horas do 11 de novembro, no Auditorio 2 do edificio CINC, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Os asistentes reflexionaron sobre os desafíos e oportunidades que enfronta a industria da alimentación na rexión atlántica, sobre as leccións que resultaron dos dous últimos anos e sobre as estratexias para aumentar a sostibilidade dos mercados alimenticios. Este evento permitiu que empresas, persoal investigador e centros tecnolóxicos compartiran un espazo destinado á difusión de coñecementos e experiencias.
O obxectivo da xornada foi dar a coñecer os resultados obtidos na iniciativa Hub4Food, tanto nos proxectos piloto desenvoltos por diversas pemes e institucións tecnolóxicas, como nas medidas tomadas dende os clústers para apoiar as empresas e favorecer a divulgación dos seus avances. “Puxemos o foco en dar a coñecer as oportunidades que hai agora na industria alimentaria da rexión atlántica e presentar as innovacións que existen de cara ao mercado do futuro”, explica Helena Jamardo, técnica de proxectos de innovación de Clusaga.
Os resultados dunha aposta pola innovación alimentaria
“Un dos principais logros de Hub4Food foi o desenvolvemento de 12 proxectos piloto de innovación, nos que participaron 11 empresas alimentarias de España, Francia, Portugal e Irlanda, en colaboración con centros tecnolóxicos e de investigación. Estas iniciativas permitiron desenvolver novos produtos, validar tecnoloxías e explorar oportunidades de negocio, especialmente no ámbito da valorización dos recursos mariños e da alimentación funcional”, explica Helena Jamardo.
Por outra banda, tamén puxeron sobre a mesa o rol dos clústers na iniciativa. “O consorcio Hub4Food desenvolveu unha carteira de servizos para as pemes. Creamos a Business Innovation Facility, unha rede de apoio articulada a través dos clústers do consorcio, con servizos adaptados ás necesidades de cada territorio”, indica Noelia Dosil, responsable de innovación e emprendemento en Clusaga. A coordinadora de Hub4food engade que, en xeral, todas as propostas se enmarcaron en iniciativas de apoio á innovación, a sustentabilidade e o acceso ao mercado. “No caso de Clusaga axudamos as pemes con máis de 40 servizos individualizados, entre eles estudos das tendencias de innovación de produtos, o cálculo da pegada de carbono dos produtos e formación e asesoría sobre metodoloxías de innovación”, apunta Noelia Dosil. Pon como exemplo un curso recente no que incluíron mentorías para apoiar as pemes e potenciar o desenvolvemento de produtos e procesos usando asistentes de intelixencia artificial.
A coordinadora de Hub4Food resalta que a dimensión divulgativa estivo moi presente na duración do proxecto: “Hub4Food impulsou 10 accións de ciencia cidadá que contaron con case 300 personas participantes. Algunhas, como a organizada por Clusaga e ANFACO-CYTMA, permitiron achegar os máis novos á cadea de valor do mar, a investigación e o consumo responsable”.

O papel das pemes galegas en Hub4Food
A xornada puxo o foco nas achegas galegas a través dunha mesa redonda composta polas dúas empresas de Galicia que tomaron parte no proxecto. No relatorio participaron María José Chapela, responsable de Desarrollo de Negocio I+D+i en ANFACO; Isa Ingrez, técnica de I+D+i na empresa Porto-Muíños, que traballa no procesamento ecolóxico de algas; e Eloi Covelo, técnico de departamento I+D en Minimelis, fabricante de golosinas funcionales. As intervencións estiveron moderadas pola xornalista de GCiencia Andrea Veiga.
O proxecto Bioseafiltration, da galega Porto-Muíños, desenvolveuse en colaboración coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Pescados e Mariscos (ANFACO-CYTMA). A iniciativa analiza a alga mariña como un ingrediente con amplas posibilidades no desarrollo de novos produtos alimentarios, polas súas achegas tanto ao sabor, como o formato e o valor nutricional. “Porto-Muíños conseguiu validar unha tecnoloxía de ultrafiltración para obter ingredientes funcionais a partir de algas. Os resultados demostraron a viabilidade técnica do proceso e identificaron compostos con potencial de valor engadido”, declara Helena Jamardo.
A galega Minimelis, tamén apoiada por ANFACO-CYTMA, diríxese ao público cos padales máis doces a través da súa iniciativa de produción de lambetadas funcionais. A empresa, que se especializa na elaboración de suplementos, dirixe un proxecto que incorpora microalgas en doces para facilitar que o consumidor teña á súa disposición un formato apetecible co que lograr a súa achega nutricional desexada. “Minimelis desenvolveu novas lambetadas funcionais enriquecidas con omega-3 procedente de microalgas. Tras elaborar e avaliar seis prototipos, obtiveron unha formulación prometedora, cun elevado contido en DHA e boa aceptación sensorial, que a empresa poderá seguir optimizando de cara á súa futura comercialización”, explica a técnica de proxectos de innovación de Clusaga. Os asistentes do evento tiveron oportunidade de probar esta formulación.
“Os resultados doutros pilotos tamén ofrecen perspectivas interesantes de continuidade. En Francia, Algolesko desenvolveu novas formulacións de pan enriquecido con algas, con boas propiedades nutricionais e sensoriais. Tamén a empresa francesa EDONIA identificou unha nova oportunidade para valorizar coproductos da espirulina mediante unha salsa vexetal”, apunta Jamardo.
Os retos do proxecto
A coordinadora de Hub4Food, Noelia Dosil, conta que os principais retos se concentraron nas fases iniciais do proxecto: “Cando lanzamos a convocatoria para recoller propostas de empresas, houbo algunhas que foron ben valoradas nun comezo, pero que atoparon dificultades na fase de planificación“. Dosil recoñece que consensuar as espectativas de cada unha das partes ocupou máis tempo do que orixinalmente previran. “Foron retos que resolvemos de forma colaborativa no consorcio. Ese é o método que empregamos en Hub4Food: a definición das propostas e o seu seguimento realízanse de xeito cooperativo”, engade.
Conclusións do proxecto
Dende Clusaga afirman que os resultados do proxecto amosan o potencial da colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos para transformar coñecemento científico en novas solucións, produtos e oportunidades de negocio. “Unha das principais aprendizaxes de Hub4Food é precisamente o valor de facilitar ás pemes o acceso a capacidades tecnolóxicas e redes de cooperación internacionais, contribuíndo a acelerar a innovación, reducir os riscos asociados ao desenvolvemento de novos produtos e reforzar a sustentabilidade e competitividade do sector”, asegura Helena Jamardo.
Noelia Dosil conclúe resaltando o importante reforzo que supuxo Hub4Food ás relacións internacionais entre organizacións con misións complementarias: “A cooperación europea permítenos acceder a capacidades que non sempre temos preto, compartir riscos, aprender de experiencias contrastadas e traer novas oportunidades a Galicia. E permítenos tamén poñer en valor o que sabemos facer aquí“.
Clusaga coordina o proxecto europeo Hub4Food, financiado polo programa Interreg Espacio Atlántico 2021-2027 baixo o acordo de subvención EAPA_0024/2022.















