O mar está estreitamente ligado a Galicia: a conexión do pobo galego co océano vai dende séculos de historia pesqueira ás tradicións arquitectónicas das vilas do litoral, do ecosistema que albergan as frías augas á sabedoría de quen leva toda unha vida sobre un barco. As costas da comunidade levan toda a súa memoria bañadas polo Atlántico, e, con todo, aínda se descubren novos recursos baixo a superficie mariña. O vindeiro 11 de novembro, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reunirá no Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura (en Santiago de Compostela) centros tecnolóxicos, empresas e académicos dedicados á innovación alimentaria en base a produtos mariños.
O evento, baixo o lema de O futuro da industria alimentaria na rexión atlántica, ten como obxectivo reflectir sobre os desafíos e oportunidades que enfronta a industria alimentaria na rexión atlántica, compartir aprendizaxes do proxecto Hub4Food e explorar, xunto con empresas, expertos e axentes do ecosistema, como impulsar unha innovación máis sustentable, competitiva e conectada cos mercados do futuro.
No encontro reuniranse responsables da industria alimentaria, investigadores e representantes de centros tecnolóxicos para falar das iniciativas que se están levando a cabo no sector alimentario. Ademais, os socios do proxecto —que inclúen organismos de Francia, Irlanda, Portugal e España— contarán a sua experiencia traballando nas diferentes iniciativas do proxecto; dende as actividades de divulgación feitas para o público xeral, pasando polos servizos de innovación dirixidos a pequenas e medianas empresas (pemes) alimentarias ata os proxectos piloto elaborados polos centros tecnolóxicos do consorcio con pemes das catro rexións.
Destacan, entre os poñentes, representantes de AZTI: Centro de investigación mariña e alimentaria, e EIT Food. Entre as participantes tamén estarán as galegas Porto-Muíños, que estuda, a través do proxecto Bioseafiltration, a aplicación das microalgas como ingrediente alimentario, e Minimelis, que produce suplementos alimentarios en formato de doces.
Chourizo e pan con pegada do océano
Aínda que sexa difícil de imaxinar nun primeiro momento, o océano pode estar presente nos chourizos. A empresa portuguesa PRISCA Alimentação SA, acompañada polo Centro de Apoio Tecnolóxico Agro-Alimentar (CATAA), presenta un proxecto polo que se busca substituír o sal tradicional deste alimento por salicornia, tamén coñecida como planta de San Pedro, espárrago de mar ou herba salgada. Trátase dun xénero de plantas suculentas —isto é, que ten moito zume e é carnosa— e halófitas, é dicir, que crecen lugares salgados, como as praias. O obxectivo deste proxecto é reducir o contido de sodio á par que se preservan o sabor, a calidade e a seguridade do alimento.
O chourizo adoita ir acompañado por pan, e tamén entre os proxectos de Hub4food hai opcións para levar o mar a este produto. Un exemplo é a iniciativa Breadalg, da empresa francesa Meristeme, que recibe o apoio do Laboratorio Nacional da Panadería e Pastelería (LEMPA). Esta iniciativa busca enriquecer o pan suave con algas mariñas co gallo de mellorar o valor nutricional deste alimento, en especial no relativo ao contido de calcio e iodo. A peme Algolesko, de orixe francesa e co apoio de LEMPA, pon tamén o foco no pan. Ao igual que Meristeme, proponse aumentar a súa achega nutricional mediante o uso de algas entre os ingredientes.
O poder nutritivo das microalgas
Nos últimos anos creceu o interese por empregar microalgas para engadir determinados nutrientes aos alimentos. Un caso especialmente famoso é o da espirulina, unha cianobacteria de cor azul e verde que se volveu moi solicitada como complemento en dietas veganas. Dous proxectos de Hub4Food poñen este alimento nunha posición de protagonismo. O primeiro é un caldo vegano elaborado en base a esta microalga rica en nutrientes, unha iniciativa da empresa francesa Edonia, acompañada por Praxens. O segundo, dirixido polo mesmo negocio, utiliza luz pulsada e un tratamento UV-C para degradar os pigmentos da espirulina coa fin de que a súa nova cor resulte máis apetecible no contexto alimentario.
As microalgas son organismos microscópicos cun alto contido en proteínas, vitaminas e minerais. E se ben cada vez están máis incorporadas nas dietas da poboación, aínda existen moitos detalles que se descoñecen sobre as súas propiedades. Por isto, a empresa portuguesa Allmicroalgae, apoiada polo Centro de Ciencias do Mar e do Ambiente (MARE), propón unha investigación sobre o valor nutricional das microalgas e o proceso polo que os seus contidos son asimilados polo corpo humano durante a dixestión.
O proxecto Bioseafiltration, da galega Porto-Muíños —apoiada pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Pescados e Mariscos (ANFACO-CYTMA)— analiza a alga mariña como un ingrediente con moitas posibilidades no desenvolvemento de novos produtos alimentarios, tanto polas súas achegas ao sabor, o formato e o valor nutricional.
As propostas galegas na innovación alimentaria
Entre os 12 proxectos piloto que estarán presentes o 11 de novembro no evento organizado por Clusaga, destacarán as propostas das pemes galegas Porto-Muíños e Minimelis. Estas iniciativas exploraranse de xeito extenso na mesa redonda Casos de éxito en Hub4Food: A voz das pemes galegas. Para os padales máis doces, a empresa galega Minimelis, que traballa na elaboración de suplementos, dirixe un proxecto que incorpora microalgas en lambetadas para aproximar a achega nutricional aos formatos máis rechamantes para o consumidor. Únese, así, ao proxecto Bioseafiltration de Porto-Muíños nun espazo de debate que pon a produción galega no centro da atención.
Outras iniciativas que se reunirán no encontro serán: a redución dos refugallos alimentarios —a través do desenvolvemento de fariña de noces mellorada con algas—, o uso dun xel creado con algas irlandesas para modificar a textura de bebidas e alimentos, a ampliación da vida útil dos produtos mariños como o salmón ou a ampliación da oferta de produtos sen glute en panaderías a través de propostas que incorporan fibra de fontes terrestres e marítimas.
A unión entre océano e alimentación
O encontro O futuro da industria alimentaria na rexión atlántica contará coa participación dos socios do proxecto Hub4food e estará dirixido a empresas, centros tecnolóxicos e persoal investigador. “O foco do evento será dar a coñecer as oportunidades que hai agora mesmo na industria alimentaria da rexión atlántica e promover as innovacións que se levan a cabo nela de cara ao mercado do futuro”, explica Helena Jamardo.
A técnica de proxectos de innovación de Clusaga revela que se presentarán os resultados obtidos durante o proxecto, tanto por parte das iniciativas piloto como pola dos servizos que o clúster facilitou ás empresas.
Hub4food: unha aposta pola innovación alimentaria
Hub4food é unha iniciativa que busca favorecer a innovación alimentaria na rexión atlántica, en especial naquela que vén da man das pequenas e medianas empresas do sector da alimentación. “Dende Clusaga tratamos de beneficiar as pemes mediante os proxectos piloto que elaboraron en colaboración con diferentes centros tecnolóxicos, pero tamén facilitándolles un catálogo de servizos de innovación. Cada clúster de cada unha das catro rexións participantes adaptou o seu catálogo ás necesidades empresariais dos seus membros”, sinala Helena Jamardo.
Entre as accións de apoio que levaron a cabo atópase a de divulgar o proxecto e os seus resultados. “Facilitamos a linguaxe da ciencia e da innovación alimentaria a un público xeral. Ademais, cada socio participou en diferentes actividades: organizáronse congresos, charlas, actividades de tipo xincana nun entorno escolar, showcookings…”, asegura a técnica de Clusaga.
Jamardo declara que están dando ferramentas e recursos para poder innovar e para utilizar os recursos que xa existen pero non se aproveitan, “como é o caso macro e microalgas, para as que propoñemos o seu uso como un ingrediente para un producto final, por exemplo en pan ou en barriñas”, conclúe.
Clusaga coordina o proxecto europeo Hub4Food, financiado polo programa Interreg Espacio Atlántico 2021-2027 baixo o acordo de subvención EAPA_0024/2022.















