Sábado 20 Abril 2024

Fotovoz: recuperar a memoria colectiva dos incendios

A UVigo recolle o relato de vítimas do lume no Baixo Miño para deseñar contidos educativos que conecten as escolas á realidade da súa contorna

Hoxe, no concello da Guarda, resoan as palabras daqueles que viviron en primeira persoa a ameaza do lume. Non é tarefa fácil, pero na zona de exposicións do edificio están colgadas unha vintena de fotografías que xogarán o papel de elemento facilitador para que as lembranzas e as emocións saian sen imposicións nin límites. Cada un dos visitantes pode contar libremente a súa experiencia, aos que están alí presentes ou nun caderno colocado na sala con ese fin. Cada un dos relatos é escoitado con moita atención por María Isabel Doval, profesora titular da Universidade de Vigo e investigadora Firepoctep.

“Esta é unha exposición que se basea nun método de participación colectiva que se chama Fotovoz. As fotografías axudan á comunidade local a expresar as súas emocións sobre os grandes incendios forestais que viviu. Son, digamos, escusas para que a xente comunique as súas lembranzas, algo que pode ser difícil nun primeiro momento. Despois, o que imos facer é unha análise de todo o contido que recollemos para aproveitalo á hora de deseñar bos materiais didácticos e curriculares relacionados cos incendios forestais, porque é algo que falta nas escolas. Deseñar os bos formatos e os bos contidos é a nosa misión neste proxecto europeo”, explícanos Doval.

Publicidade

Lumes que duran toda unha vida

Membros dos equipos de prevención e extinción e tamén profesionais da comunicación como Jorge Alonso, director de Infomiño.com, son os autores das fotografías que os visitantes observan e comentan entre eles. Nas conversas, o relato das experiencias sucédese de maneira espontánea. Jorge leva máis dunha década cubrindo a actualidade da comarca do Baixo Miño e os incendios, asegura, ocupan as portadas do verán todos os anos, sen excepción. Sinala unha das súas fotografías e cóntanos: “Este día facía moitísimo vento, o lume espallábase rapidamente e non había medios para loitar contra el. O fogo pasou da Guarda ao Rosal e había que desaloxar vivendas. Eu metinme nun camión dos bombeiros de Oia e chegou un momento que estabamos metidos nunha columna de fume e tivemos que dar volta. Foi un momento terrible, un verdadeiro inferno, porque non se vía nada ao redor, o ar era sufocante. Foi duro, a verdade. Sempre me lembro dese día porque é algo que te marca”.

“Ves estas fotografías e revives esa noite, sentes outra vez o medo”

FINI, veciña da Guarda e testemuña dos lumes de 2017

Fini é alumna da Escola Obradoiro da Guarda e a noite do 17 de outubro do 2017 permanece intacta na súa memoria. “Tememos pola nosa vida, foi unha noite moi dura. O incendio avanzaba de xeito incontrolado, non sabiamos o que ía acontecer. A incerteza era terrible porque chamabas aos servizos de emerxencia e non podían responder, o lume estaba por todas partes. Nos medios eran moitas as informacións, non sabiamos a quen recorrer. Ves estas fotografías e revives esa noite, sentes outra vez o medo”, relata moi emocionada. Fini agradece esta iniciativa e asegura que debería repetirse para que a xente non esqueza o que pode acontecer. “Deberiamos estar en alerta todo o ano porque o lume volve cada verán. Ten que haber moito máis control do monte e establecer unha liña telefónica de axuda porque os servizos de emerxencia están no terreo, ocupados, e non che poden indicar o que debes facer”, propón.

Nun recuncho da sala de Fotovoz os visitantes atoparon un cuestionario e un caderno no que poñer a súa experiencia ao servizo da ciencia.

Concienciar, o mellor remedio para calmar a angustia

Félix Piñeyro é enxeñeiro forestal e docente na Escola Obradoiro na que é alumna Fini. Con 12 campañas de incendios en toda Galicia ás costas, Félix asegúranos que o momento máis difícil para el foi perder a un compañeiro de vista no terreo. “A norma é non dividirnos, pero pode acontecer que perdas por un momento a alguén do teu equipo e aí, entras en pánico. Esta é unha das situacións máis complicadas que pasei, porque como capataz de brigada é a túa responsabilidade, pero tamén é o teu amigo”, afirma. Piñeyro insiste en que os incendios hai que traballalos no inverno, reforzar a prevención, darlle valor ao monte e explicar, canto máis mellor, por que se producen os lumes, insistir na sensibilización.

“A norma é non dividirnos, pero pode acontecer que perdas por un momento a alguén do teu equipo e aí, entras en pánico”

FÉLIX PIÑEIRO, enxeñeiro forestal

Presente na sala, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, dá a benvida á xente e tamén escoita con atención algúns dos relatos. Lomba, non dubida en unirse e contar a súa propia experiencia. “Tomei posesión do cargo en xuño do 2015 e ese mesmo ano, durante a Festa do Monte que é o evento máis importante que temos aquí no verán, declarouse un incendio. Era a persoa responsable e púxenme mans á obra cunha angustia tremenda e temendo pola xente, as vivendas e o monte. Por sorte, todo quedou en nada, pero cada verán vivimos con esa angustia se vemos fume, se sabemos que hai lume ao outro lado do río, en Portugal. Somos un concello pequeno e un incendio pode causar moitos danos”, explícanos. “Esta exposición encaixa coa nosa política municipal de sensibilización, loita e adaptación ao cambio climático. A política municipal non é só facer obras, tamén é estar ao corrente das preocupacións da veciñanza para que o noso traballo sexa coherente. Concienciar á poboación sobre as consecuencias do cambio climático é xustamente unha das liñas principais do PACES, o Plan dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía Sostible, co que traballamos”, subliña.

A educación, o elemento chave da prevención

O equipo de investigación da UVigo pon a disposición doutros concellos todo o material empregado hoxe nesta exposición na que ademais das fotografías, os visitantes atopan, nun recuncho da sala, un cuestionario e o caderno onde poden deixar constancia da súa experiencia para poñela ao servizo da ciencia.

“No cuestionario responden a preguntas de satisfacción da xornada e tamén poden deixarnos as recomendacións que queiran transmitir ao noso equipo. A xente agradécenos a iniciativa, o feito de preocuparnos de cuestións que poden parecer cotiás, de impacto local e sen importancia, e tamén nos lembran que é necesario que a xente das cidades coñeza esta realidade, porque a súa calidade de vida tamén depende do territorio que as rodea”. Para rematar, María Isabel Doval investigadora do Firepoctep, insiste: “A mensaxe é clara, hai que traballar todo o ano na cuestión dos incendios forestais e os centros educativos, con bo material, son o lugar axeitado para facer posible esa tarefa”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos