Recentemente coñeceuse o caso dun rapaz de Arzúa que está sendo sometido a unha terapia electroconvulsiva (TEC) no Hospital Provincial de Conxo en contra da súa vontade e a da súa familia. Foi o maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago quen determinou a aplicación de nove sesións de electroshock. Isto xerou moito debate público e organizáronse concentracións defendendo o dereito do paciente a decidir sobre ser sometido a esta terapia que, segundo considera a Asociación de Pacientes do CHUS, non ten “soporte científico” para a súa utilización. Dende o ámbito médico os expertos defenden o seu uso e afirman que é unha técnica “claramente estigmatizada” que beneficia na actualidade a un elevado número de persoas.
O home, de 30 anos, ingresou en febreiro por un cadro psicótico. Sara García é psiquiatra da sanidade pública galega, pero prefire empregar un nome falso ante a polémica xerada, o que da unha idea da sensibilidade que desperta a terapia. García explica que cando un paciente non está en condicións de decidir sobre a súa saúde os médicos solicitan unha autorización xudicial para proceder. No auto deste caso, o xuíz recolle que o home padece unha “patoloxía grave” e que non é “consciente do seu trastorno mental e da súa necesidade do tratamento pautado“, co cal, considérao “imposibilitado” para tomar a decisión. O maxistrado validou o tratamento con terapias electroconvulsivas ante a “ausencia de calquera outra alternativa” tanto por parte do paciente como por parte dos seus proxenitores. Baseouse nos informes achegados polo hospital, na avaliación do forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e nun recoñecemento xudicial. “A familia non pode prestar consentimento por un adulto, a non ser que estea incapacitado previamente, que non é o caso”, alega a psiquiatra.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS expón nun comunicado que se está “violando o dereito” do rapaz á “autonomía persoal e á capacidade de decidir sobre a súa saúde ao non considerar como válida a súa manifestación verbal e escrita antes do tratamento de non recibir a terapia TEC”. Ademais, expoñen que a forma de proceder dos facultativos é contraria ao “espírito da Lei de Saúde de Galicia, cuxos principios informadores inspíranse na colaboración, diálogo e participación do paciente nos procesos de saúde”. Do mesmo xeito consideran que a resolución xudicial non está amparada no dereito do paciente nin no consentimento informado ao non tomar “válida a súa negativa” sin “investigar outras alternativas”.
Que é e cando se emprega o electroshock?
O electroshock é un tratamento que provoca unha crise convulsiva breve mediante a estimulación eléctrica do cerebro empregando electrodos colocados no coiro cabeludo. O paciente atópase baixo unha anestesia xeral, con relaxantes musculares e ventilación artificial. “Trátase de acadar unha repolarización das células celebrais. Conséguese que as neuronas liberen neurotransmisores de forma simultánea”, explica Sara García. En función da patoloxía e durante aproximadamente menos dun minuto, aplícanse estímulos eléctricos cunha determinada frecuencia e co número de veces que requira o paciente. Este método afecta os centros cerebrais que controlan o pensamento, o ánimo, o apetito e o sono. Os efectos secundarios, apuntan os expertos, son confusión, cefalea, náuseas e perda da memoria. Esta última pode darse de dúas maneiras: a curto prazo ou con sucesos do pasado.
As indicacións de uso principais son na depresión grave, a esquizofrenia, a psicose, a manía ou a catatonia. A Asociación Galega de Psiquiatría (AGP) e a Sociedade Española de Psiquiatría e Saúde mental (SEPSM) veñen de emitir un comunicado onde explican as enfermidades ou situacións nas que se emprega. Nel reflicten as taxas de resposta, por exemplo, na depresión o electroshock “demostrou ser o tratamento máis efectivo”, entre un 70% e 85% de resposta, explican, mellor que os fármacos antidepresivos. Na esquizofrenia e outros trastornos psicóticos, os fármacos e a TEC melloran a súa eficacia. Tamén alegan que non existen “contraindicacións absolutas” e que deixan claro a “bondade” da técnica, moi “afastada” da visión agresiva que forma parte do imaxinario social.
Unha técnica “incuestionable” dende a evidencia científica
A AGP e a SEPSM consideran que a aplicación da TEC do pasado difire da actual, un estigma que medrou co retrato nos medios de comunicación e nas películas. Alegan que é a técnica de neuroestimulación máis eficaz e mellor estudada das dispoñibles. “Un moi elevado número de pacientes beneficiouse da técnica, conseguindo mellorar ou aliviar a enfermidade“, confirma a psiquiatra. As organizacións aseguran que as probas científicas que existen son “contundentes” e “rotundas” sobre a posibilidade de que a TEC non dane o cerebro. Os episodios das terapias electroconvulsivas duran habitualmente menos de 60 segundos e para que as crises epilépticas poidan causar danos no cerebros das persoas deben durar horas. “A cantidade de electricidade que chega ao cerebro é demasiado pequena para causar unha lesión eléctrica“.
Sara García cre que os prexuízos ao redor das terapias electroconvulsivas poden desmontarse con información de boa calidade sobre como é a súa administración na actualidade. A idea que de maneira xeral se conforman as persoas sobre as TEC provén dos anos nos que se practicaba sen anestesia e sen relaxantes musculares, xerando un impacto moito maior. “Son moi importantes as testemuñas en primeira persoa dos pacientes que recibiron estas terapias e que lograron mellorar a súa vida”, comenta. Sobre a prohibición do electroshock por motivos éticos, a doutora alega que un médico da sanidade pública non pode ignorar o tratamento ao formar parte da carteira de servizos do Sergas. Só no caso de que non estivese o profesional dispoñible ou a máquina coa que se realiza o electroshock, podería deixar de facerse a terapia. De feito, se un médico non pode ofrecer o tratamento no seu hospital, debe derivar ao paciente a outro centro para que poida recibilo.