As 10 palabras do galego que estás dicindo mal

Brote, gafas, espalda... Son palabras de uso común, pero tamén castelanismos. Cales son os termos correctos?

O 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro publica Cantares gallegos. Esa data quedou gravada a lume na historia da lingua galega. Foi un fito histórico, un antes e un despois para un idioma silenciado. Tal foi a súa importancia, que 100 anos despois comezouse a conmemorar as Letras Galegas e, de feito, este ano homenaxéase a Francisco Fernández del Riego, principal promotor desta iniciativa. Pese a que todos os 17 de maio son motivo de festexo, as estatísticas xogan en contra e mostran, entre outros factores, a acusada perda de transmisión xeracional.

Por iso, no Día das Letras Galegas, é máis preciso ca nunca recuperar a esencia do idioma. Ese que empregas a diario sen decatarte de que hai palabras que estás a dicir mal. Aquí tes 10 delas:

Publicidade

Costas ou lombo, nunca espalda

Aínda que pases oito horas ao día diante dun ordenador, dificilmente che pode doer a espalda. Polo menos en galego… Este castelanismo está integrado na fala cotiá pero é un termo que non existe no noso idioma. Para designar a parte posterior do corpo, que vai dende os ombreiros ata o van, podes usar moitas outras palabras: lombo, costas, dorso, carrelo… Son as únicas que che poden doer!

Arrefriou, non si?

Agora que estamos en plena primavera, con temperaturas máis suaves, o frío comeza a pasar a un segundo plano. Polo menos, no aspecto meteorolóxico. No que respecta ao idioma, hai un termo ben integrado na cotiandade que se emprega incorrectamente. Non podemos dicir enfriar, senón arrefriar ou arrefecer. De igual maneira que se pillamos un virus, temos mocos, dor de cabeza e todo un sinfín de síntomas incómodos non estamos resfriados. En todo caso, terás un arrefriado, unha catarreira ou un catarro.

Publicidade

Menudo esbirro!

Se estás arrefriado é probable que esteas conxestionado e, de cando en cando, expulses pola boca ou polo nariz o aire dos pulmóns. Iso si, de forma brusca ou ruidosa. É dicir, estás esbirrando! Si, esa é a palabra correcta, pese ao uso estendido de estornudo, que é un castelanismo. Saúde!

O brote só o teñen as plantas

A Organización Mundial da Saúde xa deu a pandemia por finalizada. Pero máis alá dos recordos dos confinamentos e constantes restricións, o coronavirus deixou unha fonda pegada no vocabulario. Empregábase con frecuencia a palabra brote para designar a aparición repentina dunha enfermidade, pero esta acepción é incorrecta. Segundo o dicionario da Real Academia Galega (RAG), é un pequeno botón que lle sae aos vexetais e que dá lugar a novas pólas, follas e flores. Se queremos falar do brote dunha enfermidade a palabra correcta é gromo.

O meu prato favorito é a sobremesa

Vas a un restaurante e o menú do día ten primeiro prato, segundo prato e postre. Erro! En todo caso, terá sobremesa, independentemente de que estea o café incluído. Esa é a palabra correcta que designa os alimentos, normalmente doces, que se inxiren ao final das comidas. Aínda que a palabra sobremesa tamén poida empregarse para designar o tempo que pasamos na mesa despois de comer, mentres desfrutamos dese último prato.

Foi todo cuestión de serendipidade

Casualidade, azar, serendipia… Hai cancións, películas e ata libros que levan por título unha palabra ben curiosa. É, en realide, un neoloxismo inglés creado polo escritor Horace Walpole en 1754. O termo caeu en desuso ata o século XX cando se comeza a usar, sobre todo na literatura científica. De que outra maneira se podería explicar que Fleming descubrira a penicilina? Ou Newton a gravidade? Malia que non está aceptado pola normativa, O portal das palabras considera que a forma correcta de dicilo en galego é serendipidade. “Dende o punto de vista morfolóxico non é controvertido e mantén a harmonía coas decisións adoptadas noutros idiomas”, apuntan na web.

Ves mal? Usa lentes

Se tes astigmatismo, miopía, hipermetropía ou calquera outro defecto visual, o máis probable é que precises lentes. Pero nunca, baixo ningún concepto, gafas, porque é unha palabra que non existe no galego. E se non che gusta usalas, tes outras alternativas. Por exemplo, as lentes de contacto, pero nada de lentillas!

Non tires as cabichas ao chan

Coa chegada da primavera e do verán, as praias comezan a ateigarse de xente. Pero ademais de area e cunchas, tampouco é tan estraño atopar cabichas. Si, cabichas, porque as colillas non existen en galego. Ese é un termo incorrecto na nosa lingua que non serve para designar o extremo do cigarro que queda sen fumar. Porque iso de pitillo e cigarrillo tampouco existe…

Parasito, non parásito

En 2021, a malaria matou a 619.000 persoas. Esta enfermidade está causada pola picada das femias infectadas do mosquito Anopheles, que poden estar afectadas por cinco especies de parasitos do xénero Plasmodium. Esa é a palabra correcta, parasito, co cambio da sílaba tónica que ten en castelán: parásito. No galego tamén ocorre co termo petroglifo, que no noso idioma se di petróglifo.

Non comas o -e, dise xene

Ollo cos despistes. Se queres falar de xenética e, máis en concreto, dos elementos dispostos nunha orde fixa nos cromosomas, terás que dicir xene, non xen. Iso sería un castelanismo e, polo tanto, incorrecto en galego.

5 COMENTÁRIOS

  1. O pròprio artigo é cheo de castelanismos. Na evoluçón do galego portugués, o N mèdial é ausente , entom non sería:
    [ollo! : o ` é para marcar sons abertos que se estan a perder co a prevalença do galego en detrimento das linguas nacionais como o galego leonés basco catalán etc]

    menudo senon meúdo ou miúdo

    o artigo claramente usa regras da RAG que preferen castelanismos (dun xeito moi sotil) a termos xenuínos que temos en común co portugués

    0. O artigo xa comeza mal cando non respecta o estrato prerromano do galego (linguas galaico-lusitanas e célticas) en que “Estar a dicir” é marca desas linguas antes do latín.

    1 O [aire] pode ser sostituído por [ar] xa bastan moitas palabras casteláns en nosa lingua e ar existe na fala oral
    2 restricións -> restriçóns ou restrizóns – nosa lingua detèsta hiatos cando non son transformaçóns vidas de Consoantes perdidas como L e N
    cancións -> cançóns ou canzóns
    3 “Ves mal? Usa lentes” Nunha lingua con sèrio risco de morrer por que non usar mais sinónimos?! Lentes, òculos, anteòllos

    opcional

    quen valoriza as linguas prelatinas e o patrimonio cultural e etnico do galego poderian sostituir as relatinizaçóns con restauros das consoantes por ausencia desas consoantes:

    as linguas prerromanicas odiaban encontros consoantais enton ou as omitían ou as sostituían por ditongos

    aceptar -> aceitar
    redacción – redaçón
    incorrecto – incorreto – como en Brasil e Uruguai
    aspecto – aspeto como en Portugal Angola Timor Cabo Verde
    respecta – respeita (se ha peito por que non respeito?)

    Desculpade mais fodase a RAG. Esa sotilmente quere matar noso idioma e acelerar a asimilaçón ò castelán.
    Diccionario de sinónimos e diccionario de rexionalismos e establecer intercambios coa lusofonía pois:

    o diccionario de sinonimos restaura mais rápido a perda da lingua pois te da mais opçóns e te fai identiicar coa lingua de voso avós
    o intercambio coa lusofonía nos axuda a separar o que é galego e o que é castelán alá de dar utilidade ao idioma e non necesita interferir na ortografía do outro, alén de recuperar termos do léxico en común

  2. Serendipidade : Que di o portugués sobre isto .
    Casualidade ou azar xa non valen .
    O de serendipia xa é coña pero o de serenpidade é o non vai máis… Ou pediría serenidade é acougo .

    O de ocularia soa a tenda de venda de óculos… (???!! )

  3. Pois non: “gromo” é as dúas cousas, e a RAG non contempla “serendipidade”, e dubido moito que algún galego use ese termo, eu non o escoitei na miña vida, porén “casualidade” é eso casualidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar

Froallo, xistra ou trebón: estas son as 100 palabras en galego para falar da chuvia

A filóloga Elvira Fidalgo documentou unha ampla variedade de denominacións rexistradas en máis dun cento de localidades do noroeste peninsular

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia