A ciencia, mellor en galego

O son xordo e continuo dunhas ás batendo freneticamente contra o ar púxome en alerta. Será unha mosca, pensei. Era primavera, eu tiña seis anos e estaba xogando na eira da casa. De repente, unha picada tan violenta como inesperada detivo os meus pensamentos. E unha dor insoportable na cabeza derivou nun choro desenfreado. Meu avó veu correndo para aliviar o meu desconsolo cunha explicación: “Non chores, meniña. Esta abella non te vai volver picar”. As bágoas deixaron de caer e eu aprendín que aqueles insectos que sempre foran molestos pero nunca ameazantes desgárranse por dentro cando cravan o aguillón. E morren, tal e como me prometera meu avó. Aquela foi a primeira lección sobre ciencia. E o máis importante de todo: déranma en galego.

Non creo que os nenos de agora teñan a mesma sorte ca min. Ou, polo menos, esa non é a realidade que reflicten as estatísticas. Un alarmante 23,9% de nenos de entre 5 e 15 anos saben pouco ou nada de galego. A escola non parece reforzar estas carencias, senón que as acentúa, xa que tan só o 9,13% das aulas se imparten maioritariamente no noso idioma fronte ao 15,68% en castelán, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Como non se sabe se foi antes o ovo ou a galiña, o Decreto de Plurinligüismo aprobado en 2010 só contribuíu a empeorar a situación. Dificilmente se pode entender que, por lei, se teñan que impartir en castelán as Matemáticas, a Tecnoloxía e a Física e química. Mentres que as materias de perfil máis humanístico queden para o galego. E esta é unha reflexión que non só convén tomar no Día das Letras Galegas.

Publicidade

Só o 9,13% das aulas se imparten maioritariamente en galego

A mensaxe que lanzaron hai 13 anos e que segue vixente a día de hoxe é que a lingua non vale para programar? Para explicar as reaccións químicas? Para entender como funciona un motor? Non debe ser así cando eu, dende ben cativa, falei e escoitei galego: na casa, na escola, no círculo de amizades e nas rúas da miña vila. Un escenario que se difumina na miña memoria cando me atopo cos meus profesores do instituto e me din o moito que cambiou a situación. Os de Primeiro da ESO xa son maioritariamente castelanfalantes, dinme. E paréceme mentira. Igual que cando volvo á casa e tropezo con grupos illados de adolescentes, de nenos espallados que non levantan un palmo do chan: o galego é residual. Porque tamén o é nos móbiles nos que ven os debuxos animados ou nas redes nas que fan retos virais: sen sentido, pero en castelán.

Por iso, ante a progresiva perda do idioma no formal e no informal, hai que reivindicalo nos medios. E tamén naquelas plataformas capaces de chegar á poboación infantil, á adolescente e, por que non, á xeral. Reivindicar o galego no espazo público é fundamental para falarmos do que realmente importa. De que outra maneira seremos capaces de describir o mundo no que vivimos se non é empregando o idioma propio? Se non é describindo a nosa realidade a través das palabras que se foron xestando dende hai centos de anos? Se non é polas voces anónimas e rurais que mantiveron o idioma relegado no cotiá? Só como homenaxe aos ollos vibrantes que o conservaron, hai que mantelo nos rexistros máis cultos. E a divulgación, a ciencia especialmente, é un deses ámbitos nos que é máis importante ca nunca reivindicalo.

O galego é unha lingua universal, sen tempo nin espazo

Talvez entre neoloxismos, anglicismos e adaptacións doutras linguas, falando de dianas terapéuticas e de novas especies descubertas na Amazonia, un entenda que o idioma non ten fronteiras. Que o galego debe ter a mesma visibilidade que merece na rúa que nos libros. Porque o noso idioma é unha lingua universal, sen tempo nin espazo. Tan capaz de viralizar unha canción para romper fronteiras como para falar da intelixencia artificial. Non pode haber outro motivo polo que Chat GPT, que acapara portadas e dá tantas sorpresas como desgustos, saiba escribir en galego de maneira tan afinada.

Iso sería o argumento que me gustaría empregar se viaxase no tempo. Para responderlle a aquel alumno que me dixo hai anos: Profe, solo lo hablaré cuando sea viejo. E a aquel compañeiro que reflexionou, con toda a lóxica que lle faltaba: De que che sirve o galego en Alemaña? E si, preguntoumo en galego. Agora diríalles que o idioma foi clave na miña carreira laboral, pero tamén a miña principal lingua de socialización e na que aprendín toda a ciencia que sei. Pode que meu avó espertase en min aquel desexo, con tan só seis anos. Ou miña avoa, hai pouco, cando lle pediron que falase en castelán: Ai, miña filliña, non. Falei toda a vida en galego, non che vou falar aghora o español. Por iso, cada vez que escribo un artigo en galego, que leo un libro en galego, que escoito ciencia en galego… Unha parte de min vibra. Como se fose un son xordo e continuo, indistinguible do bater das ás dunha abella na memoria.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O estado do galego e Internet

A presenza do idioma é residual na web e atopa moitas barreiras, dende o seu emprego na publicidade ata nos motores de busca

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade
00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas