Unha vacina de ARNm mostra resultados prometedores contra o cancro de páncreas

Unha ensaio clínico en fase 1 administrou a terapia a 16 persoas xunto con cirurxía, quimioterapia e outro tipo de inmunoterapia

Un ensaio clínico en fase 1 probou vacinas personalizadas de ARNm contra o tipo de cancro de páncreas máis frecuente e que, ademais, ten mal prognóstico. O tratamento, que se prepara segundo as características do tumor de cada paciente, administrouse a 16 persoas xunto con cirurxía, quimioterapia e outro tipo de inmunoterapia. A metade delas mostrou unha resposta inmunitaria á vacina, o que se asociou cun mellor prognóstico. Os resultados publicáronse esta semana na revista Nature.

“O estudo está moi ben deseñado e a súa calidade científica é indubidable”, valora o xefe de Servizo do Hospital Clínic, Manel Juan. “Demostra algo que xa foi suxerido moitas veces antes (con datos menos sólidos), como é que a vacinación personalizada con ARNm de antíxenos tumorais é eficaz en inducir unha resposta e que pode, como mínimo, incrementar os períodos de supervivencia“, continúa explicando o científico en declaracións recollidas polo Science Media Centre España (SMC). Segundo di o investigador, o traballo confirma que os efectos adversos do tratamento son “claramente moi reducidos” contra un dos cancros con maior mortalidade.

Publicidade

Mostra reducida

Por outra banda, Juan recoñece que o estudo tamén ten as súas limitacións. A que el considera “máis importante” está relacionada co tamaño da mostra, é dicir, co número de pacientes tratados. “É claramente moi reducido”, expón. O investigador do Clínic continúa analizando o caso: “Unha vez confirmada a seguridade da proposta, parece que o seguinte paso a estudar é ver se simplemente adiantar esta “vacinación” antes de dar o inhibidor do punto de control [o outro tipo de inmunoterapia utilizado] pode ser máis razoable e pode permitir mellores resultados clínicos que vacinar despois de administrar o anticorpo, como foi o caso”. De todos modos, Juan insiste en que é “unha importante achega para esta área”.

O catedrático de Inmunoloxía da Universidade de Navarra Ignacio Melero tamén valora positivamente o avance e resalta, en especial, a loxística do ensaio, á que considera “unha fazaña”. “Non só porque se levou enteiramente a termo durante a pandemia e mentres BioNtech centraba os seus esforzos na súa vacina contra o SARS-CoV-2, senón porque supón un prodixio da tecnoloxía que BioNtech e Roche son capaces de levar a cabo, identificando os antíxenos e producindo unha vacina de ARNm en só seis semanas”, sostén o investigador en declaracións recollidas polo SMC España. Coincide con Juan no inconveniente: o número limitado de pacientes. Pero lanza igualmente unha mensaxe positiva: “A evidencia de que as vacinas ARNm de neoantíxenos funcionan é moi sólida neste ensaio tras a cirurxía”, conclúe.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Zendal completa a vacinación de máis de 7.000 bebés no ensaio da súa vacina contra a tuberculose

O proxecto internacional avaliará se MTBVAC protexe mellor fronte á enfermidade en comparanción con BCG, a única aprobada actualmente para vacinar os recentemente nados

Unha vacina contra o melanoma? Que hai realmente detrás do anuncio de Merck e Moderna

Aínda non se coñecen os resultados completos da fase III do ensaio no que participaron máis de 1.000 persoas. Por Cristina Penas Lago

Unha vacina do rotavirus na infancia podería previr cancros gastrointestinais na idade adulta

Unha investigación do IDIS formula a hipótese de que unha vacina contra a infección, que causa o 5% das mortes infantís globais, podería reducir o risco de contraer cáncer no estómago, páncreas e colon

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana