E se unha vacina na infancia puidera previr tumores gástricos? Unha investigación do grupo galego GENVIP, do Instituto De Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), apunta que o risco de sufrir unha infección grave por rotavirus na primeira infancia está ligado xeneticamente a unha maior protección fronte ao cancro gastrointestinal na idade adulta. O estudo identifica variantes xenéticas específicas que aumentan a susceptibilidade a este virus e que, á súa vez, tamén actúan diminuíndo as probabilidades de desenvolver tumores dixestivos décadas despois.
Máis aló de comprender como as infeccións infantís moldean a saúde a longo prazo, a investigación, publicada na revista científica Current Research in Microbial Sciences, expón unha hipótese co potencial de reducir o impacto dos cancros gástricos. Indican que a vacinación contra o rotavirus podería replicar estes mesmos efectos inmunolóxicos e epixenéticos beneficiosos. Deste xeito, as vacinas non só protexerían os máis pequenos das implicacións do virus, senón que tamén activarían os mecanismos de defensa a longo prazo contra os tumores gastrointestinais, sen necesidade de pasar polos perigos da infección natural. Un dos autores do estudo, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xefe do servizo de pediatría do CHUS Federico Martinón, sinala que esta nova posibilidade abre portas máis alá da prevención do cáncer: “O traballo non pecha unha pregunta, senón que abre unha nova liña de investigación sobre como as infeccións e vacinas da primeira infancia poden influír na saúde ao longo de toda a vida”.
Unha afección que mata o 5 % dos menores de cinco anos
O rotavirus é un microbio da familia Reoviridae que provoca infeccións gastrointestinais causantes de complicacións importantes na infancia. Outro dos investigadores que asinan o estudo, o catedrático da USC e codirector do grupo GENVIP Antonio Salas, explica que a afección pode causar vómito, febre, deshidratación ou diarrea aguda severa. Con menor frecuencia, tamén pode ocasionar danos neurolóxicos ou convulsións. “É o responsable do 5 % das mortes globais en menores de cinco anos. En países con deficiencias sanitarias, provoca miles de falecementos”, indica Salas.
O catedrático apunta que debido, precisamente, á súa incidencia na poboación infantil, as posibilidades beneficiosas da súa vacina son merecedoras de estudo e seguemento: “Xa hai dúas vacinas, a Rotarix e a RotaTeq, que se usan para evitar as infeccións por este virus, polo que é moi atractiva a hipótese de protexer de novos do rotavirus e no futuro, dun cancro gastrointestinal”.
A clave do estudo: secuenciar o exoma completo
Este estudo tomou como mostra un total de 23 nenos menores de catro anos, non vacinados fronte ao rotavirus, que se atopaban ingresados no Hospital Clínico Universitario de Santiago por unha infección moderada ou grave da enfermidade, e un grupo de control de 98 individuos sans da mesma contorna xeográfica e cunha ancestría xenética comparable. O investigador Federico Martinón sinala que empregaron unha aproximación multiómica: “Primeiro fixemos secuenciación do exoma completo para identificar variantes xenéticas asociadas á susceptibilidade de infección grave por rotavirus. Despois realizamos análises de asociación por variantes individuais, análises por xenes e controis de ancestría para evitar nesgos poboacionais”, conta.
A continuación, o equipo explorou a relación entre os xenes identificados —entre eles, BCAT1, A4GNT ou CLDN4— e a presenza de cancros gastrointestinais mediante as seguintes bases de datos: información biomédica, puntuacións de risco polixénico (PRS, polas súas siglas en inglés; é unha ferramenta que estima a probabilidade de que unha persoa desenvolva unha enfermidade complexa) para distintos cánceres dixestivos, análises de selección evolutiva e integración con datos transcriptómicos e epixenómicos. “Tamén comparamos a expresión e a metilación destes xenes en mostras de cancro gástrico e tecido normal procedentes de bases de datos públicas”, engade o doutor.
Martinón chama á prudencia no momento de interpretar os resultados: “Este é un estudo exploratorio e xerador de hipóteses, pero non pode extrapolarse automaticamente a toda a poboación. Cómpre validalas en cohortes máis amplas, independentes e, idealmente, con seguimento lonxitudinal”, explica. Realizar un estudo destas características é unha tarefa complexa que requiriría unha monitorización continuada durante décadas, mais Antonio Salas incide nos beneficios que se producirían de confirmarse a hipótese que formula a investigación.
O modelo da pleiotropía antagonista inversa
O achado apoia o modelo científico da pleiotropía antagonista inversa. “O modelo clásico describe variantes ou procesos que poden ser beneficiosos nunha etapa da vida e prexudiciais noutra posterior. O noso traballo propón o contrario: variantes que poderían ter un custo temperán, ao aumentar a susceptibilidade a unha infección grave na infancia, pero un posible beneficio tardío, ao reducir o risco de certos cancros dixestivos”, explica Federico Martinón. O médico pon como exemplo desta teoría o uso das vacinas, pois producen un impacto que vai máis alá dos efectos dunha infección inmediata: “A vacina fronte ao virus do papiloma humano prevén infeccións na adolescencia ou mocidade e reduce o risco de cancros anos despois”.
O equipo constatou que as variantes identificadas amosan pegadas de selección positiva. Antonio Salas conta que, a falta de estudos funcionais que permitan establecer relacións directas, as inferencias derivadas da observación desta selección son a súa principal vía de formular posibles conexións: “A evolución favoreceu estes xenes [que tiveron unha selección positiva] aínda que teñen un impacto negativo na infancia porque posúen efectos beneficiosos na idade adulta”. En concreto, o seu valor positivo no caso de estudo é a protección fronte a determinados cancros. Martinón concreta a área de impacto que acharon: “O sinal está focalizado no eixo gastrointestinal, con especial interese en estómago, páncreas e colon“.
As posibles vías de interacción entre o rotavirus e o cancro gastrointestinal
Os dous catedráticos inciden en que o traballo non demostra ningún mecanismo causal directo entre o contaxio por rotavirus na infancia e a protección ante tumores estomacais na idade adulta. Porén, si apunta varias vías plausibles de influencia: “As variantes identificadas afectan xenes relacionados coa barreira epitelial intestinal, as unións estreitas entre células, o ciclo celular, a resposta inmune, o metabolismo celular e a regulación epixenética“, indica Federico Martinón.
Estas observacións e inferencias permiten elaborar a hipótese de que unha infección temperá por rotavirus, ou ter certa susceptibilidade xenética a contraelo, podería ter un impacto na resposta inmune do sistema gastrointestinal. “Eses cambios poderían influír na vixilancia inmunitaria fronte a células transformadas ou na progresión tumoral décadas despois. É dicir, non falamos dun efecto inmediato, senón dunha posible pegada biolóxica temperá con consecuencias a longo prazo“, explica o xefe de pediatría do CHUS.

O futuro da investigación
Antonio Salas recoñece que levar a cabo un estudo nas condicións ideais —seguindo a evolución de pacientes dende antes dos cinco anos ata a idade adulta— é unha tarefa moi complicada e, polo tanto, aínda lonxe de levarse a cabo. Martinón precisa que todavía se require validar os resultados deste estudo antes de dar pasos en maior escala. Así e todo, o investigador non perde de vista as posibilidades que abre a hipótese: “Estes xenes e vías poderían axudar a identificar novas dianas biolóxicas relacionadas coa inmunovixilancia tumoral, a barreira epitelial ou a progresión do cancro gastrointestinal. Ademais, poderían contribuír no futuro a estratexias de prevención máis personalizadas“, conclúe.














