Xoves 25 Abril 2024

14 anos dun éxito: “Debemos incorporar a vacina gratuita do rotavirus ao calendario”

Unha revisión internacional con participación do galego Federico Martinón revela os beneficios, tamén económicos, da vacinación universal

O rotavirus é un dos patóxenos máis comúns que causan alteracións estomacais en menores de cinco anos. Agora, unha revisión sistemática vén de analizar o impacto clínico e económico que supuxo a introdución das vacinas contra esta infección en toda Europa en 2006. O estudo, no que participaron investigadores de varios países, entre eles o pediatra galego Federico Martinón, inclúe 46 investigacións levadas a cabo ata finais de 2020.

“É unha revisión importante, porque analizamos o impacto no mundo real, fóra de ensaios clínicos e con datos obtidos da aplicación a través de programas de vacinación en termos de hospitalizacións e de afectación no sistema sanitario. Existen dúas vacinas fronte ao rotavirus, ambas baseadas en virus vivos atenuados e administradas vía oral, e queríamos ver que experiencia acumulamos no mundo real tras utilizalas no noso contexto”, explica Martinón.

Publicidade

Impacto sanitario

O rotavirus é un virus altamente infeccioso e supón a principal causa de gastroenterite grave en bebés e lactantes, con síntomas que inclúen febre, vómitos e diarrea. Transmítese de persoa a persoa por vía fecal-oral ou a través de obxectos, superficies ou alimentos contaminados. Ademais, tal e como manifestan os autores da revisión, antes da vacinación a maior parte dos nenos estaban expostos ao rotavirus antes dos cinco anos, causando arredor de 450.000 mortes anuais en todo o mundo.

“Hai que diferenciar o impacto en países en vías de desenvolvemento e o que se dá en países desenvolvidos. Cada 50 segundos morre un menor de cinco anos como consecuencia dunha infección por rotavirus, pero a maioría destes falecementos ocorren nos países en vías de desenvolvemento, onde esa diarrea leva a unha deshidratación á que non poden facer fronte por falta de recursos ou medios para resolvela”, explica o pediatra galego.

Os programas de vacinación reducen os custos sanitarios, pero tamén os derivados do absentismo laboral

Se ben na nos contorna non leva á morte, tal e como sinala Martinón, “é unha infección practicamente universal”, polo que a taxa de infección é moi similar, se non idéntica, con todo o que isto implica: “Falamos de arredor de 75.000 hospitalizacións ao ano como consecuencia de rotavirus en Europa. Por isto, todos os estudos que hai e os organismos expertos hai anos que recomendan a vacinación universal como parte dos plans dos países europeos”.

Ademais das consecuencias directas da gastroenterite, a revisión tamén ten en conta algúns estudos que analizan os custos económicos, concluíndo que a introdución da vacina amortiza con creces os gastos que orixinan as hospitalizacións e as consultas de repetición. Ademais, algunhas investigacións tamén tiñan en conta aspectos como o absentismo laboral dos pais cando os nenos estaban enfermos e os custos para os coidadores, aínda que son variables que requiren dunha maior investigación.

Diferenzas nos programas

Os países actúan de forma diferente á hora de levalo a cabo, tendo en conta as recomendacións oficiais de incluír a vacinación contra o rotavirus nos calendarios sistemáticos, polos efectos que esta tería na saúde global en termos de hospitalización e de sufrimento humano, á hora de levalo a cabo o.

“A implementación destas vacinas no calendario ao non ser unha enfermidade tan letal no noso medio non tivo a mesma acollida que outras vacinas e fixo que vaiamos relativamente mal. En Europa hai 13 países que a teñen incluída no seu calendario gratuíto, mentres que España é un dos poucos países que aínda non deu ese paso adiante: só está indicada no grupo de prematuros”, manifesta Martinón.

En España, a vacinación non está incluída no calendario gratuíto, obrigando aos pais a facer un esforzo económico

Así, o pediatra expresa que se ben non é unha indicación equivocada, posto que a prematuridade pode implicar maiores riscos e complicacións, tampouco é unha medida de prevención da enfermidade. Con todo, a revisión na que participou conclúe que a vacinación implicou unha redución das gastroenterites por rotavirus do 100% no país, a mesma taxa que se dá en Finlandia e Bélxica, pero a explicación é doada: “A maioría dos pais vacinan aos seus fillos seguindo as recomendacións dos pediatras. Iso fai que haxa un impacto moi significativo, grazas ao esforzo que fan”.

Os beneficios dos programas de vacinación analizados nesta revisión encaixan cos resultados dunha revisión levada a cabo no 2019 e na que tamén participou Martinón, pero que estaba limitada unicamente ao contexto español. A través de 43 estudos, a investigación concluíra que a vacina mostraba entre o 83% e o 96% de efectividade e unha redución de ingresos hospitalarios de ata o 70%, dependendo das coberturas vacinais acadadas, dende 2006 ata 2018.

“Incluír as vacinas nos calendarios europeos reduce os custos para os países menos desenvolvidos”

FEDERICO MARTINÓN, pediatra

A revisión realizada tras 14 anos de aplicación da vacina en Europa conclúe que aumentar a taxa de poboación inmunizada e introducir os programas noutros países pode reducir a carga de gastroenterite en toda Europa. Neste sentido, Martinón afirma que “cando estas vacinas son utilizadas en coberturas altas e mantidas no tempo, redúcense tamén os casos en suxeitos non vacinados. Hai que ter en conta que aínda que o pico máis elevado é nos menores de dous anos, tamén pode afectar na vida adulta e en idades avanzadas”.

Con estes resultados na man, para o pediatra é claro que “sen dúbida deberíamos facer a vacina accesible a todos os estamentos da poboación, independentemente das súas capacidades económicas. Esperemos que pronto se incorpore o rotavirus aos calendarios e que as vacinas sexan gratuítas”.

Por outra banda, tendo en conta que son os países en vías de desenvolvemento os que sofren as consecuencias máis graves desta patoloxía, a implementación da vacina en países europeos tamén pode ter outro efecto beneficioso: “Actualmente hai distintos programas de axuda que tratan de financiala ou de conseguila a prezos máis reducidos, pero é evidente que para que isto sexa posible as propias empresas precisan ter ingresos por outras vías, que son os países con máis recursos. Que estes países prioricen as vacinas contra rotavirus permite abaratar os custos en beneficio daqueles que teñen menos recursos”.


Referencias: Real-world impact of rotavirus vaccination in European healthcare settings: a systematic literature review (Publicado en Expert Review of Vaccines)

What have we learnt about rotavirus in Spain in the last 10 years? (Publicado en Anales de Pediatría)

Máis vacinas, menos convulsións

O pediatra galego Federico Martinón acumula anos de investigación arredor do rotavirus. Así, explica que unha das contribucións máis importantes feitas no seu eido é a relación entre este virus e as convulsións: “A vacinación parece diminuír a incidencia de hospitalización por convulsións, sexan cales sexan as causas destas”. Por este motivo, a hipótese principal é que non se trata unicamente dunha patoloxía gastrointestinal, senón que é unha infección sistémica.

Unha investigación levada a cabo en Galicia en 2019 e na que participou o propio Martinón revela que as taxas de hospitalización por convulsión infantil foron diminuíndo de forma constante, dende un 22,3% menos en 2008 ata un 50,9% en 2014 en comparación coas taxas correspondentes aos anos anteriores á vacinación, contrastando tamén a cobertura vacinal entre pacientes ingresados menores de cinco anos contra a poboación xeral do mesmo rango de idade.

Así, concluían que os resultados do estudo respaldaban firmemente o descubrimento dunha relación entre rotavirus e convulsións, predicindo que a vacinación reduciría estas últimas tras nove meses. Con todo, aínda que os resultados son similares noutros estudos publicados, o mecanismo preciso non está claro, polo que os investigadores requirían unha maior exploración para dilucidar a cuestión.

Polo mesmo motivo, Martinón afirma que “ao evitar a enfermidade mediante a vacinación, evitamos todas as súas consecuencias, incluídas as convulsións”, chamando a incluír a loita contra o rotavirus no calendario gratuíto.


Referencia: Impact of rotavirus vaccination on childhood hospitalizations for seizures: Heterologous or unforeseen direct vaccine effects? (Publicado en Vaccine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid

Un estudo galego revela que as persoas con demencia teñen máis sensibilidade á música

O proxecto Sensoxenona evidencia que a música “afina” a expresión dos xenes alterados en pacientes con enfermidades neurodexenerativas

A primeira vacina contra o virus sincitial en adultos chegará a finais de 2023

Un novo estudo, no que participa o investigador galego Federico Martinón, supera a fase de eficacia clínica

“Será revolucionaria”: as chaves da nova vacina sincitial en adultos

O antiviral específico, no que colabora o pediatra galego Federico Martinón, ofrece resultados prometedores nunha doenza que provoca 360.000 hospitalizacións e 24.000 mortes ao ano en España