O Día do Naturalismo Galego celebrarase o 9 de marzo

É a data de nacemento do Padre Martín Sarmiento, considerado un dos primeiros naturalistas do país cunha obra con grandes achegas

Esta mañá tivo lugar a presentación do Día do Naturalismo Galego que xorde para homenaxear á figura do Padre Martín Sarmiento, un frade bieito do século XVIII que naceu un 9 de marzo de 1695 e que está considerado un dos pais da filoloxía galega, sendo determinante tamén nas investigacións históricas, xurídicas e naturalistas. A iniciativa partiu do mestre Rafael López Loureiro, que pretende reivindicar esta rama da ciencia e recoñecer a súa figura como un dos primeiros naturalistas do país, considerando a súa obra un territorio por explorar e de “amplos espazos de averiguación e investigación”, como por exemplo, de plantas.

A proposta conta co apoio da Real Academia Galega de Ciencias e o Consello da Cultura Galega e presentouse nun acto celebrado este mércores onde se explicou que a proposta pretende por “atención na importancia da natureza”. Tamén asistiu a Sociedade Galega de Historia Natural, o Grupo Naturalista: Hábitat e as asociacións ecoloxistas Adega e Verdegaia. Dende esta última apuntan que “As actividades que promovemos e realizamos fundaméntase no coñecemento acumulado ao longo do tempo por persoas que, como Sarmiento, implicáronse no estudo dos procesos naturais demostrando que entendelos é a chave para conseguir o tan ansiado equilibrio entre humanidade e natureza”.

Publicidade

O comunicado das entidades que apoian esta conmemoración sinalan que ademais de homenaxe, é un día de reivindicación porque “o estudo da natureza de Galicia precisa de maior recoñecemento social e político para garantir a súa inclusión nos currículos escolares e universitarios e nas políticas comúns”. Engaden tamén que o 9 de marzo serve para iniciar un proceso de coñecemento que “alente novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado”.

Un 9 de marzo de 1695 Pedro José García Balboa, o Pai Martín Sarmiento, naceu no Bierzo. Tiña pais galegos e pasou os seus primeiros anos de vida en Pontevedra. Os seus estudos de filosofía e teoloxía levaríaos a cabo en Madrid, mais viaxaba a Galicia para recoller información para os seus traballos facendo así da lingua e a cultura do país un dos seus maiores intereses. Rafael López conta que Sarmiento recopilou valiosas informacións por aquel entón e que deixou un dos maiores legados sobre o patrimonio natural de Galicia, considerando á historia natural como o fundamento de todas as ciencias humanas.

Publicidade

Grande defensor da lingua

Padre Martín Sarmiento.

Ademais, Sarmiento defendeu a lingua galega e segunda explica a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda é obra súa a primeira noticia documentada da literatura galega medieval e as primeiras pesquisas sobre o nacemento do galego. Foi unha das primeiras voces en reivindicar a normalización da nosa lingua e así o escribiu:

“(…) A resposta está patente: que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, senón os non galegos, que nos comezos do século XVI inundaron o reino de Galicia, non para cultivar as súas terras, senón para se facer carne e sangue dos mellores, e para cargar cos máis beneficiosos empregos, así eclesiásticos como civís, foron os que por non saber a lingua galega, nin por cargar palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro. Esta monstruosidade é máis visible nos empregos eclesiásticos.

1 comentario

  1. Boas horas: Son Rafael López Loureiro. Quero expresarlles o meu agradecemento pola información relativa ao Día do Naturalismo Galego. Agradecería iso si, que poidesen rectificar a confusión entre os conceptos NATURISMO (práctica natural de andar e vivir espidos) e NATURALISMO (estudo e divulgación da natureza). Confusión que si sendo verdade que é frecuente entre un público desinformado, debe ser rectificada nun medio como Galicia Ciencia. Comprenderán que figurar servidor como vindicador de ser Sarmiento “un dos primeiros naturistas do país” e a redacción do artigo incidir dende o encabezamento en que o “Padre Sarmiento considerado un dos primeiros naturistas do país”, máis que molestará miña persoa, que dende logo só sorrí, pode provocar no público lector unha falsa visión do insigne Padre Sarmiento e do seu medio, Galicia Ciencia unha imaxe dde falta de rigor e coidado no uso léxico. E estando seguro que ningunha desas consecuencias é desexada por este medio, do que son lector habitual, é polo que, os estimulo a que corrixan esa confusión que sendo chusca non ten ao meu entender moita gracia. Saúdos cordiais. Á sua disposición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

Inmaculada Rodríguez, directora de Unirisco: “Investir en ciencia é responsabilidade de todos”

A cuarta edición do evento organizado pola empresa de capital de risco celebrarase en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de febreiro

A esquecida historia da torre de Torés, derrubada polo temporal tras anos de advertencias

A fortaleza medieval dos Ancares, declarada Ben de Interese Cultural, levantouse no século XVI e é propiedade da Casa de Medinaceli