En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Latas, bolsas, botellas… Tan só son algúns elementos plásticos que podemos atopar flotando na Ría de Arousa e nas súas augas circundantes. De feito, fronte á ría de Muros e Noia hai dous puntos no océano con ata un 80% de probabilidades de ter plástico flotante. Así o indica a última actualización dun mapa elaborado polo Instituto de Investigación Bottlenose Dolphin, con sede no Grove, onde se ve claramente que a meirande parte de auga que rodea as Rías Baixas ten menos dun 40% de probabilidades de presentar plásticos flotantes. O director do centro, o biólogo Bruno Díaz, explica que comezaron con este proxecto en 2016 e que xa levan sete anos recollendo mostras. O seu obxectivo é obter unha longa serie de datos para coñecer a evolución temporal dos plásticos flotantes, saber en que zonas se concentran con máis frecuencia e como se desprazan.

“A nivel nacional hai poucos traballos de recollida de datos de plásticos flotantes e dubido moito que en Galicia haxa investigacións específicas”, apunta o director do BDRI. O biólogo cre que esta carencia de información se debe ao difícil que é saír ao mar diariamente. Por iso, o equipo do Grove aproveita as súas mostraxes sobre a biodiversidade mariña, nomeadamente sobre cetáceos, para rexistrar datos sobre os plásticos flotantes. “Posiblemente se estea a experimentar un incremento deste lixo mariño pero aínda non hai datos concluíntes”, engade Díaz. De momento, a serie que eles teñen dispoñible abrangue dende 2016, cando comezaron o proxecto, ata 2022.

Publicidade

O motivo polo que o plástico flotante se concentra máis nunhas zonas ca noutras pode deberse, entre outros aspectos, aos cambios estacionais. O mapa que presenta o BDRI é xeral pero os picos de concentración de plásticos flotantes varían dunha época a outra. Ademais, a súa proximidade a fontes de lixo, como poden ser os portos, é un dos elementos máis determinantes. “Cando hai mercado e se celebra no porto hai multitude de plásticos que acaban no mar. O lixo flotante desprázase seguindo as correntes mariñas e tende a permanecer nunhas zonas máis ca noutras, por iso no mapa indicamos onde hai máis probabilidade de atopar plásticos na superficie”, sostén o biólogo do BDRI.

Diferentes utilidades

Segundo Díaz, esta é unha ferramenta de utilidade pública que pode servir para realizar todo tipo de actividades de xestión. Se o mapa identifica unha zona cunha alta probabilidade de acumular plástico flotante, talvez isto facilite a toma de decisións ao respecto. De igual modo, o director do BDRI asegura que pode ser unha ferramenta útil para os pescadores que xa aseguran que case capturan máis plástico ca peixe. “Este lixo flotante chega da terra. Unha porcentaxe moi baixa procede das actividades humanas no medio mariño. Por exemplo, as redes de pesca como non flotan van ao fondo”, apunta Díaz. O biólogo incide en que o lixo que se move coas correntes é “altamente perigoso” tanto para aves como para mamíferos mariños.

Publicidade

Dende o BDRI confirman que continuarán levando a cabo este proxecto para, nun futuro, ter series de datos máis consolidadas. Esta actividade enmárcase na iniciativa CoPlaMar 2023, patrocinada por Termavi Grupo Dávila co obxectivo de controlar os plásticos e os residuos no medio mariño. “Trataremos de manter este proxecto anualmente porque para nós recoller as mostraxes tan só é un pequeno esforzo. E consideramos que os resultados que obtemos deste traballo son de gran importancia”, conclúe Díaz. Os seus ollos están postos no futuro, ás espera que con series de datos de entre 10 e 15 anos xa se poida coñecer en detalle como evoluciona a distribución dos plásticos nas augas galegas.

3 COMENTÁRIOS

  1. Botes , botellas e latas tan só son algúns elementos plásticos ….

    Fíxense na redacción que moi científica non parece …. Ai , ai , ai …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectada por primera vez na costa galega unha macroalga invasora tropical

Un equipo do IEO de Vigo acha un exemplar de 'Asparagopsis taxiformis' nas Rías Baixas, a cita máis setentrional rexistrada ata a data en augas europeas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos