Morre Gustav Henningsen, o antropólogo danés que retratou Galicia nos anos 60

Un dos seus traballos máis coñecidos foi a documentación gráfica e sonora dos exorcismos no santuario do Corpiño, en Lalín

O antropólogo danés Gustav Henningsen (1934-2023) faleceu a madrugada do mércores 18 de outubro na cidade de Lyngby, en Dinamarca. É considerado o maior experto mundial da Inquisición e dos fenómenos relacionados coa bruxería. A vida do recoñecido historiador sempre estivo moi vinculada a Galicia. Xunto coa súa dona, Marisa Rey, e os seus fillos, cambiou Dinamarca polo concello de Ordes, na parroquia de Ardemil, entre os anos 1965 e 1968. O seu obxectivo era estudar o folclore galego para facer a súa tese de doutoramento. Chegou a Galicia a mediados dos sesenta grazas a unha bolsa da Universidade de Copenhague que lle permitiu estudar as crenzas e tradición orais relativas á bruxería. Percorreu Galicia, fotografando e rexistrando na súa gravadora as lendas galegas. Un dos seus traballos máis recoñecidos foi o estudo dos exorcismos no santuario do Corpiño, en Lalín.

Marisa Rey contaba a GCiencia en maio deste ano que Henningsen levaba anos enfermo. Ela relataba as súas experiencias no Corpiño e como Henningsen levou a cabo un labor incansable e encomiable de rexistro e documentación antropolóxica. Aínda que finalmente realizou a súa tese de doutoramento sobre os documentos do inquisidor Salazar Frías, os tres anos que viviu en Galicia permitíronlle deixar un legado documental de incalculable valor. De feito, Henningsen e Rey doaron máis de 2.000 fotografías, hoxe depositadas no Museo do Pobo Galego baixo o nome de Fondo Fotográfico Gustav e Marisa Rey-Henningsen. O matrimonio tamén cedeu boa parte do material sonoro gravado en Galicia ao Instituto da Lingua Galega, dende onde se transcribiron máis de 150 horas de gravacións.

Publicidade

Tanto dende o Museo do Pobo Galego como dende o ILG transmitiron as súas condolencias á familia do recoñecido antropólogo. “As doazóns desinteresadas que tanto Gustav como a súa esposa, Marisa Rey, acordaron coas diferentes institucións son fiel reflexo da xenerosidade e do enorme interese do matrimonio pola Antropoloxía, a súa investigación e súa difusión”, indica unha nota difundida polo Museo do Polo Galego con motivo do falecemento de Henningsen. Ambas entidades poñen en valor o interese do antropólogo danés por estudar e rexistrar as tradicións galegas, converténdose xa nun testemuño de incalculable valor da Galicia de mediados de século.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así eran os exorcismos en Galicia: os arrepiantes audios dos ‘posuídos polo demo’

O antropólogo danés Gustav Henningsen rexistrou durante tres anos como se exorcizaba na década dos 60 no santuario do Corpiño

A USC colabora na mostra 'Galicia Máxica 1965-68' con fotos etnográficas de Gustav Henningsen

O etnógrafo dinamarqués Gustav Henningsen percorreu na década dos 60 do...