Mércores 21 Febreiro 2024

Un estudo revela novos avances na abordaxe de enfermidades relacionadas co alzhéimer

A investigación demostra que as persoas que presentan tauopatía primaria relacionada coa idade non sempre desenvolven a doenza, como ata o de agora sostiña a ciencia

Dende hai tempo, a comunidade científica sabe que cando se atopa ante un paciente cunha acumulación anormal de proteína tau no cerebro, conxuntamente coa presenza de placas de amiloide, están ante un diagnóstico de enfermidade de alzhéimer. Con todo, algunhas persoas maiores sofren acumulación anormal desta proteína tau en ausencia de placas de amiloide, unha condición chamada tauopatía primaria relacionada coa idade (PART). Ata o de agora, enfrontábanse a varias preguntas respecto a esta condición: acabarán estes pacientes desenvolvendo a enfermidade de alzhéimer? Ou trátase dunha patoloxía diferente? Agora, unha investigación internacional coordinada por Pablo Aguiar desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), conseguiu responder a esta pregunta e abrir novas vías terapéuticas para esta enfermidade neurodexenerativa altamente prevalecente na poboación envellecida.

Esta é unha investigación na que tamén participan Michael Schöll, da Universidade de Gotemburgo (Suecia) e Michel Grothe, do Instituto de Biomedicina de Sevilla. Na revista JAMA Neurology, os científicos fixeron uso da tomografía por emisión de positróns (PET) cun trazador sensible ao tau patolóxico para confirmar que unha cantidade significativa de persoas con deterioración cognitiva padecen PART. O equipo demostrou que estes pacientes continuaron acumulando tau patolóxico ao longo do tempo, pero a un ritmo moito máis lento que as persoas con alzhéimer e nunha zona restrinxida do cerebro.

Publicidade

Camiños diverxentes

Os investigadores conclúen que, aínda que esta acumulación de tau en individuos con PART non se pode considerar estritamente como un proceso benigno, a evolución dos pacientes é completamente diferente aos pacientes con alzhéimer. En base a estes resultados, PART e a enfermidade de alzhéimer representan probablemente dúas entidades patolóxicas diferentes, cada unha das cales requirirá dun tratamento específico. Neste sentido, o PET de tau, orixinalmente ideado para detectar tau na enfermidade de alzhéimer, pode ter unha nova utilidade diagnóstica detectando pacientes con PART, para os cales non existe, na actualidade, ningún biomarcador diagnóstico

Metodoloxía

Para demostralo, os coautores principais do traballo, Alejandro Costoya-Sánchez da USC e Alexis Moscoso da Universidade de Gotemburgo, analizaron imaxes PET de amiloide e tau, imaxes de resonancia magnética nuclear, biomarcadores de líquido cefalorraquídeo, e resultados de probas neuropsicolóxicas de 965 persoas, que proviñan de tres estudos internacionais: a Alzheimer’s Disease Neuroimaging Initiative (ADNI), o Harvard Aging Brain Study (HABS) e o estudo AVID-A05. A metade eran mulleres, a súa idade media era de 74 anos e o 93% eran caucásicos.

De todos os participantes, 264 pacientes tiveron PET de tau positivo e PET de amiloide negativo e, por tanto, foron clasificados como individuos PART. Doutra banda, 451 pacientes tiveron PET de tau positivo e PET de amiloide positivo e foron clasificados como pacientes con alzhéimer. O resto dos individuos mostraron biomarcadores negativos e estaban clinicamente sans a nivel cognitivo, polo que foron clasificados como controis.

Os resultados da comparación entre estes grupos mostraron que, ao comezo do estudo, as persoas con alzhéimer presentaban acumulación de tau xeneralizada nos lóbulos temporal, parietal e frontal, mentres que nos pacientes con PART esta acumulación limitábase principalmente ao lóbulo temporal medial. Durante os tres anos de seguimento, os participantes con PART acumularon pouco tau e restrinxido aos lóbulos temporais. En cambio, as persoas con alzhéimer acumularon case tres veces máis tau anualmente en toda a cortiza cerebral.

A atrofia e a deterioración cognitiva nestes individuos reflectiron o efecto desta acumulación de tau. Nos pacientes con PART, a atrofia limitábase ao lóbulo temporal medial e o resto da cortiza permanecía intacta, a diferenza dos pacientes con alzhéimer, que mostraron atrofia noutras rexións corticais máis aló do lóbulo temporal. Ademais, o deterioro cognitivo que presentaron os individuos con PART foi moi leve, case tres veces inferior ao que presentaron os pacientes con alzhéimer. Os investigadores puideron concluír que os pacientes con PART mostran taxas de progresión significativamente máis lentas en comparación coas dos pacientes con alzhéimer.

Repercusión internacional

Dende a súa publicación, o traballo tivo unha repercusión importante entre a comunidade científica global, con editoriais, comentarios e aproximacións de distinta índole de especialistas de entidades de diferentes puntos, como a Universidade de California, Berkeley, a Facultade de Medicina da Universidade de Stanford ou a propia Universidade de Gotemburgo sobre o alcance deste traballo.

En conclusión, os resultados desta investigación pioneira suxiren que PART parece ser unha entidade patolóxica distinta á enfermidade de alzhéimer que, a pesar de compartir algunhas características similares, ten unhas consecuencias clínicas e patolóxicas distintas, polo que probablemente requira dun enfoque terapéutico diferente. Neste sentido, o PET de tau pode ser unha ferramenta útil para detectar pacientes con PART e estudar o efecto de novas terapias enfocadas a esta patoloxía tan prevalecente na poboación envellecida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

A USC incorpora a Yolanda Prezado, referente en protonterapia

O equipo de investigación que lideraba en París desenvolveu unha técnica pioneira de radioterapia menos invasiva e máis eficaz
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento