Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

Se vives na Avenida de Castelao, que cruza de cheo o barrio vigués de Coia, tes acceso a todos os servizos —dende hospitais e centros educativos ata cines— a menos de 15 minutos camiñando. Porén, se vives en Saiáns o nivel de accesibilidade é menor e algúns servizos de lecer, como librarías e teatros, están a case unha hora a pé. Isto é fácil de comprobar a través de City Access Map, unha aplicación de código aberto para consultar ata que punto o lugar no que vives ten servizos accesibles a tan só un cuarto de hora camiñando. As únicas cidades galegas que aparecen no mapa son Vigo e A Coruña, así como unha parte das súas áreas metropolitanas. En termos xerais, ámbalas dúas son máis accesibles que a media de cidades españolas (80%): o 89% da poboación viguesa ten acceso a servizos a menos de 15 minutos a pé; mentres que a porcentaxe da Coruña é lixeiramente superior, situándose nun 92%.

A aplicación City Access Map é doada de usar e se vives nalgunha das dúas cidades máis poboadas de Galicia —e, no seu defecto, nunha das súas áreas metropolitanas— podes consultar como de accesible é a rúa ou o barrio no que vives. Se escribes o nome da cidade no buscador situado na esquina superior dereita, o mapa rediríxete automaticamente a ese espazo urbano. Entón desprégase un mapa de cores: canta máis clara sexa a zona na que vives, mellor accesibilidade; canto máis escura, peor acceso a servizos. Así, vese claramente como nos espazos máis céntricos, a meirande parte das prestacións están a tan só un minuto camiñando. Conforme te afastas máis do corazón da cidade e te achegas ás zonas periféricas, podes comprobar que algúns servizos —especialmente os de lecer— están a unha hora a pé.

Publicidade

De todos modos, a aplicación permite un maior nivel de concreción. Cando clicas nun punto concreto do mapa, desprégase un comando á man esquerda sobre a información xeral de accesibilidade da cidade e a súa situación respecto a outras zonas urbanas de España. Por exemplo, A Coruña está por debaixo de Salamanca, Burgos, Madrid e Barcelona pero está por diante da media estatal (un 80%). Amais disto, o comando permite que filtres os minutos para buscar automaticamente que zonas son accesibles en función do tempo que ti mesmo estipules. Así mesmo, podes seleccionar os servizos que che interesan, que están resumidos en sete categorías: transporte público; parques, estadios e ximnasios; bibliotecas e centros comunitarios; restaurantes e supermercados; cines, discotecas e teatros; farmacias e hospitais; e centros educativos.

Recompilación de datos

Os datos nos que se apoia a aplicación extráense de Open Street Map e do Globan Human Settlement Layer (GHSL) da Unión Europea. Da primeira base recompílase información sobre estruturas peonís e lugares de interese que se asignan xeograficamente e en función das categorías de servizos establecidas. A segunda base de datos serve para determinar a densidade de poboación de cada núcleo, tendo só en conta aqueles que superan os 100.000 habitantes. Con todo, os ideadores deste proxecto encabezado polo deseñador Leonardo Nicoletti en colaboración Mikhail Sirenko e Trivik Verma recoñecen que a principal limitación dos seus datos é que os extraídos de Open Street Map están xerados polos usuarios. “En consecuencia, os resultados de accesibilidade que presentamos poden ser máis ou menos precisos dependendo da cidade”, admiten na carta de presentación da aplicación.

Publicidade

Con todo, os deseñadores de City Access Map cren que os datos da aplicación si son o suficientemente representativos para entender como se distribúe a accesibilidade dun punto concreto do mapa e en función da poboación. Os datos, actualizados por última vez en xullo de de 2022, están distribuídos non só por cidades, senón en función da categoría “Áreas Urbanas Funcionais” que definiron a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) e a Unión Europea. Así, no mapa de Galicia só poderás atopar Vigo e A Coruña cunha parte das súas respectivas áreas metropolitanas; ou ben as zonas que teñen en común unha serie de fluxos de desprazamento e de densidade de poboación, sendo criterios “menos arbitrarios”, tal e como defenden dende a aplicación, que os límites municipais.


Podes acceder á aplicación City Access Map nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da Torre de Hércules ao Castro de Elviña: percorre o patrimonio da Coruña a través da eclipse

O concello sinala 46 puntos privilexiados dende os que se poderá vivir a fase de totalidade do fenómeno astronómico do ano

O mosquito tigre expándese por Galicia: detectado por primeira vez na Coruña

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores sinala que é o único rexistro na zona norte da comunidade e súmase aos doce concellos do sur

O mapa dos novos Soletes da Coruña: 17 locais imprescindibles recomendados por famosos

Javier Gutiérrez, Sara Escudero, Tamar Novas e o grupo musical Sanguijuelas del Guadiana recomendan establecementos en Ferrol, Santiago de Compostela e A Coruña

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo