Sabías que Munia Froilaz, fundadora do mosteiro de San Salvador de Pedroso, naceu en Laxe no ano 1080? E que o poeta Manuel Leiras Pulpeiro exerceu primeiro a medicina? Estes dous galegos ilustres forman parte dos máis de 50.000 personaxes recompilados nun mapa interactivo elaborado pola Real Academia da Historia. A institución puxo en marcha esta ferramenta en liña para reunir a maior cantidade de información posible sobre a historia hispánica. Calquera usuario pode moverse facilmente polo mapa, onde atopará preto de 150.000 referencias xeográficas sobre a morte e o nacemento de personaxes, así como de acontecementos históricos.
O funcionamento do mapa, denominado Historia Hispánica, é ben doado. A interface funciona con xeolocalización, polo que o usuario pode moverse no mapa facendo zoom e clicando nos marcadores xeográficos espallados por todo o mundo. Algúns aparecerán illados e outros agrupados, en función da maior ou da menor densidade de datos históricos. Unha vez que o usuario pincha sobre o marcador, desprégase unha pestana con tres elementos: nacementos, mortes e acontecementos. Amais disto, cada un dos nomes e dos feitos históricos que aparecen no mapa están enlazados a unha páxina externa, onde se pode consultar a biografía e o itinerario de vida de cada personaxe, ou ben a descrición do fito.
Por exemplo, o marcador correspondente a Traba (Laxe) está asociado ao nome de Munia Froilaz, que naceu neste lugar da Costa da Morte a finais do século XI. Coñecida por ser a fundadora do mosteiro de San Salvador de Pedroso, casou antes de encomendarse á vida relixiosa, segundo explica a biografía recollida en Historia Hispánica. Pero a información que podemos extraer de Munia Froilaz vai máis alá da mera descrición da súa vida; tamén se fai referencia á súa relación con outros personaxes, como o conde Fernando Pérez de Traba ou a condesa Froila Bermúdez. No páxina relativa a Munia Froilaz tamén se poden consultar persoas con vidas semellantes, feitos e lugares relacionados con esta relixiosa galega. Amais disto, todas as biografías, segundo din dende a Real Academia da Historia, están escritas por expertos. No caso de Munia Froilaz foi o historiador coruñés José Luis López Sangil quen escribiu a súa entrada.

O mapa da Real Academia da Historia é versátil á hora de ofrecer opcións para buscar os seus contidos. De feito, se o usuario non quere explorar libremente polo mapa, pode escribir directamente o nome do personaxe histórico ou do acontecemento que lle interese no buscador. Tamén hai un faldón inferior que permite facer procuras específicas por personaxe, tempo, lugar e acontecemento histórico. E, incluso, hai unha liña do tempo que posibilita fixar un ano concreto. Todas son opcións dentro dun mapa no que participan máis de 500 institucións científicas nacionais e internacionais e no que colaboraron preto de 5.000 historiadores e investigadores, tanto españois como de fóra das nosas fronteiras.















En Taboada (Lugo) faltan moitos, así como en Chantada e en Monterroso