Un equipo de Vigo establecerá as zonas de especial protección dos cabaliños de mar

O Instituto de Investigacións Mariñas avaliará durante dous anos o estado das poboacións salvaxes destes animais mariños no litoral español

Un equipo do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) avaliará durante dous anos a situación das poboacións salvaxes de cabaliños de mar no litoral español. Dende o proxecto Hippo-DEC, os investigadores Miquel Planas e Jorge Urcera determinarán o grao de conservación das poboacións e propoñerán zonas preferentes de especial protección, creando mapas de distribución e guías de boas prácticas. “Os cabaliños de mar (Hippocampus hippocampus) son especies vulnerables incluídas en 2011 na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A pesar de dita situación de protección, a información dispoñible sobre o estado das poboacións salvaxes é moi deficiente”, di Planas.

Miquel Planas, investigador do despartamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do IIM-CSIC, con sede en Vigo, desenvolve dende 2006 unha liña de investigación sobre cabaliños de mar. Entre os resultados acadados nos últimos 18 anos salienta o desenvolvemento dunha técnica de cría en catividade e a realización de diversos estudos ecolóxicos. “A conservación dos cabaliños de mar esixe a necesidade de recompilar, analizar a avaliar a información existente, así como de ampliar os coñecementos na medida do posible”, apunta Planas, marcando a liña a seguir no proxecto Hippo-DEC, que lle dará continuidade ás anteriores investigacións do equipo.

Publicidade

“Queremos actualizar a avaliación das poboacións e propoñer zonas preferentes de protección a considerar en futuros estudos ou plans de conservación. Co proxecto Hippo-DEC obterase información nova, ampliando o coñecemento das características xenéticas poboacionais e facilitando ferramentas de rastrexabilidade”, avanza Planas.

“Dada a altísima fragmentación que presenta a distribución destas especies ao longo do noso litoral e a súa baixa abundancia, con presenza selectiva en determinadas comunidades vexetais, a avaliación do estado poboacional só é posible coa participación de entidades e sectores da pesca capaces de achegar información de presenza, así como coa obtención de mostras que permitan análises posteriores de interese”, engade Planas, quen destaca que “tamén serán de gran valor os avistamentos proporcionados por voluntarios a través de portais de ciencia cidadá como Observadores do Mar, no que o noso grupo é responsable do Proxecto Familia Signátidos”.

Publicidade

O proxecto está financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico cunha axuda de 100.000 euros, a través dunha transferencia ao CSIC para traballos de asesoramento sobre conservación de fauna mariña. Hippo-DEC tamén conta coa colaboración de Observadores do Mar, Fundación Aula do Mar do Mediterráneo, ONG Oceánidas, Fundación Oceanográfic de Valencia, ONG Ambiens, Palma Aquarium, Acuario Xixón e Parque Nacional marítimo-terrestre dás Illas Atlánticas de Galicia.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri