Estas son as lendas máis próximas á túa casa: un mapa recompila 40 mitos galegos

Investigadores da Universidade Complutense de Madrid crean unha plataforma virtual para consultar as fábulas do século XIX

A Santa Compaña, igrexas máxicas como Santo André de Teixido e bandoleiras mitolóxicas como Pepa A Loba. Todas e cada unha destas lendas conforman o imaxinario popular de Galicia, onde tamén hai cabida para seres extraordinarios como os trasnos e os mouros. A cultura galega está enriquecida por innumerables mitos espallados ao longo de todo o territorio, dende galiñas que poñen ovos de ouro ata diversas aparicións. Agora, un mapa interactivo deseñado por investigadores da Universidade Complutense de Madrid permite consultar cales son as lendas máis próximas á túa casa.

O mapa interactivo deseñado polos investigadores da Complutense.

Se vives en Betanzos, seguro que che contaron máis dunha vez a lenda da flor da dita. E se es da Estrada, saberás ben que significa a sombra da Lunferna. Tui, Cedeira e Monforte de Lemos tamén teñen o seu oco no mapa interactivo, así como outras 40 localizacións galegas asociadas con famosos mitos populares. Esta plataforma virtual, que funciona a través da xeolocalización de Google, facilita o acceso ás lendas literarias do século XIX en España. Segundo explican os investigadores da Complutense, céntranse nesta época histórica porque supuxo unha fonda recuperación e transformación dos elementos folk. Tamén detallan que para a recompilación das lendas, valéronse de guías de viaxe, dicionarios xeográficos e relatos publicados na prensa decimonónica.

Publicidade

As máis coñecidas

No que respecta a Galicia, as provincias con máis mitos recollidos son Pontevedra e A Coruña, con 14 cada unha. Logo séguenas Lugo, con 7, e Ourense, que tan só contabiliza 5. Entre as lendas que figuran no mapa interativo, hai algunhas ben coñecidas pola pobación xeral, como a da Torre de Hércules e a de Santo André de Teixido. Para explicar esta última, os investigadores baseáronse nun texto escrito por Manuel Murguía en 1915. O historiador e escritor galego relata que Santo André, ao atoparse con Cristo, rogoulle que o sacase de Teixido. A súa petición foi denegada pero, a cambio, ofrecéuselle que a súa romaría fose da máis nomeadas e que duraría ata o fin da eternidade. Esa sería a única maneira de asegurar que todos, tantos os mortos como os vivos, participasen na romaxe e acabasen coa soidade de Santo André.

A sociedade romana e Pardo de Cela protagonizan algunhas das lendas máis populares

En canto á provincia de Pontevedra, figuran lendas asociadas aos castelos de Andrade e de Sobroso, así como unha aparición de Santa Trahamunda en Poio. Tamén se detalla o mito de Santa Liberata. Segundo recollen os investigadores, no século II, no que hoxe é Baiona, un matrimonio da alta sociedade romana tivo nove fillas nun só parto. A nai decide matalas porque teme que o seu home pense que foi enganado. A criada encargada de acabar coa vida das nenas non cumpre co seu propósito e derívaas a unha casa onde medran ao amparo da fe cristiá. Anos despois, durante a persecución do cristianismo, o pai Lucio Catelo —régulo de Galicia e Portugal— atópase coas súas fillas e recoñéceas, obrigándoas a abandonar a súa fe. Elas negáronse e el procedeu a matar a oito delas, mentres que Liberata foi quen de escapar durante anos. Porén, seu pai tamén a atopa e tortúraa ata a morte.

Publicidade

En Ourense, a lenda máis rechamante é, sen dúbida, a da Santa Compaña, xa ben coñecida como unha procesión de ánimas á que é mellor non ver nunca diante. En Lugo, por exemplo, salienta o mito da mensaxeira da morte. Segundo se recolle no mapa, o 17 de decembro de 1483 unha muller vestida de negro cabalgou todas as terras de Castela para chegar a Mondoñedo. As persoas que se atopaban ao seu paso pensaban que representaba o perdón e a independencia de Galicia. O obxectivo da dama e do seu escudeiro era chegar ao patíbulo para salvar o mariscal Pardo de Cela e o seu fillo, aos que xa executaran. Ao enterarse de nova, a muller berrou: Chorade, fillos de Galicia, sobre a tumba da liberdade da patria. Segundos despois, a muller caeu ao lado do seu cabalo.


Podes consultar as lendas premendo na seguinte ligazón.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

3 COMENTÁRIOS

  1. Alegrome de que haxa lendas da zona do Bierzo, pero sen embargo fáltame algunha da miña zona (sureste de Galicia) Verín, Laza, A Gudiña, Riós, Vilardevós, …. siempre moi esquecida para os que non teñen que pasar por ela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cangas, Muxía, Sarria... Este mapa mostra as inscricións romanas en Galicia

A cidade de Lugo, bautizada polos romanos como Lucus Augusti, é a que acumula un maior número de voces latinas, con 154 epígrafes

As embarazadas transfiren anticorpos que protexen durante uns meses ao bebé de covid-19

Investigadores españois demostran que a protección diminúe de forma progresiva nos primeiros seis meses de vida

A Santo André de Teixido mellor ir de vivo

A Deputación de Coruña tratará de promocionar a súa peregrinación a través dos Plans de Sostibilidade Turística en Destinos

Entre Ortegal e Mugardos: viaxe polos grandes cantís galegos

A segunda peza da serie de vídeos de turismo da Deputación da Coruña percorre o norte da provincia ata a bocana da ría de Ferrol