Edovio era un deus prerromano asociado ás augas termais. No concello de Caldas de Reis xa se atoparon tres aras galaico-romanas en honor a esta divinidade. A última delas foi achada nunha finca privada do municipio por axentes da Policía Autonómica de Santiago, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Fixérono tras o aviso recibido por parte da asociación Terra Calda, que atopara a ara de maneira fortuíta. A Consellería de Cultura acordou o seu traslado ao Museo de Pontevedra, onde está dende o 29 de outubro.
As aras son pequenos altares de pedra que foron moi comúns na antiga Roma. Adicábanse aos deuses e, tamén, ás divinidades locais dos territorios conquistados, como é o caso de Edovio. Con todo, a ara atopada en Caldas hai unhas semanas non é a única adicada a este deus prerromano. A primeira delas apareceu en 1798 e desapareceu en 1909, despois de ser exhibida nunha esposición en Santiago. Agora, unha réplica deste altar está no balneario Dávila. A segunda ara atopouse en 2008 preto das burgas e tamén está, como esta última peza descuberta, depositada no Museo de Pontevedra.
Do vertedoiro ao museo
A asociación Terra Calda deu con esta última ara de forma completamente azarosa. O propietario da finca descubrira a peza nun vertedoiro pero descoñecía o valor arqueolóxico da mesma. Tras o achado, a entidade local deu aviso ás autoridades. Coa colaboración do seu descubridor, levouse a cabo o procedemento estipulado. Ata o lugar desprazáronse os axentes que tomaron declaración do propietario para determinar a orixe da ara, ata que posteriormente se tomou a decisión de trasladalo ás instalacións do museo pontevedrés.
Dende a asociación Terra Calda cren que o achado de tres aras votivas adicadas ao deus Edovio abre a posibilidade de que existise un santuario termal na época romana. É dicir, que se rendise un gran culto a esta divinidade. Precisamente por isto, os membros do colectivo reclaman a creación dun centro museístico sobre Aquis Celenis, como denominaron os romanos o que hoxe se coñece como Caldas de Reis.