Un equipo da UVigo súmase ao proxecto máis ambicioso do mundo para estudar neutrinos

O experimento DUNE avanza no coñecemento do universo e xa conta con representación galega a través do IGFAE

Medir as diferencias entre a oscilación de neutrinos —partículas cuxa masa é cando menos un millón de veces inferior á do electrón— e antineutrinos —as súas réplicas de antimateria— para contribuír ao avance do coñecemento do universo. Este é o obxectivo do experimento Deep Underground Neutrino Experiment (DUNE, polas súas siglas en inglés), o proxecto internacional máis ambicioso e avanzado ata a data para o estudo dos neutrinos. Con miles de científicos de ducias de países implicados, a Universidade de Vigo (UVigo) súmase agora a este experimento a través dun equipo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx).

Esta participación enmárcase dentro dun acordo asinado recentemente entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) e Fermilab, o Laboratorio Nacional de Aceleradores Fermi do Departamento de Enerxía do Goberno dos Estados Unidos. O obxectivo deste memorando de entendemento (MoU) é impulsar a participación das institucións españolas no experimento DUNE e colaborar na construción dos detectores, situando España ao nivel das grandes contribucións internacionais en física de neutrinos.

Publicidade

A colaboración estenderase durante os próximos 15 anos e participan, representando á UVigo, os investigadores de Cintecx Enrique Casarejos, como membro do Institutional Board de DUNE, Joaquín Collazo e Jacobo Baldonedo, a través de dous proxectos nacionais dos que son investigadores principais.

1.400 científicos de máis de 240 institucións

DUNE é unha colaboración internacional formada por 1.400 membros de máis de 240 institucións de 39 países, entre outros, España, Francia, Italia, Reino Unido, Suíza, Brasil, Colombia, Canadá, Estados Unidos, India, Xapón, ademais da Organización Europea para la Investigación Nuclear (CERN). España representa o 4% da colaboración e participa en DUNE desde os seus inicios en 2015 a través de seis grupos de investigación o Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT), o Instituto de Física Corpuscular (CSIC-UV), o Instituto de Física Teórica (CSIC-UAM), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE-USC), a Universidad de Granada e a UVigo.

Publicidade

Actualmente este é o proxecto internacional máis punteiro para o estudo das propiedades dos neutrinos. A finalidade é medir as diferencias entre a oscilación de neutrinos e antineutrinos, o que podería axudar a explicar a preponderancia da materia fronte á antimateria e avanzar así no coñecemento sobre o universo.

Ademais, esta investigación tamén buscará detectar neutrinos xerados no colapso dunha estrela ou procedentes do sol. O experimento desenvolverase entre a infraestrutura LBNF (Long-Baseline Neutrino Facility), que se atopa en construcción en Illinois (EEUU), e a Instalación Subterránea de Investigación Sanford (SURF), situada a 1.500 metros de profundidad en Dakota do Sur (EEUU).

No marco do proxecto tamén se está a traballar con varios prototipos de DUNE no laboratorio europeo de física de partículas no CERN. A idea é crear e impulsar neutrinos e antineutrinos dende o laboratorio de Illinois e detectalos cando cheguen á SURF, a 1.300 quilómetros de distancia. Un detector próximo ao punto de produción caracterizará os neutrinos no seu punto de partida e outro situado no SURF captaraos para estudar os cambios nas súas propiedades.

Participación da UVigo

A participación española en DUNE céntrase no desenvolvemento e produción de tecnoloxías avanzadas, como o sistema de detección de luz e de monitorización de temperaturas, tanto para os prototipos do CERN como para os grandes detectores de argón líquido na Instalación Subterránea de Investigación Sanford (SURF). Ademais, España contribúe á preparación do programa de física e ás ferramentas de simulación e análise de datos do experimento.

O investigador de Cintecx Enrique Casarejos é membro do Institutional Board de DUNE.

En concreto, dende a UVigo, os investigadores de Cintecx realizarán simulacións de dinámica de fluídos computacional (CFD–Computational Fluid Dynamics en inglés), empregando métodos numéricos e algoritmos para resolver e analizar problemas sobre o fluxo de fluídos, das condicións de estabilidade de fase e transporte de moléculas contaminantes na cámara de argón líquido a alta presión. A contribución da UVigo tamén estará presente no Comité Institucional de DUNE, do que é membro o coordinador do grupo Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica (DSN), adscrito a Cintecx, Enrique Casarejos.

Construíndo e montando sistemas de I+D dende 2005

A ampla experiencia no desenvolvemento e integración de detectores de partículas en instalacións internacionais de física dos investigadores de Cintecx integrarase agora nas actividades da colaboración internacional do experimento DUNE. Segundo explica o coordinador do grupo DSN, Enrique Casarejos, “dende 2005, os investigadores da UVigo levan deseñando, construíndo e montando sistemas mecánicos en programas de I+D financiados en convocatorias competitivas. Un dos exemplos da nosa experiencia no desenvolvemento e integración de detectores de partículas en instalacións internacionais é a do GSI Helmholtzzentrum für Schwerionenforschung en Darmstadt, Alemaña”, un laboratorio punteiro que empregan investigadores de todo o mundo para realizar experimentos e obter novos coñecementos sobre a estrutura da materia e o desenvolvemento do universo. 

A través de dous proxectos do Plan Nacional liderados polos investigadores Joaquín Collazo e Jacobo Baldonedo do grupo DSN de Cintecx, cun financiamento que supera o 1,5 millóns de euros, estes investigadores consolidan a contribución da UVigo ao avance do experimento DUNE, realizando simulacións CFD das condicións de estabilidade de fase e transporte de moléculas contaminantes na cámara de argón líquido a alta presión.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O quecemento global podería triplicar a probabilidade de secas no Mediterráneo

Un estudo da UVigo e do CSIC indica que o descenso da humidade transportada pola atmosfera dende os océanos provocará unha maior aparición de episodios de aridez

Un programa da Comisión Europea selecciona un proxecto galego para a creación de chips

O atlanTTic acollerá unha planta experimental para deseñar novas técnicas de encapsulado que se poidan implementar na industria

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro