Abril é tempo de libros. E o mellor é que os escritores teñen dabondo para todos. Por iso, a rica literatura galega ofrece historias, ensaios e relatos de todo tipo. Por exemplo, o dun cotobadés que deseñou un trebello que adiantaba o fenómeno da voz sintética. Tamén narracións épicas como a expedición para expandir a vacina da varíola, historias tomadas con humor sobre curiosidades científicas ou ensaios máis profundos sobre as matemáticas. Divulgación ambiental, descubrir os grandes nomes da astronomía, a apaixonante vida de científicos esquecidos… sexa cal sexa o teu interese, este é o tempo perfecto para explorar todo o que a ciencia galega ten para contar a través das súas obras literarias. E que mellor forma de agasallalos que o 23 de abril, Día do Libro.
Estrelas galegas da ciencia
Con espírito divulgativo e un estilo ameno e entretido, este libro é unha homenaxe á rica tradición científica de Galicia. Ao longo das súas páxinas, mergullámonos un pouco no nacemento e evolución dalgúns dos centros máis importantes da comunidade. Iso si, o texto centra a súa atención nalgúns dos persoeiros máis destacados. Entre eles, María Wonenburger, matemática destacada no campo da álxebra, Domingo Fontán, xeógrafo que elaborou o primeiro mapa topográfico de Galicia, e Isabel Zendal, que participou na expedición para atopar a vacina da varíola.
Os autores tamén exploran algúns dos descubrimentos e avances máis fascinantes realizados desde aquí, achegando historias que non adoitan aparecer nos libros de texto pero que son imprescindibles para comprender o papel que xogou Galicia no desenvolvemento da ciencia. Ademais, forma parte dun repositorio de acceso gratuíto a través deste enlace.

Os nenos da varíola
Unha narración impresionante e ambiciosa ambientada no século XIX. Nenos que terán que ser heroes para poder transportar unha das vacinas máis importantes da historia a América: a varíola. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico coa expedición do doutor Balmis.
Un episodio extraordinario no que afrontarán un océano bravo, cheo de perigos, nun mundo que non ofrece compaixón. A novela rescata do esquecemento o valor destes 22 nenos que cambiaron as páxinas da historia. E si, Isabel Zendal tamén está presente nesta narración.
As matemáticas e a astronomía en Galicia
Pode parecer que a investigación científica en Galicia é un fenómeno recente. Con todo, o interese por certas disciplinas remóntase a moito máis atrás. Este libro ofrece un percorrido desde o século XVIII ata os nosos días, cunha descrición detallada da actividade educativa e investigadora no campo das matemáticas e a astronomía en Galicia. Unha serie de retratos, fotografías históricas, mapas e imaxes de instrumentos enriquecen este texto. Todo para repasar as figuras e institucións máis importantes da astronomía e a astrofísica galega.
Os dados do reloxeiro
Celébranse 20 anos deste libro de Xurxo Mariño, editado polo Consello da Cultura. O texto comeza cun bico, que, segundo Mariño lembra, é máis probable que deamos pola dereita. E é que hai estudos para todo. Aínda que a ciencia avanza e que os seus artigos están baseados no coñecemento científico do momento, o autor afronta de forma distendida moitos temas que poden causar curiosidade.
A bacteria da acne, a capacidade de ecolocalización dos golfiños e a orixe da nitroglicerina son algunhas das cuestións que se abordan. Sempre con chanzas e cun ton lixeiro, é un exemplar con moitas pequenas historias que poden espertar o espírito científico de moitos. Unha lectura perfecta (e gratuíta) para os que queiran entender a ciencia desde unha linguaxe próxima e con humor.

Visións de Darwin
Darwin ocupa un lugar destacado e merecido na historia da ciencia. A súa formulación da evolución marcou un antes e un despois na bioloxía e transformou o pensamento nas ciencias sociais. O seu legado fóra do estritamente biolóxico é, por outra banda, máis descoñecido e, moitas veces, mal interpretado, segundo o autor. Escrito polo vigués Daniel Soutullo, recompila unha serie de ensaios que debuxan a personalidade deste autor desde o punto de vista biográfico, científico e social. Todos cun carácter divulgativo e coa intención de permitir maior achegamento crítico á súa vida.
O libro dos océanos. Que ameaza o mar?
Desde hai décadas, os mares eran os lugares máis limpos e puros do planeta. O aumento da contaminación e o espolio dos océanos provocaron grandes cambios no medio que ocupa o 70% da Terra. Agora, esta obra busca describir cal é o auténtico estado deste ecosistema, un gran descoñecido. O impacto que ten no mundo é total, polo que coidalo é importante para todos. Cun deseño atractivo e informativo, Esther Gonstalla relata de forma detallada as relacións entre a actividade humana e as transformacións que está a sofrer o mar.