O proxecto EDIH DATAlife lanza formacións para a adopción de tecnoloxías clave en Galicia

Os primeiros cursos, que se celebrarán ata xullo, están dirixidos aos sectores da acuicultura, agroalimentario, saúde-coidados, biotecnoloxía e forestal-madeira

O proxecto EDIH DATAlife, financiado polo programa Digital Europe, busca situar Galicia como un referente europeo na implantación de tecnoloxías disruptivas en sectores relacionados cos biorrecursos e a saúde. A intelixencia artificial, a Internet das Cousas (IoT) e a recompilación e integración de datos son un grande apoio para a mellora dos procesos e operacións en moitas empresas e organizacións. As compañías interesadas en descubrir como estas e outras solucións innovadoras poden achegar valor ao seu negocio terán a oportunidade de acceder a formación gratuíta durante os próximos meses.

EDIH DATAlife lanza un novo calendario de formacións tecnolóxicas, dirixidas aos sectores da acuicultura, agroalimentario, saúde-coidados, biotecnoloxía e forestal-madeira. As primeiras formacións do ano terán lugar ata xullo de 2025 e realizaranse en distintas localizacións de Galicia ou en modalidade en liña. Estes cursos xorden como resposta á escaseza de oferta formativa en tecnoloxías dixitais específicas para estes sectores, unha necesidade cada vez máis crítica para a competitividade e a sostibilidade na nosa rexión.

Publicidade

Calendario formativo EDIH DATAlife do primeiro semestre de 2025.

O potencial de recoller, unificar, analizar e valorizar datos, así como de desenvolver procesos automatizados e intelixentes, é o foco das temáticas recollidas nas próximas formacións. A listaxe completa de formacións está dispoñible na web do proxecto. Estas sesións, completamente gratuítas para os asistentes, serán impartidas por docentes especializados, vinculados á Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, e a centros tecnolóxicos como Gradiant e EnergyLab.

Unha ampla oferta

Con carácter transversal, destacan as formacións de Recompilación e integración de datos, que tomará forma de breves sesións en liña específicas de cada cadea de valor durante final de abril e principio de maio, e unha sesión máis ampla centrada no uso de intelixencia artificial para a mellora da eficiencia enerxética e a sostibilidade, que se anunciará proximamente.

Publicidade

Estas xornadas irán acompañadas doutras sesións enfocadas en implementacións tecnolóxicas concretas nos sectores saúde e gandería, e que se complementarán con outras do sector forestal-madeira e biotecnoloxía, que se anunciarán no seguinte calendario de 2025.

Opción de contidos en diferido

Formación de 2024 sobre dixitalización agrogandeira.

Estas formacións representan unha excelente oportunidade para que os profesionais do tecido empresarial galego adquiran competencias en tecnoloxías dixitais, cun enfoque práctico e con aplicacións directas a situacións e contornas de traballo reais. A súa duración atópase entre as 2 e as 15 horas, e están enfocadas tanto a perfís directivos como técnicos.

As persoas interesadas deberán inscribirse desde a sección xornadas abertas na web de DATAlife. As inscricións abriranse cunha antelación de entre 3 e 4 semanas antes da súa celebración, e anunciaranse nas contas de Twitter e LinkedIn do proxecto, así como por correo electrónico para quen estea subscritos ao seu newsletter.

O público interesado que non poida asistir en directo terá a posibilidade de acceder aos contidos en diferido, a través da aula virtual do proxecto, previo rexistro. Do mesmo xeito, a través desta plataforma, poderase acceder ás formacións levadas a cabo durante 2024, que se poden consultar aquí.

Durante o ano pasado, máis de 200 profesionais aumentaron a súa capacitación en temáticas como a intelixencia artificial para procesos biotecnolóxicos, a intelixencia artificial para extraer valor da historia clínica, a dixitalización de explotacións agrogandeiras, a visión artificial no sector alimentario e espazos de datos. A taxa de satisfacción coa formación recibida foi moi elevada e máis do 90% dos enquisados manifestaron interese en continuar formándose con EDIH DATAlife.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bolígrafo con intelixencia artificial identifica o párkinson a través da escritura

O sistema analiza os movementos dos pacientes en distintas superficies e determina cunha precisión de máis do 95% o diagnóstico

Na busca da sostibilidade: expertos expoñen innovacións na cría de porco e aves do país

Un foro organizado por Feuga na Semana Verde aborda a epixenética para a cría sostible das razas porcinas e aviares

Premio para unha ferramenta feita na UDC para explicar as suxestións que recibimos na rede

Investigadores do CITIC deseñaron un novo modelo para os algoritmos de recomendacións que tamén reduce a súa pegada de carbono

A Rede Galega de Internet das Cousas pemite xa a prevención de catástrofes naturais

iCousas, impulsado por Amtega e Retegal, facilitará a xestión de multitudes en lugares turísticos como o Camiño de Santiago