O proxecto DATAlife, que ten por obxectivo a mellora da competitividade empresarial mediante a adaptación a tecnoloxías dixitais disruptivas, xa conta cun novo membro: Noso Capital, unha sociedade xestora independente de fondos de capital privado. Esta entidade galega, que naceu en setembro de 2020, aposta polo investimento en pequenas e medianas empresas. Busca, por tanto, xerar valor ao mercado mediante a aceleración do crecemento das pemes, que fan fronte aos cambios disruptivos como a dixitalización e a implantación de novas tecnoloxías.
Segundo trasladaron dende DATAlife, Noso Capital “suporá un impulso para a aceleración da transformación dixital en Galicia dos sectores vinculados ás Ciencias da Vida”. O obxectivo da incorporación é que o equipo da xestora sexa un “axente de coñecemento” para as empresas socias da iniciativa, achegando a súa experiencia para impulsar proxectos de innovación que poidan ofrecer un valor diferencial.
Integrada por dous fondos
Máis polo miúdo, Noso Capital céntrase en compañías cunha facturación anual de entre 5 e 50 millóns de euros que, malia as súas “potencialidades”, precisan apoio profesional para consolidar o seu crecemento e recursos financeiros cos que acadar os seus obxectivos profesionais. Ademais, dispón de dous fondos en liña: Bio & Tech Smart Capital, centrado nos sectores biotecnolóxicos e tecnoloxías da información; e Noso Capital | FCE, orientado á captación de investimentos para pemes galegas.
A este respecto cabe indicar que o fondo Bio & Tech Smart Capital incorpora como socio promotor a Santiago Domínguez, cofundador e conselleiro delegado de Mestrelab. Esta compañía naceu en 2004 como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela e dende entón a evolución do seu software para investigación bioquímica permitiulle situarse como unha das principais empresas do sector no ámbito internacional. De feito, o xurado dos V Premios Spin-Off PuntoGal, que organiza GCiencia, concedéronlle o galardón de Selo de Calidade.
A tranformación dixital
“Incorporar o capital privado supón acelerar a transformación dixital das empresas galegas e favorecer o crecemento das start-ups tecnolóxicas de Galicia, ambos obxectivos clave para DATAlife”, asegura o presidente do proxecto, Pablo Álvarez. Ao tempo, o presidente de Noso Capital, Antonio Couceiro, incidía en que dende a xestora pretenden sumar esforzos para impulsar a dixitalización das pemes galegas. Na sinatura deste acordo de incorporación, que se celebrou nos Galicia Biodays, tamén participou a presidenta de Bioga, Carme Pampín, e o CEO de Noso Capital, Tomás Pérez.














