Da IA á Internet das Cousas: como as novas tecnoloxías melloran a atención aos pacientes

Unha formación pioneira impulsada por DATAlife mostrará como as ferramentas dixitais poden transformar a xestión asistencial en Galicia

O Hub Europeo de Innovación Dixital EDIH DATAlife lanza o curso Saúde Dixital: introdución aos sensores conectados no sector da saúde e os servizos sociosanitarios, unha formación pioneira que mostrará como a Internet das Cousas (IoT), a sensórica e a intelixencia artificial (IA) poden transformar a prevención, o diagnóstico, o seguimento e a xestión asistencial en Galicia.

O curso celebrarase os días 26 de novembro, 3 e 10 de decembro, con formato híbrido: a primeira sesión será presencial nas instalacións de Mestrelab Research, en Santiago de Compostela, e incluirá unha comida networking; as dous seguintes poderán seguirse tanto de forma presencial como en liña. A docencia correrá a cargo de José Carlos López Ardao e Juan Santos Gago, profesores e investigadores da Universidade de Vigo e o centro atlanTTic, especialistas en redes de comunicacións, IoT e Smart Health.

Publicidade

Tres sesións e un amplo programa

Durante as tres sesións, os participantes coñecerán os fundamentos do IoT, os tipos de sensores biomédicos e ambientais máis empregados, e as tecnoloxías que os conectan (Bluetooth, Wi-fi, 4G/5G ou LoRaWAN). Ademais, abordarase como estes dispositivos, combinados con algoritmos de IA e machine learning, permiten monitorizar pacientes a distancia, previr riscos de saúde e optimizar recursos sanitarios.

O programa inclúe demostracións prácticas e casos de éxito sobre monitorización de pacientes, xestión hospitalaria intelixente ou asistencia a persoas maiores e dependentes. Tamén se analizarán os pasos clave para implantar solucións IoT en contornas sanitarias, desde a selección de sensores ata a integración con plataformas e a avaliación do desenvolvemento.

Publicidade

A iniciativa forma parte do catálogo formativo do proxecto EDIH DATAlife, cofinanciado pola Comisión Europea e o Ministerio de Industria e Turismo a través do programa Dixital Europe. Nesta ocasión, participan na organización do curso FEUGA, o Clúster Saúde de Galicia (CSG), a Universidade de Vigo, o centro atlanTTic, Mestrelab Research e a asociación DIH DATAlife.

Público obxectivo

O curso é gratuíto, con prazas limitadas, e está dirixido a profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario, así como a enxeñeiros biomédicos, desenvolvedores de solucións de saúde dixital e técnicos de innovación que desexen coñecer as oportunidades que ofrece a transformación tecnolóxica no sector.
As inscricións poden realizarse a través da web de EDIH DATAlife.

Esta nova formación súmase aos outros catro cursos que xa realizou o proxecto centrados no sector sanitario e sociosanitario durante 2024 e 2025. As temáticas dos anteriores foron: O uso da IA para extraer valor da historia clínica, Aplicación práctica dos sistemas intelixentes no ámbito sanitario, Aplicacións de aprendizaxe automática en saúde e Recompilación e integración de datos nos sectores saúde e biotecnoloxía. Todos eles poden consultarse na web do proxecto e acceder aos seus materiais e gravacións na aula virtual que habilitaron en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Está empobrecendo a IA a linguaxe xornalística (e da sociedade)?

A propagación da IA e o consecuente adestramento doutros modelos con textos sintéticos contribúe a eliminar a diversidade e riqueza lingüística. Por Xosé López-García e Cristian Augusto González Arias

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Que sentían realmente ao escribir cartas hai 500 anos? Así o descifra a IA

Un proxecto do CSIC Galicia desenvolve modelos computacionais capaces de identificar e clasificar emocións en correspondencia histórica entre os séculos XVI e XVIII