As empresas galegas Celtarys Research, Libera Bio e BFlow, lideradas por mulleres, captan preto dun millóns de euros (917.000 euros) para o desenvolvento dos seus proxectos ao abeiro do programa NEOTEC, vinculado ao Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación. O obxectivo desta iniciativa é financiar novos proxectos que requiren do uso de tecnoloxía e coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora, e nos que a estratexia de negocio estea baseada no desenvolvemento da tecnoloxía. “É unha axuda competitiva que recoñece a excelencia e calidade dos proxectos”, destacan dende o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), do que son socias as tres empresas.
Máis polo miúdo, Celtarys Research é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a súa conselleira delegada é Sonia Martínez Arca. Esta biotecnolóxica recibirá unha subvención de 335.000 euros para o proxecto Nova tecnoloxía de conxugación química para dianas terapéuticas. A compañía está especializada no desenvolvemento de ferramentas químicas fluorescentes innovadoras para acelerar o descubrimento de fármacos.
No que respecta a Libera Bio, a empresa tamén recibirá 335.000 euros. Esta cantidade contribuirá a validar a súa Plataforma MPN baseada en nanotecnoloxía para a encapsulación e liberación selectiva de fármaco anticanceríxenos, permitindo avanzar no desenvolvemento do seu primeiro medicamento. A tecnoloxía patentada pola firma facilita o acceso de fármacos biolóxicos —como os anticorpos monoclonais— ao interior de células tumorais e metastásicas para tratar dianas intracelulares ata agora inaccesibles para este tipo de moléculas tan potentes e específicas. Desirée Teijeiro é a cofundadora e directora de operacións da empresa, que tamén é unha spin-off da USC.
Finalmente, BFlow está liderada por María Seoane, a súa conselleira delegada, e a empresa naceu no seo da USC, como as tres anteriores. Recibirá 247.435 euros do programa NEOTEC e empregará esta cantidade para avanzar no desenvolvemento da súa tecnoloxía baseada en microfluídica para probar compostos en condicións similares ao comportamento humano. A súa innovadora tecnoloxía permite acurtar tempo e custo no deseño e desenvolvemento de novos medicamentos.
Un “fito” para o ecosistema biotecnolóxico galego
Por primeira vez, tres empresas biotecnolóxicas de Galicia reciben esta axuda na mesma convocatoria. “Este é un novo caso de éxito para o ecosistema biotecnolóxico galego”, asegura Carme Pampín, presidenta de Bioga, quen destaca que o programa NEOTEC conta “cunha das liñas de axudas máis competitivas do panorama nacional para o desenvolvemento de empresas baseadas na tecnoloxía, compañías que arriscan e apostan por un modelo de negocio baseado na innovación e na investigación”.
Ademais, a responsable de Bioga considera que este “fito” chega porque “Galicia conta cunha estratexia propia para o sector, unha folla de ruta baseada na colaboración público-privada posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, e que busca situar Galicia como unha biorrexión de referencia no ámbito internacional”: