O sector biotecnolóxico galego pon en marcha o proxecto DATAlife

O clúster Bioga encabeza unha iniciativa que busca mellorar a competitividade empresarial mediante a adaptación a tecnoloxías dixitais disruptivas

O clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que agrupa a numerosas empresas do eido biotecnolóxico en Galicia, encabeza a iniciativa DATAlife, un proxecto que ten por obxectivo “converter a Galicia en rexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos da rexión”, en palabras de Carme Pampín, presidenta de Bioga, que tamén liderará a iniciativa.

Varios dos socios de DATAlife, proxecto enmarcado nos Hub de Innovación Dixital (DIH), instrumentos desenvolvidos e impulsados pola Comisión Europea para mellorar a competitividade das empresas europeas a través da aplicación de tecnoloxías dixitais disruptivas, reuníronse este martes nunha presentación en liña na que se expuxeron algunhas das premisas clave.

“O novo proxecto apóiase no liderado sectorial, a través de sectores clave en Galicia; no liderado tecnolóxico, conformado polos centros de competencia galegos; e no liderado empresarial, representado por empresas tractoras de Galicia”, sinalou Carme Pampín, quen indicou que traballará para sumar e para incorporar novos socios xa en 2020. “Apostamos por un modelo colaborativo aberto e participativo onde as empresas serán protagonistas”, asegurou a presidenta de DATAlife, que agradeceu tamén o respaldo da Administración autonómica, a través da Axencia Galega de Innovación, para poñer en marcha o proxecto.

En DATAlife reuniranse eidos como a biotecnoloxía, mar-industria, agroalimentación, forestal ou saúde. A misión será “facilitar a incorporación da intelixencia artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados á bioeconomía e a saúde”, segundo apuntou Lucía Castro, xerente do ‘hub’.

DATAlife terá a sede no Edificio Emprendia en Santiago de Compostela, e diríxese a tres focos estratéxicos: biorrecursos, sustentabilidade e saúde. “Conectará o sistema de innovación, que ofrecerá servizos de intelixencia artificial, internet das cousas, big data, ciberseguridad e computación de altas prestacións, con pemes vinculadas a cinco sectores produtivos (biotecnoloxía, mar-industria, agroalimentación, forestal e saúde)”, detallan desde Bioga. A iniciativa, que xa está inmersa na elaboración da súa carteira de servizos, nace para axudar a crecer en competitividade a 3.700 empresas que traballan en cadeas de valor que representan o 19,4% do Valor Engadido Bruto (VEB) da comunidade autónoma de Galicia e que xeran ao redor dos 70.000 empregos.

Ademais de Bioga, son tamén socios fundadores Anfaco-Cecopesca, Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, Agrupación industrial Saúde de Galicia (CSG), Finsa, Centro Tecnolóxico de Comunicacións-Gradiant, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Televés, Agrupación industrial TIC Galicia, Clúster da Acuicultura de Galicia e Grupo Zendal. En 2020 incorporáronse o Centro Tecnolóxico Energylab e a Fundación Feuga.

A Xunta de Galicia participa no proxecto a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A directora da área de Programas de GAIN, Luisa Boquete, falou de DATAlife como “un paso máis na especialización intelixente” e explicou que se trata dunha “aposta” da Administración autonómica. “É unha solución tecnoloxicamente idónea para resolver un reto innovador da empresa usuaria, conseguida a través do acompañamento experto integral máis eficiente e orientado a mercado”. Ao seu xuízo, neste proxecto “todos gañan”. E citou a agrupacións industriais, pemes, centros tecnolóxicos, universidades, grandes empresas, investidores, aceleradoras, centros de competencia, empresas tecnolóxicas e startups.

Na presentación online de DATAlife, o director xeral de Gradiant, Luís Freire, lembrou os obxectivos para Europa no próximos cinco anos, que apostará por un liderado en tecnoloxía, infraestruturas e competencias dixitais. Deste xeito, achegarase ao obxectivo final: unha Europa verde, dixital e resiliente. Freire tamén destacou a oportunidade de aproveitar o chamado Green Deal, un conxunto de iniciativas da UE para alcanzar a neutralidade climática en 2050. Aludiu tamén a proxectos como Farm to Fork Strategy, para reducir a pegada climática do sistema alimentario; como Estratexia de Biodiversidade; ou como o New EU4 Health Programme, impulsado por mor da crise da Covid-19 e que prevé unha inxección no período 2021-2027 de 9.400 millóns de euros para fortalecer os sistemas de saúde dos países de Europa.

Tamén participaron na presentación Rocío Mosquera Álvarez, presidenta da Agrupación industrial Saúde de Galicia (CSG), e Roberto Carlos Alonso, vicepresidente de Anfaco- Cecopesca, abordaron as Oportunidades para a dixitalización con DIH.

Mosquera destacou a relevancia do ecosistema CSG, que representa a 80 socios, 80.000 traballadores, un volume de negocio de 900 millóns de euros e está presente en 100 países. As súas áreas prioritarias: atención e coidados centrados en pacientes; hospitais humanos, seguros sostibles e eficientes; empoderamento do paciente ou estudo e xestión dos cambios demográficos. Pola súa banda, o vicepresidente de Anfaco- Cecopesca, achegou a visión desde o seu sector conserveiro. As empresas vinculadas a esta asociación, con 115 anos de traxectoria, facturan máis de 10.900 millóns de euros e xeran ao redor de 26.000 empregos de forma directa.

Pechou o acto de presentación de DATAlife o adxunto a dirección do Grupo Zendal, Pablo Álvarez Freire. “Co nacemento desta iniciativa apoiamos o ecosistema emprendedor galego cun proxecto estratéxico e de longo percorrido”, asegurou o directivo da compañía biotecnolóxica con sede no Porriño. “Confiamos en poder sumar a novos colaboradores que nos axuden a apoiar e fomentar proxectos actuais e futuros”. Destacou o compromiso de Zendal para “colaborar co resto de socios e formar parte dun novo camiño elixido en Galicia para liderar o cambio da transformación dixital no sector primario, saúde, alimentación e biotecnoloxía”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.