Venres 19 Abril 2024

Unha guía para reducir o risco de contaxio da Covid-19 no socorrismo

Investigadores das tres universidades galegas colaboran no "primeiro artigo a nivel internacional" sobre saúde laboral e prevención da doenza no sector

Unha colaboración de investigadores galegos, cataláns, vascos, madrileños e brasileiros, que recolle a Revista Española de Salud Pública, aborda un dos problemas que poden afrontar os e as profesionais do socorrismo ante a temporada de verán e a crecente afluencia de persoas ás zonas de baño. Segundo explican os propios autores, pertecentes, entre outras institucións, ás tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC), “o feito de que na maioría dos rescates acuáticos non sexa posible manter a distancia de seguridade, sumado á exposición ás secrecións respiratorias que estes implican, fan que os e as socorristas sexan un colectivo cunha elevada exposición ante un posible contaxio da Covid-19.

Así, o artigo reúne unha serie de “recomendacións prácticas” e pautas de actuación que permitan a estes profesionais minimizar ese risco de contaxio. O traballo, publicado pola revista que edita o Ministerio de Sanidad, é o “primeiro artigo científico a nivel internacional sobre saúde laboral e prevención de contaxios por Covid-19 en socorristas”. Nel, analizan o grao de risco que implican as diferentes tipoloxías de rescate acuático e propoñen unha adaptación do “algoritmo de soporte vital básico” do Consello Europeo de Resucitación (ERC, polas súas siglas en inglés), poñendo o foco na importancia, fronte a un afogamento, das “ventilacións de rescate”, que deberán realizarse cun balón resucitador, filtro HEPA e equipo de protección persoal (EPI) completo

Publicidade

Asinan o artigo Cristian Abelairas e Santiago Martínez do grupo Clinursid da USC, os investigadores Roberto Barcala da UVigo, José Palacios da UDC, Silvia Aranda da Universidade de Barcelona,  David Szpliman da Sociedade Brasileira de Salvamento Acuático, Fernando López do Servicio Municipal de Emerxencias de Pinto (Madrid), e Andoni Oleagordia, da Dirección de Protección Civil e Emerxencias de Bilbao. Nel buscan ofrecer aos e ás socorristas “información estruturada” respecto de como deberían adaptar os procedementos “nos que o contacto é inevitable”, facer uso dos EPI e dar prioridade a métodos de rescate que impliquen unha menor exposición a un posible contaxio. Trátase, como sinala Barcala, dunha serie de “recomendacións baseadas en evidencias, a partires de estudos científicos previos, pero tamén por consenso de expertos, xa que falamos dunha situación nova”. O artigo continúa a liña e actualiza o documento previo Servicios de socorrismo: adaptaciones en prevención, rescate y primeros auxilios frente a Covid-19, xa que “unha das cousas que estamos vendo co virus é que os documentos van ser actualizados moi rápido, conforme aparecen novas evidencias”, explican os investigadores.

Os afogamentos, lémbrase no artigo, constitúen un “problema de saúde pública que supón a terceira causa de morte a nivel mundial por lesión non intencional”, e fronte a estes as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) xogan un papel determinante. Coa aparición da Covid-19, as recomendacións da ERC respecto desta manobra poñen o foco na realización de compresións torácicas, dado que “as ventilacións poden ser moi contaxiosas”. Porén, no caso concreto dos afogamentos, “a parada cardíaca é de orixe asfictico”, prodúcese por falta de osíxeno, o que fai que as “ventilacións sexan as que salvan vidas”, explican os investigadores. De aí que no artigo presenten unha adaptación do protocolo de reanimación fixado pola ERC no 2015 para o caso concreto de afogamentos.

Así, a proposta deste grupo de expertos pasa en primeiro termo por realizar unha “valoración da respiración á distancia, sen achegarse á cara da vítima e situados a barlovento desta”, para logo, trala colocación dos EPI, realizar cinco ventilacións de rescate empregando un balón resucitador cun filtro antiviral HEPA, antes de comezar coas compresións. A manobra, explican, debe ser realizada por dous socorristas e nela “é de vital importancia a fixación correcta da máscara” para evitar un maior risco de contaxio, o que leva aos investigadores a pór o acento na necesidade de que as e os profesionais poidan adestrarse previamente no seu manexo. “O cambio fundamental”, engaden, atópase “na posición dos reanimadores, a barlovento da vítima, pois na praia o vento é un factor que hai que ter en conta no referido á diseminación das pingas e aerosois, e no inicio do protocolo con ventilacións tras vestir o EPI para combater a hipoxia”.

Rescates

“Eliminar completamente o risco nunha contorna de rescate acuático non é posible”, salientan os autores deste artigo que, partindo desa idea, avalían o grao de risco que implican diferentes tipos de rescate. “A preferencia será o que se realiza dende fóra da auga ou usando embarcacións”, que fan posible o uso de EPI, explican. Nese senso, cualifican como intervencións de “risco baixo” aquelas, con vítimas conscientes, que poidan realizarse desde fóra da auga, achegándolles “materiais de flotación”, valéndose, por exemplo, do uso de drons. De “risco medio” serían as realizadas a bordo de embarcacións ou motos acuáticas, que, “deberían ser a opción preferente” cando sexa preciso intervir dentro da auga. Pola contra, “o rescate corpo a corpo está completamente desaconsellado”, por ser o que implica un maior contacto, á vez que impide o uso dos EPI.

Por outra banda, o artigo aborda tamén aquelas situacións nas que sería viable o uso de EPI e daquelas nas que elementos propios do socorrismo “poderían ofrecer unha protección engadida”. Asemade, aborda como deberían ser os espazos de atención destes profesionais, recomendando o uso de torres elevadas e a separación da zona común da de asistencia.

Distanciamento nas praias

Outra das recomendacións que se trasladan a estes profesionais é a de ampliar o distanciamento entre persoas alén dos dous metros en praias de moito aforo, debido á habitual presenza de vento. Neste punto, o artigo fai referencia a un estudo levado a cabo recentemente polos investigadores da Universidade de Nicosia Talib Dbouk e Dimitris Drikakis, que demostraron que, con ventos de catro quilómetros por hora, as gotas de saliva poden percorrer seis metros en cinco segundos.

Porén, estas simulacións foron realizadas cunhas condicións ambientais diferentes ás dunha praia no verán, motivo polo que se está a traballar cos investigadores chipriotas na realización “dunha simulación para a área atlántica e mediterránea en verán”, que teña en conta as particularidades que implican os areais, como o feito de que neste convivan persoas de pé, sentadas e deitadas. Á espera do que os resultados desta análise poidan amosar respecto de cales serían as distancias idóneas nestes espazos, os investigadores sinalan que a súa aplicación podería pasar por instalar nos areais mangas de vento, que permiten estimar a súa velocidade segundo o número de círculos que se eleven, de tal xeito que as e os bañistas poidan saber en cada momento se é preciso unha maior ou menor separación.


Referencia: Recomendaciones de salud laboral para socorristas ante emergencias acuáticas en la era Covid-19: prevención, rescate y reanimación (Publicado en Revista Española de Salud Pública, dispoñible en PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos