O colectivo de investigadores e tecnólogos —funcionarios e persoal laboral fixo—do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que pertence a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería de Medio Rural, denuncia a “situación crítica” na que se atopa a entidade. Segundo trasladan nunha carta aos medios, “estes últimos anos vívese un abandono absoluto” por parte da Xunta de Galicia con “falta de inversión en recursos e persoal”. Tamén denuncian a carencia de diálogo entre a dirección de Agacal e a do CIAM, que “está a chegar a unha situación dificilmente reconducible”. Todo iso despois de que dende o Goberno galego non se contestase un manifesto que expoñía estes feitos xa a mediados de decembro e que foi firmado por 21 dos 23 integrantes do cadro de persoal.
Acorde ao mesmo comunicado, o persoal do CIAM decide facer pública a súa situación ante a negativa da dirección de Agacal e de Medio Rural de dar unha resposta a uns feitos acontecidos coa Xefatura de Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria. Aseguran que estes “afectan negativamente á contorna laboral na que os investigadores desenvolven o seu traballo”. A isto, súmanlle o “lento e progresivo desmantelamento nos últimos anos deste centro de referencia”.
Situación “moi grave”
Segundo os investigadores, os factores principais que fundamentan o declive do CIAM son “a falta de cobertura de prazas imprescindibles, a carencia de investimentos, unha ineficaz xestión e unha recente degradación do ambiente laboral ocasionada pola dirección do Agacal”. Isto, aseguran, coloca ao centro nunha situación “moi grave e probablemente irreversible”.
Unha das principais críticas dos investigadores céntrase na xestión das liñas de investigación do CIAM, “xa que estas créanse e priorízanse sen ter en conta a experiencia previa e o criterio dos investigadores”. Aseguran que se “obstaculizan algunhas destas liñas desenvolvidas durante moitos anos no centro”. Tamén denuncian a falta de transparencia na adxudicación de infraestruturas e equipamentos. “Non se publican as convocatorias e tampouco as resolucións, de xeito que se descoñecen como se conceden os recursos, cal é a repartición e quen son os beneficiarios”, matizan.
Menosprezo do persoal
Outra das queixas expresadas polos asinantes da carta refírese ás actitudes de falta de respecto cara ao traballo de varios investigadores do CIAM cunha experiencia acreditada. Reclaman que se poña en valor a traxectoria investigadora do centro e dos seus integrantes e que se eviten as “actitudes de menosprezo, de non contar co colectivo para reunións e Xornadas no CIAM, e noutros foros de innovación e transferencia que lles afecten”.
Os investigadores tamén afean da “existencia de numerosas prazas sen cubrir ou eliminadas nos derradeiros anos, provocando que certas liñas de investigación queden con pouca capacidade de actuación”. Segundo relatan, “este número insuficiente de persoal provoca que, con frecuencia, os rabaños de animais queden mal atendidos, incumprindo a normativa de benestar animal e seguridade laboral, e que non se poidan acometer ensaios de campo planificados nos proxectos de investigación”.
Aseguran que esta situación tamén afecta as Estacións Experimentais de Marco da Curra, A Pobra de Brollón e Salceda de Caselas. “Esta falta de persoal e deterioración de infraestruturas e equipamentos destas Estacións están a condicionar a captación e desenvolvemento de proxectos, así como a seguridade dos traballadores”.
Equipos obsoletos
Por outra banda, sinalan que “a deficiencia nas inversións nos laboratorios, con equipos obsoletos e sen o mantemento adecuado, afecta non só a eficiencia investigadora, se non tamén directamente á seguridade laboral dos traballadores”. E citan que “aínda quedan sen arranxar varios equipos de laboratorio estragados nunha inundación acontecida en abril de 2022”.
No documento consideran que a falta de colaboración tamén se reflicte na negativa a ocupar, desde maio de 2024, o cargo baleiro de Xefe de Departamento de Pastos e Cultivos e que tampouco se resolveu a prometida incorporación do persoal do INGACAL (predecesor de Agacal), á relación de postos de traballo da Xunta, que lévase anos reclamando.
Así “a existencia de moitas liñas de investigación unipersoais, sen apoio suficiente e sen relevo xeracional, abocan ao abandono de liñas de investigación de interese para Galicia“, afirman os investigadores.
Por último, aseguran que a falta dunhas directrices claras e un proxecto de futuro, no que se valore e potencia o CIAM provoca que os investigadores “expresen a súa intención de concursar a outros destinos que agravaría o futuro do CIAM“. Ante esta situación, os investigadores solicitan ao director da Agacal, que tras coñecer estes feitos, “adopte medidas inmediatas para mellorar as carencias actuais do centro“, e garantir un “ambiente laboral baseado no respecto, a transparencia e o rigor científico”, conclúen.
Reposta da Consellería
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural defende a súa xestión do centro. En concreto, desde o departamento que dirixe María José Gómez comunican que “rexeitamos o diagnóstico que se fai da situación do CIAM e do seu funcionamento e consideramos que non se axusta en absoluto á realidade”.
Engaden desde a consellería que “a Xunta aposta claramente polo I+D+i e pola transferencia de coñecementos ao campo, como se pon de manifesto a través das súas múltiples accións respecto diso”. Como mostra, lembran que “a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organizou o V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, no que se darán a coñecer un total de 35 proxectos que buscan resolver os problemas do presente ao mesmo tempo que tratan de sentar un antecedente das solucións aos retos do futuro”. “Nalgúns destes proxectos participan, precisamente, centros de investigación agraria que xestiona a Consellería”, destacan desde Medio Rural.