Científicos agrarios denuncian a “destrución” do sector por parte da Xunta

Investigadores do CIAM de Mabegondo critican o investimento de 10 millóns no Pazo de Quián en paralelo á "desatención" dos centros públicos

O anuncio por parte da Xunta de Galicia do concurso de ideas para crear no Pazo de Quián (Boqueixón) un “escaparate do rural galego” foi a pinga que fixo rebordar a paciencia dos investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), un dos centros públicos de ciencia aplicada ao sector agrogandeiro que dependen da Consellería de Medio Rural, despois de, segundo as súas palabras, anos de “desatención” ao sector.

A raíz da noticia difundida pola Xunta, os investigadores celebraron unha asemblea da que saíu un comunicado enviado aos medios de comunicación, no que manifestan a súa “preocupación” ante o proxecto, que cualifican como “un novo exemplo do proceso de minado e destrución gratuíta das estruturas de investigación agraria galega” por parte da Administración autonómica.

Publicidade

En palabras de Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do CIAM, e no seu día director xeral de Investigación Tecnolóxica de Medio Rural, a situación cualifícase de ‘saqueo’ de recursos materiais e humanos desde hai anos. “Estamos con apenas o 50% do cadro de persoal cuberto, porque as vacantes non se repoñen cando se producen baixas por razón de idade”. Apuntan tamén que os gastos correntes caeron “desde os 500.000 euros de hai 10 anos aos 100.000 da actualidade”.

Os investigadores din que non se cubren as vacantes de persoal e se reduciron os investimentos nos centros do sector

Unha situación que, segundo Flores, frea a capacidade do CIAM, e tamén doutros centros públicos do sector, de “captar fondos a través de proxectos, porque non dispoñemos de xente para levalos a cabo”. Deste xeito, “hai liñas de investigación que quedan paradas, e hoxe e en día a gran maioría dos investigadores que comezan a súa carreira nestes centros non teñen posibilidades de seguir a súa carreira neles”, ao non poder suceder a investigadores consolidados que se xubilan.

Publicidade

No seu comunicado, os investigadores apuntan que ao proxecto de Boqueixón destinaranse 10 millóns de euros, despois de ter investido hai arredor dun decenio outros 3,2 millóns “mentres as necesidades dos centros públicos de investigación agraria da consellería están desatendidas”. Sosteñen que, con esta cantidade sería posible “a contratación de 12 investigadores especializados durante toda a súa vida laboral“.

Mentres se anuncia este investimento  por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), responsable do CIAM, os investigadores do sector denuncian tamén a “insuficiente dotación de fondos económicos, incapacidade na xestión dos recursos conseguidos en convocatorias públicas de investigación, impagos a provedores de bens e servizos e ausencia de investimentos”, un panorama co que chegou a “niveis impensables non hai moitos anos atrás”.

Afirman que co investimento de Boqueixón acadaríase “”a contratación de 12 investigadores durante toda a súa vida laboral”

A “senrazón” do banco de xermoplasma

Un dos aspectos do anuncio que máis malestar causou entre os investigadores do CIAM foi o da vontade de trasladar ás instalacións de Boqueixón o banco de xermoplasma, que alberga milleiros de especies de sementes catalogadas desde hai varias décadas, no tempo da Granxa Agrícola Experimental de Galicia, nacida en 1888 en Monelos (A Coruña). Entre as argumentacións da Administración autonómica, fálase das condicións “precarias” nas que se atopa o banco no CIAM, algo que negan os científicos que asinan o comunicado.

A decisión tómase, segundo os investigadores, “obviando as infraestructuras e os medios humanos e técnicos existentes neste centro, co que se pon, segundo o seu punto de vista, “en serio risco a conservación do mesmo, impedindo calquera actuación de mellora, posta en valor e utilización deste material xenético autóctono para enfrontar os novos desafíos dos cultivos á pragas e enfermidades, así como á procura de resistencia aos cambios ambientais que conleva o cambio climático”.

Apuntan, do mesmo xeito, que esta decisión “imposibilita o cumprimento dos diversos compromisos subscritos pola propia administración galega en materia de conservación e utilización de Recursos Fitoxenéticos autóctonos nos ámbitos autonómico, estatal e internacional”.

En resumo, os investigadores salientan que “os centros públicos da consellaría desenvolven unha actuación investigadora non subordinada aos intereses privados, cos cales, porén, cooperan activamente en numerosas iniciativas innovadoras para o medio rural, actuando en áreas que a iniciativa privada non aborda”, polo que “a súa destrución será a cambio de nada e a costa de toda a cidadanía”.

Diante da situación que denuncian, os asinantes da nota conclúen que “non estamos dispostos a deixar caer o centro, porque moita xente que traballou antes ca nós fixo posible que se convertera nunha referencia estatal no sector, e queremos que así siga sendo“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Robots agricultores e gandeiros armados de intelixencia artificial: así son as granxas do futuro

A tecnoloxía avanzada transforma a produción agropecuaria e mellora a xestión dos recursos para aumentar a eficiencia e sostibilidade

Por que as hortensias son tóxicas? O caso das cabras que morreron en Baiona

Unha decena de animais dun gandeiro perden a vida tras inxerir restos de poda que contiñan unha planta tóxica capaz de producir cianuro

Unha bacteria presente na xudía común: a solución galega fronte o impacto da agricultura intensiva

Unha investigación da Misión Biolóxica, recoñecida polos premios Proxectos Emprendedores e Startups do CSIC por reducir o uso excesivo de fertilizantes

Máis de 4.000 explotacións galegas usan xa os servizos da Plataforma Dixital Agroforestal da Xunta

É un ecosistema tecnolóxico que xestiona a información e datos de interese para as actividades agrícolas e forestais