Tres martas saltarican polo monte. Unha delas decide concentrarse, coller impulso e subir a unha árbore. Noutra parte do bosque, un gato montés desfila cos aires de confianza que caracterizan os felinos. E moito máis lonxe, un grupo de lobos olen a cámara que os está gravando. Foron os integrantes da organización Rebinxe (acrónimo de Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural) os que colocaron os instrumentos para captar moi de cerca as dinámicas dos animais que habitan nas paisaxes verdes de Galicia. As imaxes recopiladas son un material único que aportan unha gran cantidade de información dos modos de vida de múltiples mamíferos, réptiles e aves, datos que posteriormente son compartidos nunha plataforma web para que poidan ser empregados dende o eido científico.
Rebinxe é unha organización que naceu en 2020 no IES San Rosendo de Mondoñedo (Lugo). Alí emerxeu tamén un proxecto de educación ambiental que aínda se segue desenvolvendo. O coordinador do proxecto, Óscar Chao, explica que a intención do fotomapeo é “facer un seguimento de mamíferos de mediano e gran tamaño“. Como o lobo, do que teñen unha liña de traballo específica de grupos reprodutores na zona da Mariña. O equipo ten distribuídas entre 30 e 40 cámaras por montes galegos, a meirande parte na Serra do Xistral. Gravan todo o que poden e o suben á páxina web observation.org, onde comparten con investigadores todas estas pezas audiovisuais.

“É un traballo diferente porque son rexistros continuados de moitos anos sen mover as cámaras. Non son gravacións puntuais, están constantemente funcionando”, continua Óscar. Estes vídeos rexistran unha gran cantidade de fauna que, para os investigadores do ámbito ou mesmo para os amantes dos animais, son todo un privilexio. “O feito de traballar en series de cinco anos nas mesmas zonas permítenos confirmar a reprodución de especies como o gato montés ou o lobo“, traslada o coordinador de Rebinxe. E, a partir de aí, elaboran tendencias poboacionais, presenzas, abundancias e frecuencias relativas. Isto ademais serve para observar cal é a alimentación destes animais e incluso, identificar enfermidades asociadas a eles. Nestes momentos, Rebinxe traballa nunha investigación de parasitoloxía recollendo feces para ser analizadas.

Observación de 20 mandas de lobo
‘O da la miúda’ é un proxecto que estuda a distribución, reprodución, fenoloxía e etoloxía do lobo no norte da provincia de Lugo. O foto-trampeo permitiu aos observadores conseguir o seguimento de 20 grupos familiares de lobos, con centos de observacións de cada manda. “O da la miúda é un proxecto no que o lobo é o eixo transversal. O esforzo do traballo de campo serviu para obter información sobre o patrimonio paisaxístico, cultural, toponímico, sobre o estado de conservación dos hábitats e as ameazas que sofren, así como datos sobre outros moitos grupos de fauna”, explican dende a asociación.

Por outra banda, o proxecto “Cadullos” que leva a cabo Rebinxe se centra no estudo de diferentes especies que poden actuar como controladoras naturais de pragas ou que son beneficiosas para a agricultura. Mamíferos como o raposo, o gato montés, mustélidos, serpes, insectos, lesmas ou caracois atópansese ameazados e, segundo explican dende Rebinxe, “sobre eles pesan lendas, mitos e crenzas que dificultan a súa conservación”. A organización conta cun amplo repertorio de outras tantas especies que poden ser de interese para a ciencia. Por iso, rexistran todos os animais observados para poñer o coñecemento en mans dos investigadores. “O noso valor é a continuidade das gravacións e temos datos practicamente de todo. Vemos moitas, moitas cousas”, explica o coordinador.