O economista Juan Ramón Quintás Seoane ten estudado con dedicación a poliédrica obra de Manuel Colmeiro. Comparte co Científico Galego do 2023 unha intensa carreira en diferentes eidos, como catedrático de Análise Económica nas universidades de Santiago e da Coruña, alto executivo, presidente ou conselleiro das empresas máis importantes do país, político e deputado na primeira lexislatura de 1979, patrono da Fundación Carolina, Membro do Consello Asesor da Fundación Reina Sofía ou conselleiro electo do Consejo de Estado. Probablemente unha traxectoria tan completa achega a mellor perspectiva para analizar un personaxe como foi Colmeiro en diversos eidos do saber.
—Manuel Colmeiro é definido como un pensador polifacético. En cantos eidos foi quen de brillar con luz propia?
—Ata en catro disciplinas pódeselle considerar como un dos mellores expertos na España do século XIX e cun prestixio amplamente recoñecido no estranxeiro: Economía. Historia, Dereito Administrativo e Dereito Político.
—Colmeiro amosa unha forte conciencia social. Cal era ese pensamento?
—Convén lembrar primeiro que a Inquisición prohibira A riqueza das Nación de Adam Smith (incluíndoo no Index librorum prohibitorum). Consecuentemente tiveron que pasar moitos anos antes de que se dispuxese dunha tradución completa ao español de A riqueza, considerado o texto fundacional da moderna economía. A oposición católica converteuse nunha forte crítica ao capitalismo e á propia Economía Política liberal.
Colmeiro era un fervente católico e os seus primeiros escritos encádranse na chamada economía ecléctica que pretendía un distanciamento crítico tanto, por unha banda, do liberalismo como, por outro, das novas correntes socialistas e reformadoras. O seu posicionamento fronte á cuestión social podería describirse como unha aproximación ao que habería de denominarse posteriormente “doutrina social da igrexa”, xunto con non poucas influencias do socialismo utópico.
“Colmeiro foi tamén un activista, unha forza de cambio económico e social”
—Semella que hai unha evolución ideolóxica en Colmeiro, é certo?
—Si, efectivamente. Existe unha evidente evolución desde o seu Tratado elemental de Economía Política Ecléctica, publicado en 1845, ata os seus Principios de Economía Política entregados á imprenta en 1859. O eclecticismo exhibido no Tratado dilúese en favor dunha aproximación decidida á tradición iniciada por Adam Smith, aínda que conservou un papel para o intervencionismo estatal, ben para compensar os graves problemas sociais creados polo capitalismo emerxente, ben para garantir o gradualismo na implantación da orde liberal en economías problemáticas como o era a española.
—Que factores están na raíz desta evolución?
—Por unha banda, sen dúbida, o desenvolvemento e consolidación da “escola economista” no período entre as dúas obras citadas e, por outra, as continuas turbulencias económicas e políticas na España da época e as orixinadas en Europa pola “revolución de 1848” que en Francia derrubou o réxime de Luís Felipe I e deu lugar á Segunda República Francesa, dirixida por líderes republicanos e socialistas que promulgaron numerosas medidas progresistas. Estas reformas estimularon a emerxencia dunha onda de revolucións políticas e sociais que tiveron lugar noutras partes de Europa (principalmente en Alemaña, Italia e o Imperio Austrohúngaro) ao longo dese mesmo ano. Estas revolucións compartiron a demanda de reformas liberais, democráticas, nacionalistas e, nalgúns casos, tamén de carácter social.
En España a Revolución de 1848 non tivo transcendencia revolucionaria, pero xerou un gran temor entre as clases dirixentes e intelectuais do país. Este desasosego debíase á posibilidade de que as ideas revolucionarias contaxiasen a sociedade española, nun contexto xa marcado pola crise de 1847-1848 e un malestar social alimentado pola miseria das clases obreiras. Como resultado, moitos economistas críticos co capitalismo e a economía liberal abandonaron as súas argumentacións reprobatorias do capitalismo “para non botar máis leña ao lume” e entregáronse sen reservas á ideoloxía liberal.
Colmeiro manifestábase máis como un activista que como un investigador teórico
Colmeiro nunca confesou que fosen tales temores os que lle moveron a suavizar as súas críticas ao capitalismo emerxente, pero a súa “conversión” aseméllase moito ao proceso seguido polo groso dos seus antigos correlixionarios eclécticos, e o propio Colmeiro expresou explicitamente a necesidade de “emendar e corrixir a súa doutrina” tal como quedou plasmado no seu Tratado, argumentando que era “demasiado social”
Confeso que preferiría que Colmeiro adoptase unha postura máis aberta fronte aos cambios en curso, o cal, probablemente, facilitase a adaptación posterior da nosa economía ás grandes transformacións ás que se vería obrigada no futuro. Recoñezo que, quizais, este comentario non sexa xusto, pois o xuízo dunha conduta, para ser válido, esixiría o seu coidadoso encadre no contexto histórico e circunstancial.
—Iso non tería contradito unha vida de culto permanente á prudencia?
—É certamente admirable a prudencia coa que Colmeiro deseña as súas propostas e solucións. Poderíase dicir que con frecuencia identifica nelas o curso de acción que maximiza o cambio, impulsa a reforma, sen provocar a desorde social.
Con todo, e aínda que non é moi coñecido, non sempre foi así. Na súa primeira publicación (1842), habitualmente omitida, mesmo polo propio Colmeiro, na relación das súas obras, sendo xa el, con só 24 anos, doutor e catedrático substituto de Economía Xeral e Aplicada da Universidade de Santiago, dinos que “aos 18 anos cando os facciosos viñan chamar ás portas dos veciños de Santiago, sostiña eu publicamente e coa audacia da irreflexión xuvenil, vivas e encarnizadas polémicas combatendo o goberno absoluto e o tribunal do Santo Oficio”.
Este mesmo documento, de tan só 24 páxinas, é un feroz ataque —cun nivel de agresividade ausente en todas as súas restantes publicacións— contra os que estima responsables dunha descarada corrupción no Concello de Santiago.
“Colmeiro era moi consciente de que Galicia estaba a quedar atrás no proceso de industrialización que estaba a vivir España durante o século XIX”
—Colmeiro propón a eliminación dos foros case medio século antes da súa completa desaparición. Foi un adiantado ao seu tempo?
—Sen dúbida ningunha: Colmeiro non foi o único en avogar pola redención dos foros, pero si foi o primeiro en albiscar na súa globalidade o conxunto de medidas que se deberían adoptar para provocar un cambio na “constitución agraria” e, con iso, eliminar as causas do bloqueo do crecemento agrario e da economía no seu conxunto, pois, na súa opinión, o cambio na estrutura da propiedade e o crecemento da produción agraria alimentarían un incremento dos intercambios comerciais e unha expansión das actividades industriais. O cadro da transformación lenta e gradual da economía galega que albiscaba Colmeiro, completaríase coa instrución pública e as melloras nas vías de comunicación.
—Por que tardaron tanto en aplicarse propostas como estas de Colmeiro?
—O problema máis serio radicaba na importancia social dos perceptores de rendas forais: foristas, subforistas, e parte da burguesía comercial galega que adquirira rendas forais na desamortización. Colmeiro aprendeu coa repetida derrota das súas ideas fronte a tales intereses, que as reformas só poden triunfar e consolidarse se se apoian nun sólido conglomerado de intereses. Noutras palabras, Colmeiro comprendeu a necesidade de contar cun apoio social suficiente.
Por esta razón, gran parte dos seus esforzos, instalado xa en Madrid, centráronse, na difusión das ideas que consideraba axeitadas para España, no cambio de mentalidades, en lugar de buscar unha investigación orixinal no campo das teorías e modelos económicos. Así, manifestábase máis como un activista (dotado cun excelente e pouco habitual nivel académico), que como un investigador teórico (aínda que, desde logo, dedicaba unha grande atención ao estudo do contido e efectos das reformas que defendía).
“Nos seus traballos, avogou por reformas fiscais que permitisen a promoción de industrias locais e a creación de emprego”
—Cando Colmeiro pedía industrialización ou mellores comunicacións, semella que era consciente de que Galicia podía quedar atrás…
—Efectivamente, Colmeiro era moi consciente de que Galicia estaba a quedar atrás no proceso de industrialización que estaba a vivir España durante o século XIX, e que esta situación afectaba negativamente á economía e ao desenvolvemento social de Galicia. Por iso, avogaba por impulsar a modernización económica a través de políticas que favorecesen o investimento e a industria.
Entre as súas propostas atopábase a necesidade de mellorar as infraestruturas de transporte e comunicacións, como estradas e portos, para facilitar o comercio con outras rexións de España e do estranxeiro. Pero tamén a educación e a modernización tecnolóxica. Nos seus traballos, Manuel Colmeiro tamén avogou por reformas fiscais que permitisen a promoción de industrias locais e a creación de emprego.
—Tamén foi un importante historiador. Que salientaría desta actividade?
—O labor de Colmeiro como historiador é impresionante e son varias as razóns que a motivaron. Nalgúns casos simplemente tratábase de chegar a un coñecemento tan exacto como fose posible dos feitos investigados. Noutras ocasións, a súa procura estaba inspirada polo desexo de rescatar as valiosas achegas ao pensamento económico dos antigos tratadistas españois. Finalmente, Colmeiro insistía na necesidade de contrastar as hipóteses e teorías cos feitos para determinar a súa validez e, dada a imposibilidade da economía para validar experimentalmente as súas “leis” e modelos, lembraba a posibilidade de investigar se nalgunha ocasión pasada a realidade respondera ou non segundo pretendía a teoría. Isto último é unha apelación ao método científico e unha das razóns da modernidade de Colmeiro.
En particular, gustaríame salientar que, nun momento en que a Escola Histórica alemá aínda non producira os seus froitos, Colmeiro aborda o estudo da Historia económica de España nunha forma tan ambiciosa como o foi a súa Historia da Economía Política en España, en dous volumes que, publicada en 1863, seguiu sendo reeditada un século máis tarde (por Taurus en 1965 e en 1984 e pola Fundación Banco Exterior, en 1988).
“O seu maior mérito como xurista foi culminar a sistematización xurídica dun novo Estado”
—Como xurista, cales foron os seus valores máis salientables?
—Non son a persoa máis cualificada para responder a esa cuestión, pero se lle interesa a miña opinión direille que, ao meu xuízo, o seu maior mérito foi culminar a sistematización xurídica dun novo Estado, cuxa esencia residía na súa identificación coa Administración; unha Administración pública competente para intervir en todos os aspectos dunha sociedade na que as estruturas burocráticas da antiga monarquía colapsaran, a facenda estaba en bancarrota, as oligarquías locais exercían un estreito control sobre a vida social, as guerras e a inestabilidade política freaban calquera intento por impoñer orde nos asuntos públicos, e existía un clamoroso déficit de recursos para despregar unha forza de funcionarios modernos, cuantiosa e ben preparada. O anhelo, sentido por moitos dos seus antecesores na práctica e a teoría xurídica, en canto á necesidade de deseñar un Estado forte, articulado e eficiente alcanza a súa realización na obra xurídica de Colmeiro.
—Que supón que Colmeiro sexa o primeiro científico social recoñecido como Científico Galego do Ano?
—Para os economistas, unha gran satisfacción polo recoñecemento do carácter científico da nosa disciplina. Pero Colmeiro non só foi un académico sobresaliente, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou múltiples cohortes de economistas, xuristas e historiadores. Foi tamén un activista, unha forza de cambio económico e social. Como tal, alíñase perfectamente co espírito e misión da Real Academia Galega de Ciencias, que, como sabe, é a de “Promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na Sociedade, difundindo a cultura e valores científicos, creando opinión desde a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia”. Se aplicamos isto ao ámbito territorial de toda España, terá unha excelente descrición da motivación de Colmeiro como apaixonado activista social e unha boa pista das razóns da súa elección pola Academia como primeiro científico social.
—Como definiría a Colmeiro en poucas palabras?
—Un gran profesor universitario comprometido co seu tempo e un activista social obsesionado pola mellora da vida do home mediante a modernización económica, social e política.














