Hifas da Terra, a primeira empresa spin-off da Universidade de Santiago, está a piques de entrar no ano do seu 25 aniversario cunha presenza internacional moi importante e como líder europeo do sector dos fungos medicinais. A empresa asentada en Pontevedra vén de sumar recentemente un novo premio á súa traxectoria, o Selo de Calidade na VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, convocados por Gciencia.
A fundadora e actual CEO da empresa, Catalina Fernández de Ana, explica que os inicios foron duros ata que no 2007 chegou o primeiro éxito e a partir dese momento afondouse na investigación sobre as propiedades dos fungos para convertelos en produtos. Dende entón a evolución foi imparable é hoxe Hifas da Terra e a biotecnolóxica máis grande de Europa no terreo da investigación sobre fungos medicinais e a única especializada en micoterapia con ensaios clínicos.
A empresa conta actualmente con máis de 50 referencias no mercado e están presentes en máis de 30 países con distribuidoras e conta con cinco filiais en Europa (Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido e España). A facturación rolda os 13 millóns de euros e para o ano próximo está previsto o desembarco en Estados Unidos.
Ninguén podía agardar en 1999 un éxito tan contundente dunha idea que naceu por iniciativa da súa actual CEO cando o emprego dos fungos no campo da biotecnoloxía era un terreo practicamente descoñecido en España. Ademais, o modelo de negocio posto en marcha por Hifas da Terra incidiu dende o primeiro momento en aspectos hoxe moi populares como a sostibilidade. “Para nós a sostibilidade é a única forma de vida. Xeramos a nosa propia enerxía, temos pozos de auga propios, apostamos pola reutilización dos residuos e en xeral tratamos de aproveitar todo o que nos ofrece o medio rural porque iso foi así dende o principio”, sinala a CEO.
Tamén é natural a presenza da muller na empresa, que conta cun equipo integrado por elas nunha porcentaxe do 70%. “Nós non temos en conta se a persoa que se presenta a un proceso de selección é home ou muller pero polo que sexa temos unha presenza moi elevada de mulleres na empresa”, indica Fernández de Ana.
Hifas dedica máis do 60% dos seus beneficios a investimento en I+D e conta actualmente con máis de 15 estudos activos que inclúen ensaios clínicos altamente innovadores vinculados aos proxectos Micromarker (cancro de colon) e Microinmunomama (cancro de mama), que se están a desenvolver en colaboración cos hospitais públicos de Ourense e Vigo, respectivamente.
Entrada no mercado americano
A CEO de Hifas da Terra considera que hoxe en día existe en Galicia un modelo de emprendemento “moi interesante” xa que hai moitas axudas para poñer en marcha unha idea empresarial e a tecnoloxía permite acceder a un mercado mundial dende os primeiros momentos. “Nós tivemos que aprender do que se facía en outros países e tivemos claro que había que apostar pola internacionalización cando o proxecto empezou a medrar”.
Cara ao futuro, Fernández de Ana explica que os obxectivos son achegarse cada vez máis aos clientes e cubrir as necesidades que aínda están pendentes. Seguirán apostando polo desenvolvemento de produtos no ámbito dos suplementos alimenticios (micoterapia) e tamén pola aplicación dos coñecementos adquiridos ao terreo da veterinaria coa filial Hifas Vet, sen esquecer seguir investigando as posibilidades farmacolóxicas nos fungos.
Ademais, está pendente o reto de entrar o próximo ano no complicado mercado de Estados Unidos. “Todo o que facemos en Hifas sae da investigación porque é como entendemos que hai que facer as cousas. O obxectivo final é o de ofrecer un produto excelente e que ofreza algo que non estaba no mercado ao cliente”, conclúe a CEO da empresa.














