Sábado 27 Abril 2024

Gciencia arrinca unha nova edición do ciclo de charlas e mesas redondas ‘Ciencia en feminino’

O programa desenvolverase os xoves 14 e 21 de marzo e os días 4 e 11 de abril ás 19.00 horas e en 'streaming'

As vocacións femininas, o efecto Matilda, os obstáculos de investigar no estranxeiro, a conciliación e a transferencia do coñecemento científico á sociedade. Estes serán algúns dos temas que se abordarán na nova edición de Ciencia en feminino, un ciclo de charlas e mesas redondas en liña organizadas por Gciencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra. As actividades programadas desenvolveranse ás 19.00 horas os xoves 14 e 21 de marzo e os días 4 e 11 de abril en formato vídeo, que se poderán seguir en directo a través das redes de Gciencia. Ao día seguinte de cada sesión as charlas e mesas redondas estarán dispoñibles en formato pódcast en todas as plataformas. En todas as actividades de Ciencia en feminino contaremos coa participación de investigadoras galegas de recoñecido prestixio coas que abordaremos a situación da muller na ciencia.

A continuación podes consultar o programa:

Publicidade

14 de marzo. Mesa redonda sobre vocacións científicas

Tres investigadoras séntase na primeira sesión de Ciencia en feminino para abordar as vocacións científicas. Relatarán a súa experiencia como estudantes de doutoramento e os obstáculos aos que tiveron que facer fronte pola súa condición de muller e científica. Falarán das eivas no financiamento e no impacto que ten a incerteza da ciencia sobre a saúde mental feminina. E, por suposto, como se poden espertar as vocacións científicas entre as nenas que algún día elas tamén foron.

Alicia L. Bruzos é doutora en Medicina Molecular pola Universidade de Santiago (USC) e investigadora en cancros contaxiosos mariños. Actualmente está a traballar na Universidade de Normandía (Francia).

Blanca Moncunill Solé é paleobióloga e investigadora posdoutoral en paleobioloxía e evolución de pequenos mamíferos, especialmente lagomorfos (unha orde que inclúe coellos e lebres). Doutora en Biodiversidade pola Universidade Autónoma de Barcelona, actualmente traballa na Universidade da Coruña a través do programa posdoutoral da Xunta de Galicia.

Uxía García Luis é a primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Vigo. Actualmente é investigadora posdoutoral no Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) sobre análises termo-elásticas de telescopios espaciais.

21 de marzo. Conversa son Catalina Fernández de Ana Portela

A micóloga Catalina Fernández de Ana Portela é doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola USC e directora xeral de Hifas da Terra, unha empresa biotecnolóxica con sede en Pontevedra centrada no desenvolvemento de nutracéuticos a partir de fungos medicinais. As principais áreas de investigación da compañía galega, fundada pola propia Catalina Fernández hai máis de dúas décadas, son os estudos sobre cancro, saúde cerebral, saúde cardiovascular e enfermidades autoinmunes.

4 de abril. Mesa redonda sobre investigar no estranxeiro

A terceira sesión de Ciencia en Feminino reunirá a tres investigadoras galegas que están a investigar ou investigaron no estranxeiro. Nesta actividade abordaremos cal é a situación da ciencia en Galicia en comparación con Francia, Reino Unido e Estados Unidos. Tamén, se se sentiron algunha vez excluídas ou discriminadas por ser mulleres e como ven ou viron elas a igualdade de xénero nos centros nos que traballan ou traballaron. De igual modo, abordarase a conciliación e accesibilidade a bolsas de estudo, sempre en comparación cos países nos que elas están a desenvolver as súas investigacións.

Raquel Lama é doutora en Bioloxía e investigou no grupo de Viroloxía Molecular de Peixes no Instituto Nacional para a Investigación Agronómica (INRAE) en Francia. Actualmente traballa na USC cun contrato Juan de la Cierva.

Cristina Lazcano é doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo (UVigo) e actualmente é profesora asistente de Solos e Nutrición Vexetal na Universidade de California Davis. Investiga en cambio climático.

Carmen Figueras é estudante de Londres no Instituto Francis Crick, en Londres, onde investiga sobre o virus da gripe.

11 de abril. Conversa con Begoña Vila

A astrofísica viguesa Begoña Vila está especializada no estudo de galaxias espirais e traballa actualmente na NASA. É unha das responsables do telescopio espacial James Webb, un instrumento que está cambiando a maneira na que se observa o universo grazas á súa tecnoloxía de infravermellos. Recibiu numerosas conmemoracións e premios ao longo da súa carreira profesional. A NASA, por exemplo, premiouna coa medalla ao Logro Público Excepcional por contribuír á misión da axencia espacial. En Galicia tamén se premiou co premio María Josefa Wonenburger en 2017 pola súa traxectoria no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.


Podes consultar aquí o programa completo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:59:50

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Científicas no estranxeiro

As galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras explican as súas experiencias investigando noutros países