Xoves 28 Marzo 2024

A análise xenética dos excrementos revela a dieta das lontras de Cecebre

A colaboración entre investigadores da UDC e a spin-off AllGenetics usa unha novidosa técnica e detecta a presenza de troita arco da vella no encoro

Alejandro Martínez Abraín, profesor e investigador sobre Ecoloxía na Universidade da Coruña, comezou en 2014 a estudar con detalle as lontras (Lutra lutra) que atoparon no encoro de Cecebre, preto da cidade, un lugar moi acaído para vivir. Sabíase que residían na zona, como noutras presas de Galicia, pero non se coñecía moito sobre como era o seu comportamento. Unha das cousas que lle chamou a atención ao investigador foi que era cada vez máis fácil velas pescando en pleno día polo encoro. Pouco a pouco, as lontras están “perdendo o medo á xente desde que non son perseguidas pola súa pel, ou como inimigos da pesca” e, por tanto, facéndose máis diurnas, cando antes se movían máis de noite.

O estudo iniciado por Martínez Abraín acaba de desembocar nunha colaboración que publica a revista Hydrobiologia, na que participan investigadores da UDC e a spin-off AllGenetics, nacida nesta mesma universidade. Esta empresa, que é referencia na técnica DNA metabarcoding, contribuíu coas súas análises a detectar os cambios de dieta da lontra en función da estación e, ademais, revelou un dato descoñecido ata agora. Segundo explica Marta Vila, coordinadora do traballo e xenetista do departamento de Bioloxía da UDC, “puidemos detectar un dato descoñecido ata agora para Emalcsa, a xestora do encoro: a presenza de troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss)”.

Publicidade

Actualmente viven en Cecebre arredor de sete lontras, calcula Abraín, ademais dalgunha máis que aparece de forma puntual. “Non teñen máis inimigos que os atropelos na estrada e a vía do tren”, explica, e estase proxectando un paso subterráneo na estrada que vai a carón do encoro para minimizar estes riscos.

A presenza das lontras neste encoro é relevante polo seu papel de control de especies exóticas, como a carpa vermella (Carassius auratus) ou caranguexo americano (Procambarus clarkii), o que axuda a reducir o impacto destas sobre os anfibios e outra fauna nativa.  Abraín conta que “comen moi poucas troitas en xeral, xa que lles resulta máis doado comer peixes herbívoros lentos ca depredadores rápidos, como as troitas”.

Lontras e cormoráns

“Xa se sabía que nos encoros españois e portugueses, a dieta das lontras variaba entre a baseada no cangrexo americano na primavera-verán e o peixe no outono-inverno”, expón Marta Vila. Con estes datos, “o que nos propuxemos foi explorar máis a fondo os factores que condicionan os cambios de dieta na lontra dos encoros”, continúa.

Así, decidiron estudar diversas variables tanto en Cecebre como no encoro de Eiras (Pontevedra). “Pensamos que os cambios intencionados de nivel de auga entre primavera-verán e outono-inverno así como a a presenza, ao principio do outono, de bandadas de cormoráns, que son auténticas máquinas pescadoras, podían influír”, engade Vila.

Unha das defecacións das lontras analizadas para o estudo.
Unha das defecacións das lontras analizadas para o estudo.

O estudo confirma que “o cambio no nivel de auga do encoro inflúe no cambio da dieta do caranguexo (primavera e verán) ao peixe (outono e inverno)”, expón Marta Vila. O achado de AllGenetics mediante o DNA metabarcoding foi a diferenza debida á redución da actividade vital da carpa vermella e, de forma secundaria, pola presenza, ou non, dos cormoráns: “No outono, a carpa vermella domina totalmente a dieta piscívora das lontras”. Porén, no inverno, a ocultación destes peixes, que se van ao fondo do encoro e mesmo se enterran, leva ás lontras a mudar de dieta e denótase a presenza doutras especies na dieta, como a boga do Douro (Pseudochondrostoma duriense).

Segundo explica Martínez Abraín, “traballamos a partir dos restos pouco dixeridos de alimento, chamados spraints en inglés, uns excrementos algo especiais”. A técnica DNA
metabarcoding, segue o investigador, “ten a vantaxe, respecto ás análises convencionais, de ser menos vulnerable aos erros por dixestibilidade diferencial das presas”.


Referencia: Determinants of Eurasian otter (Lutra lutra) diet in a seasonally changing reservoir (Publicado en Hydrobiologia).

2 COMENTÁRIOS

  1. Martínez Abraín tamén é un fantastico divulgador. Publicou durante varios anos na revista Quercus artigos breves moi amenos e suxerentes que recolleu en tres pequenos volumes que recomendo a calquera con curiosidade polo mundo natural. Os títulos xa dan unha idea, El Detective Ecológico, El Lenguaje de la Biosfera e Una Golondrina no hace Primavera. Todos en Ediciones Rodeno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Retirados máis de 1.000 cangrexos americanos do encoro de Cecebre

Esta actuación prevé reducir a distribución dunha especie invasora considerada unha das "máis perigosas" de Galicia

A abraiante e preocupante historia da carpa ‘doméstica’ que se volveu xigante

O achado de individuos de gran tamaño en lagos de Minnesota despois de ser abandonados pon o foco nos graves riscos destas prácticas

Unha empresa coruñesa, nun estudo pioneiro sobre o ADN das raíces

AllGenetics participa nun traballo coa Universidad Rey Juan Carlos, a Complutense e o Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias

Oleiros acolle cursos pioneiros en Europa sobre secuenciación masiva e bioinformática

A empresa AllGenetics ofrecerá durante 2019 formación especializada para investigadores sobre as técnicas punteiras no mercado