A abraiante e preocupante historia da carpa ‘doméstica’ que se volveu xigante

O achado de individuos de gran tamaño en lagos de Minnesota despois de ser abandonados pon o foco nos graves riscos destas prácticas

Non por ter constancia de acontecementos semellantes no pasado deixa de sorprender. En Galicia hai mostras de abondo sobre canto se pode alterar un ecosistema por mor da introdución de especies foráneas ou, nalgúns casos, de animais ou vexetais ‘domésticos’ que se liberan na natureza. É o caso do porcoril, o caranguexo americano, as mimosas ou diversos tipos de carpas. E precisamente unha especie desta familia dos ciprínidos foi protagonista dun episodio en Minnesota (Estados Unidos) que percorreu as redes nos últimos días: un exemplar de carpa vermella (Carassius auratus) de enormes dimensións capturado nunha zona de lagos e lagoas preto do río Minnesota, afluente á súa vez do Mississippi.

A mensaxe de advertencia lanzouna a conta oficial da cidade de Burnsville. “Por favor, non soltes ás mascotas de carpa vermella nos lagos e lagoas. Medran máis do que cres e provocan o deterioro da calidade da auga, arrasando os sedimentos do fondo e arrancando as plantas acuáticas. Grupos coma este foron atopados recentemente no lago Keller”.

Publicidade

A zona na que se produciu o achado deste tipo de carpa, tal e como expoñen as autoridades, está inzada de lagos e canles que conectan uns cos outros, o que facilita a dispersión destas especies no ecosistema. Ademais da rápida repercusión nas redes, medios como The Washington Post ou a radio pública estadounidense NPR recolleron o achado.

A carpa vermella é un animal con orixes no leste de Asia, e moi común nos acuarios domésticos, pero as súas características convértena nunha especie que pode alterar os ecosistemas cando se libera en espazos naturais. Nos últimos anos, en diversas partes do mundo estanse a converter nun importante problema, en boa medida, pola liberación de exemplares que estaban anteriormente en catividade. Non sempre é preciso liberalas directamente nos ríos ou lagos, xa que ás veces poden acabar na natureza ao ser botadas polos retretes.

Publicidade

Os exemplares de carpa vermella poden resistir en condicións extremas e alterar os espazos aos que chegan, causando así un efecto dominó que afecta a especies anteriormente presentes neses lugares. Non só pola súa acción directa, senón por outros factores: poden ser vectores de parasitos moi daniños para outras especies coas que comparten espazo. Ademais, as súas taxas de reprodución son moi elevadas e non teñen depredadores naturais, o que incrementa o seu impacto. No condado de Carver, tamén en Minnesota, os operarios chegaron a retirar nun só día entre 30.000 e 50.000 exemplares que infestaban algunhas zonas lacustres.

A liberación da carpa vermella na natureza está prohibida en numerosos países, como é o caso de España, ao incluírse nas listaxes de especies exóticas invasoras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Manuel, Celso e Abel: os galegos que loitaron con EEUU na Segunda Guerra Mundial

O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín participa en tres estudos que poñen o foco en emigrantes galegos que combateron no conflito internacional dende América

Nova polémica científica de Trump: vincula o autismo coa toma de paracetamol no embarazo

O Goberno estadounidense proporá, segundo o Washington Post, a leucovorina como posible cura a pesar do escepticismo da comunidade científica

A empresa galega Alén Space culmina con éxito o lanzamento do seu novo satélite dende California

O obxectivo do aparello creado en Nigrán é abrir unha nova era no sector marítimo e contribuír á súa dixitalización

Tres mortes por sarampelo en EEUU: causas e síntomas dunha doenza sen tratamento

O número de defuncións xa é igual ao total dos anteriores 24 anos e a cifra de contaxios é maior que en todo o 2024