Ao percorrer nos meses de primavera e comezos de verán as estradas das provincias de Pontevedra e Ourense, sorprende o manto amarelo que se estende ás beiras das estradas e boa parte dos montes. É o momento da floración da mimosa (Acacia dealbata) unha especie exótica invasora que nos últimos lustros aproveitou o desmantelamento da sociedade rural e a degradación medioambiental causada polos lumes para facerse dona de grandes superficies forestais en Galicia.
“O problema acadou xa unha dimensión que nos obriga a ser realistas, e asumir que están para ficar”, lamenta Jonatan Rodríguez, investigador en Ecofisioloxía das plantas formado na UVigo no grupo do profesor Luís González, e que actualmente se atopa nunha estadía posdoutoral na República Checa despois de ter realizado varios traballos nos últimos anos arredor da especie.
A falta de investimentos para manter accións duradeiras no tempo contra a mimosa é unha das respostas que poden explicar a consolidación da especie. “Parte do traballo de investigación está feito, a disposición das administracións que queiran investir recursos, pero parece que hai pouco interese en levalos adiante”, expón Rodríguez.
O descontrol dunha planta ornamental
Como outras especies exóticas que tamén dominan hoxe a paisaxe galega, a mimosa procede de Australia. “Ao principio colocouse nas casas con fins ornamentais, xa que tiña unha floración bastante fermosa, un crecemento rápido e un aroma agradable”, lembra o investigador. As súas características levaron a que fose utilizada para fins que contribuíron tamén na súa propagación: “En moitas estradas de Ourense e Pontevedra comezou a sementarse nos noiros para consolidalos, xa que a súa raíz é grande e axuda a fixar o terreo; e por outra banda, ao ter varas fortes e rectas, colocouse nos viñedos para sostelos”.
Chegou entón o baleirado de boa parte do rural que, precisamente, levou a moita xente a coller o camiño cara á costa que hoxe traza a A-52. “A xente comezou a abandonar montes, pastos e cultivos, e a mimosa atopouse cunha situación moi acaída para ocupalos”, explica Jonatan. “Medra moi rápido, solta moita semente e ao intentar cortala, se non se fai da forma axeitada, os rebrotes son moi fortes. En algo máis dun ano pode acadar xa un tamaño que fai moi difícil a súa xestión”, continúa.
A falta de financiamento e apoio á investigación sobre a especie impide que continúen proxectos clave para frear a expansión
Ribeiras e áreas queimadas, zonas críticas
As condicións que precisa a mimosa para medrar e as súas características son a explicación do seu éxito en dúas áreas nas que o impacto se está a notar en maior medida. “O problema é bastante serio nas ribeiras, algunhas delas en Rede Natura, e outras zonas húmidas. É unha especie que precisa de moita auga e humidade, e nestas zonas tena; e coa capacidade de propagación que ten, acaba gañando a competencia ás árbores autóctonas”, conta Jonatan.
Outro espazo no que atopan vía libre é nas áreas queimadas, sobre todo nas áreas de mato. “Demostrouse que se ven favorecidas polos lumes, sobre todo os que non son tan severos, que queiman a vexetación pero permiten a supervivencia das sementes. E as de mimosa son das que máis posibilidades teñen de impoñerse”. Así, cando comezan a medrar, impiden que o mato se recupere e non medren especies como os piñeiros ou árbores caducifolias, e modifican as características do solo e impiden, pola súa densidade, o paso da luz ata o sotobosque.
Expansión
Á magnitude da invasión en áreas máis acaídas para o crecemento da mimosa engádense detalles que preocupan aínda máis a quen está estudando a súa expansión. “A súa grande plasticidade fenotípica está favorecendo que soporten cada vez mellor as temperaturas baixas, incluso nos días de xeadas. E o mesmo acontece coa altitude. Antes era moi difícil velas por riba dos 1.000 metros, pero xa se está detectando en espazos como O Courel, en altitudes superiores”, apunta Rodríguez.
Ademais, outras especies do mesmo xénero, tamén invasoras, como a acacia negra (Acacia melanoxylon), xeran problemas en zonas con maior presenza do eucalipto, sobre todo na provincia de Pontevedra. Rodríguez explica: “Sementouse en plantacións forestais de eucalipto para favorecer a nitrificación do solo, pero o seu crecemento tamén se descontrolou; agora ocupa tamén áreas de piñeiro e outros espazos”.
Esta aclimatación e avance das especies de acacia xa está dando pé, segundo os traballos de campo realizados, a unha substitución a gran escala dos ecosistemas. Lembra o investigador que “hai estudos que constatan as alteracións da biodiversidade non só a nivel vexetal, senón tamén en invertebrados: nos espazos ocupados por estas plantas invasoras xérase algo así como un ‘efecto fervenza’, e os animais asociados as plantas nativas vense substituídos por insectos praga e outras especies exóticas. E isto supón unha alteración da dinámica dos ecosistemas”.
Solucións?
Ante a dificultade de acometer a invasión polo seu volume, a idea dos investigadores que analizan a mimosa en Galicia é práctica: “O recomendable é centrar os esforzos nas áreas de maior interese, que aínda se poden ‘salvar’. Sabemos que hai varias estratexias que funcionan. Unha delas é cortar os troncos case a nivel do solo e botar herbicida sobre o cañoto: demostrouse que hai unha porcentaxe elevada que non volven agromar”. Tamén se probaron outros métodos, como descascar a cortiza para probar a seca da árbore, que ao longo do tempo acaba producindo a morte. Porén, insisten en que todos estes métodos se deben realizar coas precaucións debidas para evitar o espallamento das sementes, que ás veces pode facer medrar a invasión.
Agora mesmo, parte destes traballos están en punto morto debido á falta de financiamento. “Tiñamos, por exemplo, a idea de facer un traballo para investigar como inflúe a sementeira de especies nativas que puideran competir coa mimosa, como o toxo ou a xesta”. Pero como Jonatan, actualmente na República Checa, outros compañeiros que investigaban o tema tiveron que buscar novas liñas de estudo ou saír fóra para traballar.